0 Gardados para despois

Mouriño lanza un ultimato ao Concello: ou lle vende Balaídos ou vende o Celta

Redacción | @prazapublica

Mouriño rachou o silencio e lanzou un ultimato. O presidente do Celta compareceu ante os medios durante case hora e media logo de meses de ruxe-ruxes e incertezas sobre o futuro dun club polo que un grupo investidor chinés ten preparada unha oferta e que ten na recámara máis pretendentes. Lanzou un ultimátum para non vender a entidade a mans foráneas e continuar á fronte: que o Concello de Vigo lle venda o estadio municipal de Balaídos. "Se se pode dar, ben; senón, tan amigos, pero eu non continúo", dixo deixando a pelota no tellado do alcalde Abel Caballero. 

Mouriño lanzou un ultimátum: ou o Concello lle vende Balaídos ou el vende o Celta a un grupo investidor

"Non podo continuar se xa non creo no proxecto", argumentou Mouriño, que foi todo o claro que non fora durante semanas pero que tamén deixou incógnitas. Ademais, revelou que o seu paquete accionarial xa non é do 52% senón do 65%. "Se queren continuidade, o Celta comprométese a comprar o estadio de Balaídos. A obra non lle custaría un céntimo á cidade, pagaríaaa o Celta. Que o compromiso sexa de todos, señores, non só dunha persoa", continuou para explicar con detalle o seu plan, ese que evitaría que o club acabase nas mans do holding chinés que xa visitou as instalacións. 

"Balaídos é público e seguirá sendo público", contestou Caballero ante o ultimato de Mouriño

Caballero, antes de escoitar a rolda de prensa, contestou xa ante as preguntas dos xornalistas nun acto no MARCO. Non se venderá o estadio. "O noso gran proxecto de Balaídos segue adiante; é patrimonio histórico da cidade e forma parte da alma de Vigo e estamos encantados de que sexa así", dixo, para engadir que non contempla "a súa privatización" pero que o Celta "teno á súa enteira disposición". "O Celta vai ter toda a cooperación desta cidade, pero hai que cumprir as normativas e as leis", advertiu, aínda que advertiu que falará con Mouriño para que lle presente o proxecto. "É público e seguirá sendo público", engadiu. 

Antes, Mouriño explicou que el poría como aval para o pagamento das obras do estadio as súas accións no Celta a través do Grupo GES. Así, de non pagarse, a entidade quedaría en mans do Concello. E puxo sobre a mesa dúas alternativas: ou o Concello paga a obra do estadio, o Celta faina e ao final págalle a parte; ou a entidade acaba a obra, págalla en dez anos e o club queda con toda a parte comercial. Deste xeito, as zonas libres do estadio poderíaas "explotar" o Celta: "todo a nome do Celta e todos os beneficios irían para o club". 

"Non hai prazos, todo dependerá do que tarde a cidade en dicirme si ou non", advirte o presidente do Celta

"Eu non podo dar datas, téñenas que dar os políticos; non hai prazos, todo dependerá do que tarde a cidade en dicirme si ou non", engadiu logo sobre o futuro máis inmediato para acabar asegurando que á súa idade precisa "ter un motivo suficiente para estar afastado da familia". Ademais, asegurou que esta fórmula propón é a única para "volver recuperar a ilusión" e advertiu que é "o único que move ficha e expón o seu capital". 

Mouriño avisou tamén que, de "blindar o Celta" podería "blindar a continuidade" e mesmo "preparar un neto para que lle dea continuidade". Pero antes advertira tamén que, nas circunstancias actuais, se lle din que prepae un dos seus nove netos para que sexa presidente "diría que non". "Non lle vexo futuro a longo prazo, dígoo como o sinto", manifestou quen se amosou decepcionado pola pouca iniciativa de política e empresariado galego e vigués para darlle unha alternativa á entidade. 

Mouriño reprocha que ningún capital galego ou vigués achegase "a máis mínima posibilidade de facerse cargo do Celta"

"É moi bonito falar e dicir que non se venda", dixo, tras preguntar se alguén vira na prensa ou chegara ao club "unha soa proposta dalgún celtista, algunha proposta do que se pode facer ou dalgún capital galego ou vigués que fale da máis mínima posibilidade de facerse cargo do Celta". "Farei o que crea mellor para o Celta e se o que creo mellor é darlle solidez cun futuro que non vexo despexado e iso implica a venda, vendereino", insistiu tras lembrar que pelexou "a morte" para que a entidade quedase en Galicia. "Non o conseguín". 

