Anulada a licenza da primeira fase da cidade deportiva do Celta en Mos, inaugurada por Feijóo hai medio ano

Feijóo na inauguración da cidade deportiva o pasado 28 de novembro co principal propietario da Sociedade Anónima Deportiva Real Club Celta, Carlos Mouriño, e a alcaldesa de Mos, a popular Nidia Arévalo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A xustiza tomba o permiso outorgado polo goberno local do PP para as primeiras actuacións nun complexo que aínda agarda polas autorizacións para o centro comercial que o faría rendible

Hai medio ano, o pasado 28 de novembro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inauguraba nun monte comunal de Mos a primeira fase do complexo deportivo e comercial que impulsa a sociedade anónima deportiva Real Club Celta á que el mesmo amosara o seu apoio persoal tres anos antes. Á espera aínda de obter os permisos para a totalidade do proxecto urbanístico que lidera o empresario Carlos Mouriño, agora a xustiza vén de pronunciarse sobre a primeira fase e anula a licenza directa de obras que o goberno local de Mos concedeu o 30 de outubro de 2019 e obriga ao Concello a revisar a legalidade, como reclamaba a Comunidade de Montes de Tameiga, doutra licenza dun ano antes. 

Segundo a sentenza agora emitida polo xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra, que pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), dos planos dos dous proxectos autorizados polo Concello de Mos nos dous acordos (o primeiro para os campos de fútbol e o segundo para os vestiarios), é posible deducir, segundo a xuíza, que as obras “conformarán un conxunto completo (unha unidade final, se estamos ao seu resultado) cun alcance ou entidade que resulta máis cualificable como ‘equipamento deportivo privado’ a instalar en chan rústico”, para o que non era posible a licenza directa do Concello senón que era necesario outro documento de planificación máis complexo.

Inauguración da cidade deportiva do Celta o 28 de novembro CC-BY-SA Xunta de Galicia

A sentenza salienta que a entidade das obras realizadas non pode ampararse nunha licenza municipal directa senón que requiría dun plan de dotacións que o Celta tramitou posteriormente

Segundo a sentenza, o Concello de Mos incorreu “nun vicio de nulidade susceptible de provocar a admisión a trámite dunha solicitude de revisión de oficio como a formulada pola comunidade de montes” de Tameiga con respecto á primeira licenza, outorgada en novembro de 2018, “por concederse sen a aprobación previa dun plan de dotacións”. Todo iso conduce, segundo o fallo, á anulación da segunda licenza, concedida en outubro de 2019, porque estariamos ante obras “indisoluble e ineludiblemente unidas ou asociadas ás licenciadas en primeiro lugar”. 

“Observadas, na súa xusta dimensión, todas as obras que se licenciaron con motivo de cada un deses dous acordos, constituirían un resultado final conxunto, un todo, que se viu licenciado/autorizado nuns termos alleos aos que esixiría a normativa urbanística de aplicación", di a sentenza, que conclúe que o permiso outorgado polo concello ao Celta “ten un alcance ou entidade moi superior ao que se entende por implantación en chan rústico dun campo de fútbol cuns vestiarios (mínimos, pequenos, necesarios para o uso da instalación orixinaria)”. 

Na resolución, a maxistrada lembra que a Lei do Solo de Galicia esixe para a autorización da execución de obras en chan rústico que encaixen na definición de ‘equipamentos deportivos’ “a tramitación dun Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas, o que fai insuficiente, á hora de telas por correctamente autorizadas, que se lles outorgue licenza directa, sen acudir antes á tramitación do oportuno expediente destinado á aprobación dun plan especial de dotacións”.

O proxecto do empresario Carlos Mouriño conta co apoio do PP tanto no Goberno local de Mos como na Xunta malia as dúbidas desas e outras administracións sobre o seu impacto

O proxecto de cidade deportiva que o Celta está a desenvolver en Mos conta co apoio do PP tanto no Goberno local como na Xunta, con implicación do propio Feijóo, e tras o desencontro da sociedade anónima deportiva co Concello de Vigo. Tamén conta co apoio dunha das dúas comunidades de montes afectadas polo proxecto, a de Pereiras, onde están as instalacións xa rematadas, mentres que a outra, a de Tameiga, na que se seguiría a ampliar o complexo, é contraria ao mesmo e seu foi o recurso primeiro administrativo e agora xudicial sobre o que vén de pronunciarse a xustiza.

