0 Gardados para despois

A cidade deportiva do Celta, nun monte a expropiar, inclúe un centro comercial a 2 quilómetros do contestado de Porto Cabral

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Hai anos que distintas entidades sociais, veciñais e ecoloxistas de Vigo veñen mobilizándose en contra do proxecto para construír un gran centro comercial, denominado Porto Cabral, nun dos últimos montes arborados que aínda rodean a urbe. Agora, a menos de 2,5 quilómetros de alí, e a similar distancia doutros centros comerciais en proxecto na urbe, o Real Club Celta de Vigo proxecta noutro monte a súa nova cidade deportiva nun ámbito urbanístico dun total de 864.000 metros cadrados, dos que dedicará 142.000 para levantar outro centro comercial. Un uso comercial que se presenta como necesario para garantir a viabilidade económica dun complexo deportivo que, malia o nome do clube, non se emprazará no termo municipal de Vigo senón xusto do outro lado da súa liña divisoria co veciño Mos, cuxo Concello, gobernado polo PP, prevé asumir a expropiación dos terreos necesarios, a metade deles monte comunal, para outorgarllos despois en concesión ao Celta.

O proxecto abarca unha superficie de 864.000 metros cadrados, a metade de terreos comunais, que o Concello de Mos entregará ao Celta como concesionario, que dedicará 142.000 a uso comercial

O proxecto da nova cidade deportiva do Celta veu precedido da ameaza do propietario do clube, Carlos Mouriño, de vendelo ou de construír un novo estadio en propiedade fóra da cidade de Vigo ante a negativa do goberno local do PSOE a venderlle o actual de Balaídos, de propiedade municipal. Finalmente acadouse un acordo polo que o Concello de Vigo outorga ao clube a concesión do estadio de Balaídos por 50 anos para que siga a xogar nel os seus partidos mentres que o Celta construirá en Mos a súa cidade deportiva.

Esa operación foi presentada o pasado 15 de decembro coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que segundo a propia nota de prensa distribuída polo Goberno galego “fixo fincapé en que as administracións teñen o deber de facilitarlle ao Celta, que é un club de primeira, unhas instalacións da súa mesma categoría”. Un mes despois dese acto, no que se deu por “desbloqueada” a cidade deportiva, o Concello de Mos enviou á Xunta a documentación inicial para a modificación urbanística que precisa o proxecto, que, no marco da denominada Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE), require de diversas validacións sectoriais (ambiental, patrimonio, etc.) de varias administracións.

Os presidentes do Celta e a Xunta, a presidenta do Congreso e a alcaldesa de Mos no acto do 15 de decembro [Foto: Xunta de Galicia]

As instalacións deportivas situaranse ao sur do espazo, cun estadio e sete campos de fútbol regulamentarios, no centro iría un parque e ao norte o centro comercial

Esa documentación, que está a exposición pública ata o 23 de marzo, describe como “a superficie total do ámbito afectado pola modificación [urbanística] é de 864.650 metros cadrados dos que 823.350 metros corresponden á delimitación do novo Sector de Solo Urbanizable para usos terciarios e dotacionais e os restantes 41.300 metros corresponden á superficie afectada polo novo sistema xeral viario vinculado a dito sector”, isto é, á estrada que dará acceso ao complexo desde a Autovía Vigo-Tui (A-55).

Esa superficie total, distribuída de sur a norte, inclúe no seu extremo máis meridional, pegado ás instalacións deportivas agora existentes do Círculo Mercantil de Vigo, a cidade deportiva do Celta propiamente dita, cun estadio de entre 6.000 e 11.000 espectadores, sete campos de fútbol regulamentarios e outros tres de menores dimensións, así como un pavillón cuberto, piscina e edificios administrativos, xunto cun aparcadoiro con capacidade para mil vehículos. No segmento central do ámbito prevese un parque, mentres que no extremo setentrional, nas proximidades do enlace entre a Autoestrada do Atlántico (AP-9) e a Autoestrada do Val Miñor (AG-57), é onde se empraza o uso comercial, que segundo a documentación “suporía a incorporación duns 142.000 metros cadrados de solo para usos terciarios cunha edificabilidade de 120.000 metros cadrados de teito”.