Ademais, recoñeceu ter varias ofertas e nesta mesma semana ter recibido unha de Qatar para mercar o club. "Levo oito anos esperando pola cidade", volveu reprochar, para despois pedir que as administracións lle dean "o que lle deron ao Real Madrid, ao Valencia ou ao Sevilla… Ao Murcia ou ao Athletic de Bilbao". E volveu lanzar reproches: "Podo prometer que unha das persoas que máis falou na prensa criticando a operación, ao día seguinte chamou para ofrecer as súas accións. E quédaseche unha cara de parvo impresionante".

Ao tempo, advertiu que non era unha cuestión só de cartos e que se algún grupo lle ofrecía máis cartos que os chineses pero o proxecto non o vía positivo para o club, non vendería. E rematou aludindo a Caballero e preguntándose se "pode ou non cumprir o que lle pide o Celta". "Non me meto na parte legal; o alcalde meréceme todo o meu respecto e seguirá sendo amigo", concluíu logo de que cargase con dureza contra a portavoz do PP no Concello, Elena Muñoz. 

Nas redes sociais, Rubén Pérez, voceiro da Marea de Vigo, cualificou de "intolerable" a rolda de prensa de Mouriño. "Vendédeme o estadio e logo xa especulo eu con el", ironizou o portavoz no Concello, que se amosou de acordo coa reacción de Abel Caballero. 

Rolda de prensa de Carlos Mouriño

© RCCelta

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O presidente do club carga con dureza contra Elena Muñoz

Na súa rolda de prensa, Mouriño foi especialmente duro coa voceira do PP no Concello de Vigo, Elena Muñoz, logo de que esta especulase coa posibilidade de que o Celta non xogase en Balaídos se o club era vendido ao grupo chinés CITS. "Os que dirixían este club cando o deixaron en bancarrota, cando o saquearon e cando baleiraron as caixas eran capital galego, eran capital vigués e eran vigueses", advertiulle, tras lembrar que non a oíu "pronunciarse" cando se atopou con esa situación na entidade. 

"Os que saquearon baleiraron as caixas deste club eran capital galego e vigués", lémbralle Mouriño a Muñoz

"Non dixo absolutamente nada, se cadra porque eran dos seus, os que se aproveitaban do club para saltar á política", dixo Mouriño, que asegurou que lle facía "graza" e que ata se podía "permitir ir cando falta de sentimentos vigueses". "Dá a impresión de que non se lembra de Caixanova", continuou Mouriño, que lle reprochou que "quedase calada" cando a xente se manifestaba contra a fusión dunha caixa "de sentimento moi vigués" tamén. "O máis cuiroso é que despois da fusión se vende e a capital estranxeiro... Que pecado. Como se pode cometer ese erro con algo que era un sentimento vigués e acabou en mans de capital estranxeiro?", preguntouse con retranca. 

Mouriño lémbralle a Muñoz a venda de Caixanova e Barreras a capital estranxeiro: "Que me explique as diferenzas"

E continuou con Barreras. "Sóalles?". "É un referente industrial en Vigo e moi importane par aos vigueses, véndese a capital estranxeiro e dise que é para preservar o ben da cidade e a continuidade do proxecto. Fantástico", reflexionou, para logo pedirlle a Muñoz que lle "proporcionase os elementos de por que o capital estranxeiro tenque ser malo para Vigo". "Que me explique as diferenzas se sabe algo que nós non sabemos", insistiu para logo lembrar "ese capital vigués dos que saquearon o Celta". 

"Tiñan o mesmo contro de cesión de Balaíos que o que temos nós, pero iso pasóuselle a dona Elena. E resulta que agora ese convenio é malísimo", engadiu. "Faltaría máis que ao equipo da cidade non o deixasen xogar en Balaídos... Que gran favor lle debemos á cidade. Extraordinario", concluíu visiblemente enfadado coa portavoz popular en Vigo, que sofre outro duro revés ás súas asiracións na urbe.