Malia o apoio expreso do presidente Feijóo, varias administracións e departamentos da Xunta amosaron as súas dúbidas sobre o impacto ambiental do proxecto. Para a totalidade do complexo, que abarca algo máis de 86 hectáreas, o Concello de Mos tramita unha modificación do seu plan de urbanismo que a Xunta considerou que debía someterse a unha avaliación ambiental completa despois de que varios departamentos tanto autonómicos como estatais cuestionasen o seu impacto.

Protesta contra a cidade deportiva do Celta en montes comunais de Mos Dominio Público Comunidade de Montes de Tameiga

O Celta chegou a argumentar que deixar como estaba o monte implicaría “certos riscos desde o punto de vista ambiental, principalmente os de incendio”

Pero á espera de obter os permisos para a totalidade do complexo o Celta solicitou e obtivo do Concello de Mos a licenza municipal agora anulada para unha primeira fase de obras e tramitou unha segunda fase a través dun plan de infraestruturas e dotacións deportivas como o que agora o xulgado considera necesario xa para a primeira fase. Na tramitación desa segunda fase como un plan de infraestruturas deportivas xa obtivo autorización ambiental da Xunta malia admitir esta que suporá un “importante consumo de recursos -especialmente de auga e enerxía-”. Na xustificación desa segunda fase do seu proxecto o Celta chegou a argumentar que deixar como estaba o monte implicaría “certos riscos desde o punto de vista ambiental, principalmente os de incendio”.

A totalidade do complexo, que foi mudando de características nos distintos documentos tramitados tanto polo Concello como polo club, tería segundo a modificación do plan de urbanismo de Mos os seguintes elementos:

  • Catro campos de fútbol de herba natural das mesmas dimensións que o terreo de xogo do estadio do primeiro equipo (108 x 68 m). Polo menos dous destes campos estarán agrupados en forma de campo dobre.
  • Tres campos de fútbol de herba artificial das mesmas dimensións que o terreo de xogo do estadio do primeiro equipo, dous deles agrupados en forma de campo dobre.
  • Dous campos de fútbol sete de herba artificial agrupados como campo dobre de tamaño total igual ao do terreo de xogo do estadio do primeiro equipo.
  • Campo de preparación de porteiros e área de tecnificación.
  • Zonas para a práctica doutros deportes; tenis, pádel...
  • Un Miniestadio para as competicións oficiais do segundo equipo,do equipo xuvenil e no seu momento do equipo feminino, coas mesmas dimensións de terreo de xogo que o do estadio do primeiro equipo e un aforo de entre 6.000 e 11.000 espectadores.
  • Pavillón cuberto de deportes con aforo para 800 espectadores, ampliable ata 4.000.
  • Zonas de aparcadoiro para 1.000 vehículos.
  • Edificio docente destinado ao ensino deportivo e fomento da canteira, escolas de adestradores, preparación física, de fisioterapia, recuperación...(Universidade do Deporte).
  • Edificio administrativo e de servizos con instalacións para o primeiro equipo e a canteira, incluirá tamén servizos comúns da Cidade Deportiva, comedores, salón de actos, etc.
  • Hotel / Residencia para os xogadores, persoal, equipos visitantes ou clientes.
  • Centro de Medicina Deportiva.
  • Piscina SPA con instalacións de adestramento deportivo e Hidroterapia.
Plano de toda a cidade deportiva con centro comercial do Celta en Mos, en 864.000 metros cadrados de monte comunal Dominio Público Concello de Mos

O documento deixa para o final da descrición o que a sociedade anónima deportiva controlada por Carlos Mouriño considera elemento clave da actuación:

“Para garantir a viabilidade económica dos investimentos necesarios, en especial dos derivados da execución das infraestruturas públicas que leva de seu unha actuación desta natureza, e xerar as sinerxías necesarias arredor deste gran equipamento deportivo que permitan optimizar o seu funcionamento e aproveitamento, o proxecto da Cidade Deportiva inclúe ademais a previsión de superficie para o desenvolvemento dunha área de ocio e comercial”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.