Rueda puxo a primeira pedra da cidade deportiva do Celta 12 días antes de ter todos os permisos ambientais

Rueda e responsables do Real Club Celta Sociedade Anónima Deportiva na colocación da primeira pedra da segunda fase da súa cidade deportiva o 10 de xullo CC-BY-SA Xunta

O complexo, co apoio expreso da Xunta e do PP, vén de iniciar a súa segunda fase logo de que a primeira comezase en 2019 de xeito ilegal, segundo constatou a xustiza, e fose despois legalizada

O pasado 10 de xullo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo a "primeira pedra da segunda fase" da cidade deportiva que o Celta está a construír nun monte comunal de Mos. Porén, as obras de urbanización desa fase non contaron co seu informe de impacto ambiental aprobado pola Consellería de Medio Ambiente ata 12 días despois, segundo vén de constatar este martes o Diario Oficial de Galicia. Un feito que se engade a que a primeira fase do proxecto, que conta co apoio expreso do Goberno galego e do PP, iniciouse en 2019 de xeito ilegal, segundo constatou a xustiza de xeito firme, e foi posteriormente legalizada. 

Rueda e Marián Mouriño na colocación da primeira pedra o 10 de xullo e informe de impacto ambiental que o minimiza co argumento de que a zona xa está urbanizada polas obras de anteriores fases CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O 10 de xullo, na colocación da primeira pedra, o presidente Rueda lembrou os comezos da "aventura" de facer o complexo do Celta en Mos tras o enfrontamento do presidente da sociedade anónima deportiva -daquela Carlos Mouriño e hoxe a súa filla, Marián- co alcalde de Vigo, Abel Caballero. Segundo dixo, Mouriño foino ver acompañado de José González Vázquez, actual conselleiro de Emprego -hai oito anos era deputado do PP, despois foi conselleiro do Medio Rural e antes, como inspector de Facenda, administrador concursal do Celta-. "Ao principio -dixo Rueda- quedabamos en sitios máis ou menos discretos e díxome que tiña este soño".

Ese soño, presentado en 2018, comezou a levantarse en 2019 baixo o suposto amparo dunha licenza municipal do Concello de Mos, gobernado polo PP, que a xustiza considerou ilegal. Cando esa sentenza foi feita firme, a primeira fase do complexo xa estaba inaugurada por Feijóo e Concello, Xunta e Celta xa comezaran a tramitación de varios plans urbanísticos para legalizar o xa construído e amplialo con seguintes fases.

Grazas á fragmentación das obras o complexo eludiu unha avaliación ambiental completa e agora o novo permiso ambiental constata que "a zona na que se vai realizar atópase antropizada e con zonas xa urbanizadas" anteriormente

Para esas seguintes fases foi para o que o pasado 10 de xullo Rueda colocou unha nova primeira pedra no complexo. Fíxoo sen indicar que obras concretas representaba aquela primeira pedra e 12 días antes de que o 22 de xullo a Consellería de Medio Ambiente asinase o informe de impacto ambiental "do proxecto de urbanización das fases II e III", autorizado con diversos condicionantes. Ese documento, publicado agora no DOG, incide en como o Celta, grazas á fragmentación por fases do seu proxecto, logrou eludir sucesivamente unha avaliación ambiental completa de todo o seu complexo e foi superando avaliacións simplificadas parciais.

Así, o informe sinala expresamente para esta "urbanización" das fases II e III -isto é, para os viais e espazos verdes e libres- que "non é previsible que se xeren efectos significativos sobre o patrimonio natural e biodiversidade, debido a que a zona na que se vai realizar o proxecto atópase antropizada e con zonas xa urbanizadas". Isto é, as obras xa realizadas na zona polo Celta na fase I, iniciada ilegalmente e despois legalizada, fan que as obras de urbanización da contorna xa non vaian alterar significativamente esa zona, mesmo argumento que reflectiu a Xunta na autorización ambiental do proxecto urbanístico para as seguintes fases do complexo que están a ampliar o xa construído.

Retransmisión íntegra da presentación da nova fase da cidade deportiva do Celta

A autorización ambiental agora emitida pola Xunta salienta, en cambio, que "o proxecto prevé a creación de zonas verdes" que axudarán a mitigar "os posibles impactos ocasionados".

Finalmente, a cidade deportiva do Celta terá unhas dimensións notablemente rebaixadas a respecto do proxecto lanzado pola sociedade anónima deportiva en 2018. Se aquel proxecto afectaba a un total de 86,4 hectáreas e incluía un gran centro comercial, agora afectará a 30,1 hectáreas e non contará nin con centro comercial nin con pavillón, tras recortar a empresa as súas aspiracións para así evitar novos procesos xudiciais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.