O Concello de Vigo vén de presentar alegacións contra o proxecto de cidade deportiva que o Real Club Celta de Vigo Sociedade Anónima Deportiva quere construír nun monte do veciño municipio de Mos lindeiro co seu propio termo municipal. O goberno local considera que o proxecto “non se axusta a dereito” e terá ademais efectos negativos sobre a cidade que non foron analizados. En particular, critica que inclúa o centro comercial “máis grande da área metropolitana” sen avaliar a súa interacción con outros proxectos similares xa en marcha en Vigo ou na comarca senón só no termo municipal de Mos.
O PP sae en defensa do proxecto impulsado polo municipio veciño e o dono do club para recualificar e expropiar 864.000 metros cadrados de monte
O proxecto do Celta, que impulsan o goberno local de Mos, do PP, e o propietario da sociedade deportiva, o empresario Carlos Mouriño, co aval do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afecta a 864.000 metros cadrados, a metade de monte comunal. O Concello de Mos é quen está a tramitar ante a Xunta a recualificación dos terreos para despois expropialos e entregarallos en concesión ao Celta, que construirá neles varios campos de fútbol e un centro comercial de 120.000 metros cadrados que considera imprescindible para facer viable o proxecto. Porén, o proxecto exposto a información pública non analiza a interacción dese centro comercial con outros xa en funcionamento ou en proxecto nin ten en conta a contestación social xerada por outro complexo similar, o coñecido como Porto Cabral, que se quere instalar a pouco máis de dous quilómetros de alí, tamén noutro monte comunal.
“Existen a día de hoxe varios proxectos comerciais en curso que deberían incorporarse á análise para avaliar a necesidade e oportunidade dunha área comercial non programada no concello limítrofe de Mos para atender maioritariamente a usuarios de Vigo”
Esa é unha das críticas que reflicte o Concello de Vigo, dirixido polo socialista Abel Caballero e enfrontado tanto á Xunta e o PP como ao propietario do Celta, nas alegacións que vén de presentar ao proxecto: “Limítase a avaliar os efectos dunha área comercial de 120.000 metros cadrados sobre o comercio de Mos, sen facer ningunha valoración dos claros efectos negativos sobre o comercio local de Vigo nin sobre a capacidade de acollida de Vigo para os desenvolvementos en execución ou previstos en Vigo, e sobre a xustificación da hipotética necesidade de atender a demanda de Vigo dende o concello de Mos. O Concello de Vigo engade que na cidade “existen a día de hoxe varios proxectos comerciais en curso que deberían incorporarse á análise para avaliar a necesidade e oportunidade dunha área comercial non programada no concello limítrofe de Mos para atender maioritariamente a usuarios de Vigo”.
Ao tempo que o proxecto non ten en conta os efectos do centro comercial sobre a cidade de Vigo, si que traballa coa previsión de infraestruturas viarias planificadas para o termo municipal da cidade e das que se beneficiaría. Vigo critica que a construción dese complexo suporía cargas tamén para o seu transporte público e o seu sistema de xestión da auga que non foron tidas en conta.
Vigo critica que a concesión dos terreos ao Celta despois de que sexan expropiados polo Concello de Mos se faga "sen concurso público"
O Concello de Vigo tamén critica a tramitación administrativa do proxecto, que describe como “unha reclasificación de solo rústico especialmente protexido a urbanizable con uso deportivo privado, usos complementarios e equipamento comercial, adquirido por vía expropiatoria para a súa cesión posterior directa ao club e que este poida compensarse -cando menos- o investimento deportivo coa venda da superficie comercial máis grande da área metropolitana de Vigo, o que constitúe unha actividade lucrativa para esa entidade privada”. Unha concesión de terreos que o goberno local de Caballero critica que se faga “sen concurso público”.
Vigo censura tamén que o plan de urbanismo de Mos foi aprobado hai pouco máis dun ano, polo que non considera que se producisen desde aquela cambios substanciais que xustifiquen a súa modificación. En particular, considera que nada cambiou desde aquela nese monte para considerar que deba deixar de ter protección forestal e que poida así ser expropiado á súa comunidade de montes propietaria. Por todo o anterior, o goberno local de Vigo conclúe que o proxecto “non é compatible co uso racional do territorio, a sustentabilidade ambiental, e dana as finanzas do Concello de Vigo".
As alegacións de Vigo asínaas o xerente de Urbanismo e diríxense contra contra un proxecto, o da recualificación dos terreos de Mos, elaborado por un antecesor seu, Javier Rivas
Esas alegacións do Concello de Vigo están asinadas polo seu xerente de Urbanismo, Carlos Hernández, e diríxense contra un proxecto, o da recualificación dos terreos de Mos, elaborado por un antecesor seu, Javier Rivas, que como tal é coñecedor en profundidade do urbanismo da cidade. Cando o proxecto se fixo público, Rivas, en conversa con este diario, admitía que sería desexable unha visión supramunicipal do mesmo pero argumentaba que a lexislación só obriga a analizar o municipio en que se empraza o proxecto.
Tras coñecerse as alegacións do goberno local vigués, tanto o PP como o propietario do Celta cargaron contra o alcalde, Abel Caballero. A formación conservadora tentou facer ver que o rexedor ataca o club de fútbol e os seu aficionados. Pola súa banda o empresario volveu ameazar coa posibilidade de que o seu equipo deixe de xogar no estadio municipal de Balaídos, orixe do conflito co Concello de Vigo despois de que a negativa municipal a venderllo fixese que o club decidise impulsar a súa propia cidade deportiva.