Levantada con licenzas que o Concello concedeu de forma ilegal, segundo sentenciou hai un ano un xulgado, o novo documento -que debe ser validado pola Xunta, favorable ao proxecto- intenta regularizar o xa construído
Hai agora un ano un xulgado anulou as licenzas municipais ao amparo das que o Real Club Celta Sociedade Anónima Deportiva, controlado polo empresario Carlos Mouriño, levantou a primeira fase da súa cidade deportiva nun monte comunal do concello de Mos lindeiro con Vigo. En lugar de instar a reposición da legalidade urbanística, o Concello de Mos, gobernado polo PP, recorreu a sentenza. Pero por se esta segue sendo contraria ao proxecto de Mouriño, este luns o goberno local aprobou un plan urbanístico especialmente deseñado para tentar legalizar o xa construído.
O plan para regularizar a cidade deportiva do Celta e que non lle afecten as resolucións xudiciais ten que ser aínda validado pola Xunta. Pero ao Goberno galego xa pediu axuda o empresario hai dous meses para ampliar aínda máis o xa construído cun novo e máis amplo complexo de ocio.
A historia do complexo deportivo e comercial que o empresario Carlos Mouriño, propietario da sociedade deportiva, está a levantar en montes comunais do concello de Mos é a historia do seu enfrontamento co alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, e da súa afinidade de hai anos con diversos cargos políticos do PP.
A sentenza de hai un ano considerou que as actuacións xa realizadas superaban o que se podía facer con licenzas directas municipais e requirían dun plan urbanístico mellor estudado, que o Celta xa comezara a tramitar daquela e que agora é aprobado polo Concello
Tras non lograr que o Concello de Vigo aceptase os seus plans de uso do estadio de Balaídos ou dos campos de adestramento da Madroa, nos dous casos de titularidade municipal, Mouriño propuxo inicialmente construír a súa propia cidade deportiva privada en terreos comunais do veciño concello de Mos. O proxecto incluía un gran centro comercial anexo que o fixese rendible, pero recibiu informes negativos de diversas administracións, entre eles de varios departamentos da Xunta, o que non impediu que o propio Feijóo lle amosase o seu apoio tanto na súa presentación inicial a finais de 2017 como na inauguración das primeiras instalacións a finais de 2020.
Mentres tramitaba os permisos para o conxunto do seu proxecto inicial, a sociedade anónima deportiva comezou a construción dos primeiros campos de fútbol e dos vestiarios para os adestramentos do primeiro equipo do Celta. Fíxoo tras un acordo coa comunidade de montes de Pereiras, que lle alugou os terreos, e ao amparo de dúas licenzas municipais outorgadas directamente polo Concello de Mos polo suposto pouco alcance das obras a realizar.
Porén, en xuño do pasado ano, e a instancias doutra comunidade de montes, a de Tameiga, contraria a un proxecto que acabaría afectando tamén aos seus terreos en seguintes fases, un xulgado anulou as dúas licenzas. A sentenza considerou que as actuacións realizadas superaban o que se podía facer con licenzas directas municipais e requirían dun plan urbanístico mellor estudado. Un plan que o Celta xa comezara a tramitar antes mesmo desa sentenza presentándoo como unha segunda fase do seu proxecto.
Agora Mouriño aposta por que a Xunta declare de interese autonómico un novo proxecto dun complexo de ocio co que quere ampliar as instalacións iniciais que agora se van legalizar
Pero a terceira fase, a que incluiría o centro comercial a través dunha modificación do plan xeral de urbanismo do Concello de Mos, recibiu informes en contra de calado, especialmente do Goberno de España. Fronte a esa frustrada modificación do plan de urbanismo de Mos para facer un centro comercial, procedemento que tamén lle permitiría dispoñer dos terreos malia o rexeitamento dos propietarios, a opción pola que aposta agora Mouriño, desvelada hai dous meses, é a dun complexo de ocio ligado ao deporte sen centro comercial.
O seu obxectivo é que a propia Xunta declare o seu novo proxecto de interese autonómico, figura que axiliza a obtención dos informes sectoriais necesarios e que permite igualmente mesmo a expropiación dos terreos por parte da administración para poñelos a disposición dunha iniciativa privada. A comunidade de montes contraria, a de Tameiga, xa acusou o empresario de “facer negocio persoal cun pelotazo urbanístico”.
Pero antes de que esa seguinte fase poida ver a luz, a sentenza do ano pasado anulando as licenzas do xa construído levou a que agora o goberno local de Mos aposte por legalizalo a través dun denominado Plan Especial de Infraestruturas Deportivas. Tras a súa aprobación este luns polo Concello, agora deberá ser a Xunta quen o valide definitivamente. Un Goberno galego que xa lle deu o seu visto bo ambiental hai dous anos malia admitir o seu “importante consumo de recursos”.