"Non podes arrasar un monte, enchelo de cemento e dicir que vas garantir a auga, porque se anulas os acuíferos, non hai auga", asegura o presidente da Comunidade de Montes de Tameiga.
Desde que se presentou o proxecto da nova cidade deportiva do Celta en Mos, onde se vinculaba irrremediablemente a construción dos campos de fútbol e demais instalacións deportivas coa existencia dun novo centro comercial, o rexeitamento da Comunidade de Montes de Tameiga foi absoluto. "Nós non temos nada en contra da cidade deportiva, que se vai facer na zona de Pereiras, pegada a nós. Alí farán uns campos de fútbol, como na Madroa", indica Antonio Cajide, presidente da entidade mancomunal.
"Non podes arrasar un monte, enchelo de cemento e dicir que vas garantir a auga, porque se anulas os acuíferos, non hai auga", asegura o presidente da Comunidade de Montes de Tameiga
O feito é que na zona de Pereiras os traballos avanzan eficazmente e os movementos de terras acordes co proxecto de Irisarri-Piñera son unha realidade. O problema radica na área comercial prevista na parroquia veciña de Tameiga, que conta co rexeitamento frontal dos veciños sobre todo por motivos ambientais.
"O Concello di que vai garantir auga de por vida, pero isto non é certo. Din que van facer un estudo informativo sobre as posibles repercusións desta aberración, pero o día de mañá, cando constrúan e despois vendan, porque esa é a idea, o que compre vai garantir a auga? Non pode. Ademais, se logo a terra xa non filtra a auga xa non habería nada que facer, porque xa non habería auga", lamenta Antonio Cajide. "Claro que o Concello traería auga doutro lado, de Vigo ou do Oitavén, pero a que custo e con que calidade?"
Segundo indica Cajide, hai cinco traídas comunitarias afectadas polo proxecto: Casal- Tameiga, Baxiña, Petelos, Sanguiñeda e Pereiras, ás que se suman captacións particulares, que en total serven a 1.700 familias desa auga "pura e limpa".
Hai cinco traídas comunitarias afectadas polo proxecto: Casal- Tameiga, Baxiña, Petelos, Sanguiñeda e Pereiras, ás que se suman captacións particulares, que en total serven a 1.700 familias desa auga "pura e limpa".
Con respecto ás especies arbóreas en perigo, a Comunidade de Montes indica que nas 80 hectáreas afectadas hai principalmente castaños, pseudotsugas (abetos) e pino radiota, e tamén, en menor medida carballos, eucaliptos e piñeiros.
"Nós pedimos que nos deixen en paz: unha comunidade de montes como a nosa, o que quere é manter o monte periurbano para lecer, para poder pasear, apañar castañas, ou para ir en bicicleta. É unha zona verde. Se a isto de repente lle fas un macrocentro comercial, pois alá vai a tranquilidade que poida ter toda esta zona. A afluencia de vehículos vai ser monstruosa, e tamén o consumo e depuración de augas. Cambiaría a forma de vivir. A propia sociedade está a dicir que eses centros comerciais non funcionan", indica o representante dos comuneiros.
Andaina solidaria
Co obxectivo de facer visible esta loita está prevista unha andaina solidaria este domingo 10 de marzo polos montes de Tameiga.
Co obxectivo de facer visible esta loita está prevista unha andaina solidaria este domingo 10 de marzo polos montes de Tameiga
Segundo explican os organizadores nun comunicado, durante o percorrido atravesarán os montes que están ameazados polo proxecto e poderase apreciar todo o valor que achega o monte á nosa vida. "Con esta andaina solidaria pretendemos que non se esqueza o despropósito que queren facer os promotores do macrocentro Comercial arrasando os nosos montes".
A camiñada está convocada pola Plataforma Auga é vida, a cal está integrada polas Comunidades de Traídas de Augas de Petelos-Tameiga, de Casal-Tameiga, de Monte Baxiña e de Sanguiñeda maila Comunidade de Montes de Tameiga.