A sociedade anónima deportiva, que xa iniciou movementos de terra, tramita unha segunda fase de instalacións á espera do permiso para a súa cidade deportiva con centro comercial, condicionado polo seu impacto ambiental
Manter como está parte do monte de Mos no que o Celta quere construír a súa cidade deportiva cun centro comercial anexo, unha zona actualmente arborada, suporía “certos riscos desde o punto de vista ambiental, principalmente os de incendio”. Así o argumenta a sociedade anónima deportiva para defender a outra única opción que baralla para eses terreos ademais de non facer nada, a de construír campos de fútbol para o adestramento dos seus equipos.
Tras anos de desencontros co goberno local socialista de Vigo, o Celta está a tramitar a construción dunha cidade deportiva cun centro comercial nun monte comunal do veciño concello de Mos, proxecto para o que conta co apoio do PP tanto no goberno local como na Xunta. Mentres agarda polos permisos, condicionados polo impacto ambiental do complexo, a sociedade xa comezou a desenvolver unha primeira fase de traballos e vén de iniciar a tramitación dunha segunda, con máis campos de fútbol.
A segunda fase de traballos que agora vén de someterse a exposición pública afecta a un espazo de 150.000 metros do total de 864.000 que tería a cidade deportiva completa aínda en tramitación
Para a totalidade do proxecto de cidade deportiva con centro comercial, que afectaría a un ámbito de 864.000 metros cadrados, o Concello de Mos recorreu a unha figura urbanística que de aprobarse definitivamente implicará a expropiación dos terreos por parte da administración para a súa entrega ao Celta. Á espera de obter ese permiso o club chegou a un acordo cunha comunidade de montes da zona (outros colectivos veciñais rexeitan o proxecto) para alugarlle parte do terreo, no que a comezos deste ano comezou xa obras de construción dun primeiro campo de fútbol de adestramento, traballos amparados pola súa suposta reducida envergadura nunha licenza outorgada directamente polo Concello.
Pero agora vén de comezar a tramitación ambiental, a través dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para instalacións deportivas, dunha segunda fase máis ambiciosa deses traballos xa iniciados coa que quere reordenar o que xa está en marcha e executar neses terreos, nun espazo de 150.000 metros cadrados, tres campos de fútbol (o documento sinala que o que xa está en obras ao amparo da licenza municipal é só un malia que cando comezaron os traballos o propio club falou de dous), unha área de preparación de porteiros, un aparcamento de 80 prazas e un edificio de instalacións para vestiarios, ximnasio ou sala de prensa.
O documento argumenta que o uso actual dese espazo "é minoritario" e que os seus valores máis destacables son os paisaxísticos
No documento a exposición pública desde o pasado xoves para a súa avaliación ambiental por parte da Xunta os promotores salientan que estas instalacións están ordenadas e deseñadas xa en función da totalidade do complexo de cidade deportiva que aínda agarda polos seus permisos ambientais. Pero a lexislación establece que cada plan urbanístico avalíe en si mesmo distintas posibilidades de execución ou non de cada obra. E neste caso o plan co que se tramita esa fase intermedia de traballos contempla só dúas alternativas, a denominada Alternativa 0, ou non facer nada, e a Alternativa 1, que contempla os anteditos tres campos de fútbol e as instalacións asociadas.
É ao analizar a opción de non facer nada cando o documento sinala que “a valoración desta alternativa parte da consideración do estado actual dos terreos, como un espazo forestal comunal nas zonas altas do municipio, que está utilizado e conformado como zonas arboradas (maioritariamente de repoboación), atravesada por camiños e sendas forestais de carácter rústico, e con certos riscos desde o punto de vista ambiental, principalmente os de incendio e os que se derivan da significativa pendente dalgunhas zonas puntuais”. O documento argumenta tamén que o uso actual dese espazo “é minoritario” e que os seus valores máis destacables son os paisaxísticos.
Fronte a esa opción de non facer nada, o documento xustifica que a execución dos campos de fútbol e as súas instalacións asociadas na metade da parcela de 150.000 metros implicará tamén a progresiva mellora do espazo arborado da outra metade, coa substitución de especies foráneas por autóctonas “para conformar un gran parque”.
A sociedade anónima deportiva di que as instalacións suporán "unha mellora da calidade de vida" de toda "a área urbana de Vigo" malia admitir que serán só para os seus equipos de fútbol "das categorías profesionais"
Segundo o documento, “a ordenación proposta suporá, en termos xerais, unha mellora da calidade de vida e a habitabilidade da contorna próxima e do conxunto da área urbana de Vigo, pois aínda que se trata de instalacións privadas o RC Celta é unha das entidades deportivas galegas que máis esforzo e recursos dedica ao deporte base”. Porén, o propio documento salienta que o que se construirá nesa segunda fase de traballos serán “instalacións para o adestramento dos equipos de fútbol das categorías profesionais”.