O estudo di que en Mos non hai outro espazo para esa superficie comercial, que considera necesaria para garantir a "viabilidade económica" do resto da cidade deportiva, pero sen analizar a súa interrelación con outros centros similares

Desde ese espazo para uso comercial ata o ámbito de Vigo no que se quere instalar o centro comercial de Porto Cabral hai menos de 2,5 quilómetros de distancia a través dunha estrada provincial. Porén, o apartado da documentación agora exposta ao público dedicado a analizar a demanda de usos comerciais que xustificarían o novo complexo non cita nin ese nin os outros varios centros comerciais xa existentes ou en proxecto a similar distancia noutras zonas da veciña Vigo. O estudo céntrase en relatar como no propio termo municipal de Mos non hai outro espazo mellor para acoller esa superficie comercial, que considera inseparable do resto da cidade deportiva para “sustentar o investimento necesario e xerar sinerxías a fin de garantir a súa viabilidade económica”, pero sen analizar a súa interrelación con outros espazos similares. O documento engade que “esta área comercial será desenvolvida como parte do proxecto de Cidade Deportiva, directamente ou a través dun operador especializado en superficies comerciais desta natureza”.

Javier Rivas, director do proxecto

Javier Rivas, redactor do proxecto, tamén traballou para os promotores de Porto Cabral e foi xerente de Urbanismo do Concello de Vigo nomeado polo BNG

A ausencia de calquera cita a Porto Cabral non é por descoñecemento. Quen asina a redacción técnica da modificación urbanística que impulsa o Concello de Mos é Javier Rivas, arquitecto que no seu momento traballou para os promotores de Porto Cabral na elaboración das bases de desenvolvemento do plan parcial que ampararía ese centro comercial. Rivas foi tamén xerente de Urbanismo no Concello de Vigo a principios da pasada década, nomeado polo BNG, e impulsou a redacción do Plan de Urbanismo da cidade que posteriormente sería retocado sucesivamente polos gobernos de PP e PSOE ata acabar anulado en 2015 polo Tribunal Supremo. Tombouno porque o plan non se sometera de xeito íntegro e rigoroso ao mesmo procedemento de avaliación ambiental ao que agora se enfronta a cidade deportiva do Celta, un trámite no que se teñen detectado plaxios e discrecionalidade.

Rivas argumenta que, ao anularse ese plan de urbanismo, o proxecto vigués de Porto Cabral “carece de planeamento que lle dea soporte, desapareceu”, o que, malia que os seus promotores levan máis anos tentando desenvolvelo, o situaría nunha fase máis atrasada que o complexo que agora impulsa o Celta. O arquitecto matiza que o tamaño do centro comercial do Celta en Mos é máis reducido que o previsto en Porto Cabral, duns 500.000 metros cadrados totais, incluídos os espazos libres e viarios.

Rivas admite que sería desexable unha visión supramunicipal pero argumenta que a lexislación só obriga a analizar o municipio no que se empraza o proxecto

Rivas tamén explica que a lexislación só obriga a xustificar a modificación urbanística que require o complexo do Celta en función do planeamento do termo municipal no que se empraza, o de Mos, sen ter en consideración outras instalacións similares en concellos veciños. O arquitecto admite a proximidade e similares accesos viarios dos dous proxectos e que sería desexable esa visión metropolitana de conxunto, e argumenta que, en todo caso, a actual é a fase inicial da avaliación ambiental estratéxica e que agora esas consideracións poderán ser realizadas tanto por calquera particular como polos diversos departamentos sectoriais da Administración que teñen que analizar o proxecto.

Uso e propiedade do solo

A documentación resta importancia ecolóxica ao ámbito e propón a súa reforestación con especies autóctonas

A documentación a exposición pública tamén analiza o uso e a propiedade do solo: “Os únicos terreos no ámbito que estarían suxeitos á súa protección imperativa como rústicos forestais serían os pertencentes aos montes veciñais en man común presentes no ámbito (arredor de 41 hectáreas pertencentes ás comunidades parroquiais de Tameiga e Pereiras, o que supón aproximadamente a metade da superficie delimitada), non polo seu valor forestal senón polo feito de ser monte comunal”.

Os documentos agora entregados polo Concello de Mos á Xunta para pedir a modificación urbanística restan importancia ecolóxica ao ámbito e sinalan a necesidade de executar unha serie de medidas correctoras dos posibles impactos ambientais e paisaxísticos do proxecto. Nesa documentación sinálase que no espazo que se dedicará a parque prevese a “substitución da actual cobertura vexetal dominante de eucaliptos e piñeiros pola mais propia do bosque atlántico coa progresiva reforestación con especies autóctonas e a rexeneración do substrato coa finalidade da mellora da calidade ambiental e paisaxística do ámbito e a redución do risco de incendio tanto para as propias instalacións proxectadas como para os núcleos do contorno”.

A decisión final do cambio de uso do monte depende da Consellería do Medio Rural

A documentación sinala que a modificación do uso deses terreos que se pretende “xustifica convenientemente en razón dos seus obxectivos o especial interese público da transformación urbanística” dese espazo, recualificación que en todo caso admite que “queda condicionada” á decisión que ao respecto tome a Consellería do Medio Rural como órgano competente en materia forestal.

Localización das imaxes

Anexo fotográfico incluído na documentación do Concello de Mos

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.