O Supremo emenda o TSXG e tomba o plan urbanístico de Vigo

Vista parcial de Vigo, dende a ría CC-BY-SA Merixo

Tras case un cento de sentenzas favorables, o Tribunal Supremo tomba o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, aprobado case integramente polo Goberno bipartito da Xunta en 2007 e con luz verde definitiva en 2009, xa con Feijóo na Xunta. Con esta decisión o tribunal emenda a decisión adoptada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, atendendo a reclamación do colectivo Alternativa Veciñal, suspende as normas urbanísticas da maior cidade do país ao considerar que na súa tramitación está ausente un trámite de avaliación ambiental que, indica, era obrigado.

A sentenza, datada no 10 de novembro e coñecida a últimas horas deste luns, atende o recurso de casación do colectivo cidadán ao considerar que o Goberno galego tería que ter tramitado sometido o PXOM vigués a unha avaliación ambiental estratéxica, figura regulada nunha lei de 2006. O criterio da Xunta, tanto co bipartito como co PP, foi que realizar a devandita avaliación ambiental era "inviable, por razóns de premura na execución de determinadas infraestruturas e proxectos" porque cando se tramitou o PXOM esta obriga instaurada en 2006 aínda non estaba en vigor. Pero o TS contradí este argumento.

O Supremo contradí o TSXG e di que si era necesario o trámite ambiental contemplado na lei de 2006, posterior ao inicio do trámite do plan

Se ben o PXOM foi inicialmente aprobado polo Concello de Vigo en decembro de 2004 e provisionalmente, en marzo de 2006, a daquela Consellería de Política Territorial deulle luz verde o 31 de maio de 2006 e a novo departamento de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en 2009. A Xunta, argumenta a sentenza, "deixou transcorrer practicamente dous anos ata declarar inviable" o "sometemento ao trámite" ambiental aludindo tres razóns: a demora na execución de proxectos, que xa se desenvolvera a exposición pública e porque se avaliarían ambientalmente os proxectos desenvolvidos ao abeiro do propio PXOM.

Para o Tribunal, que o plan non quedase definitivamente aprobado ata 2009 "demostra que a pretextada premura non existía". O TS sustenta esta argumentación remitíndose a outro ditame do mesmo tribunal, sobre o PXOM de Teo, en outubro do mesmo ano 2008. Daquela, di, a Xunta "utilizou" unha "idéntica argumentación para xustificar a inviabilidade de someter" o plan teense á devandita avaliación ambiental, e o Supremo declarouna "insuficiente e inxustificada". 

A sentenza argumenta que non existía premura, porque entre os primeiros trámites e os últimos transcorreron dous anos

Así as cousas, o Supremo acepta o recurso de casación da asociación veciñal contra a sentenza do TSXG que amparaba o plan, así como os contenciosos administrativos contra as ordes da Xunta en 2008 e 2009. Todas estas sucesivas aprobacións do PXOM de Vigo e o propio plan "deben ser declarados radicalmente nulos", indica, polo que o goberno vigués, que se pronunciará ao respecto este martes, fica agora sen ordenamento urbanístico.

Con esta resolución o Tribunal Supremo vai en dirección contraria a unha sentenza feita pública o pasado marzo, na que o mesmo tribunal desestimaba un recurso de casación interposto por tres colectivos veciñais. Daquela o alcalde, Abel Caballero, destacou que tras noventa e oito sentenzas favorables, o urbanismo vigués ficaba por fin en "situación de seguridade xurídica por primeira vez na historia da cidade".

Caballero e varios edís, avaliando a sentenza o pasado marzo © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.