Varios departamentos da Xunta cuestionan o impacto da cidade deportiva do Celta

Os presidentes do Celta, do Congreso e da Xunta e a alcaldesa de Mos na presentación do proxecto do club o 15 de decembro Dominio Público Xunta de Galicia

O Goberno galego esixe un estudo do efecto en toda a comarca de Vigo e non só no concello de Mos do centro comercial que o club di necesario para garantir a viabilidade do complexo

“As administracións teñen o deber de facilitarlle ao Celta, que é un club de primeira, unhas instalacións da súa mesma categoría”. Con estas verbas avalaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o pasado 15 de decembro, o proxecto do Celta de construír a súa nova cidade deportiva nun monte comunal do concello de Mos limítrofe co termo municipal de Vigo. Cinco meses despois o Goberno galego vén de emitir os seus primeiros informes sectoriais sobre o proxecto no marco da súa avaliación ambiental e son varios os departamentos autonómicos que cuestionan as características do proxecto por non ter en conta o seu impacto en toda a comarca ou sobre a cidade de Vigo senón só no municipio que o albergaría.

A cidade deportiva do Celta en Mos está a ser tramitada por ese Concello a través dunha modificación puntual do seu plan de urbanismo, aprobado hai pouco máis dun ano. Prevé expropiar 864.000 metros cadrados de monte, a metade de propiedade comunal, para outorgarllos en concesión ao Celta, que construirá neles un centro comercial de 120.000 metros cadrados co que facer viable as súas instalacións deportivas, que inclúen un estadio de entre 6.000 e 11.000 espectadores, sete campos de fútbol regulamentarios, outros tres de menores dimensións, pavillón e piscina.

Distribución dos espazos da cidade deportiva do Celta en Mos, xunto ao enlace entre a AP-9 e a Autoestrada do Val Miñor Dominio Público Concello de Mos

A proposta de modificación urbanística someteuse a exposición pública en xaneiro e agora a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático vén de emitir, con data do pasado día 16 de maio, as condicións que debe cumprir o denominado estudo ambiental estratéxico que deben elaborar agora os promotores do complexo para garantir que cumpre todas as normativas sectoriais que o afectan. Boa parte das obxeccións agora amosadas pola Xunta son similares ás alegacións formuladas polo Concello de Vigo, crítico co proxecto por impulsarse xunto ao seu límite municipal sen ter en conta os seus efectos sobre a cidade.

Obxeccións formuladas pola Xunta ao proxecto do Celta por só ter en conta o seu impacto en Mos e non no resto da comarca CC-BY-SA Praza Pública

O Instituto de Estudos do Territorio pide estudar “localizacións alternativas” e cuestiona “a necesidade de implantar un centro comercial”

De momento, na súa resolución a Dirección Xeral de Calidade Ambiental recolle as obxeccións que nesta fase inicial xa formularon outros varios departamentos da administración. E ela mesma pon o foco sobre a intención dos promotores de impulsar un centro comercial da envergadura do alí previsto argumentando que non existe ningún no termo municipal de Mos pero obviando os varios xa existentes ou en proxecto a pouco máis de dous quilómetros dentro do termo municipal de Vigo. “Cómpre xustificar suficientemente a necesidade de ocupar solo para implantar unha nova área comercial das dimensións previstas cun estudo da oferta e demanda existente tanto no municipio de Mos como na área urbana que conforma cos concellos próximos”, reclama o Goberno galego.

Hai dous meses o responsable da proposta urbanística do Celta, o arquitecto Javier Rivas, que foi xerente de Urbanismo en Vigo, admitía a este diario que sería desexable unha visión supramunicipal do complexo pero argumentaba que a lexislación só obriga a analizar o municipio no que se empraza o proxecto, algo que agora a Xunta rexeita.

Urbanismo pide "xustificar axeitadamente a elección da expropiación como sistema de actuación"

Pero esa non é a única obxección que pon a Xunta ao proxecto tal e como está formulado na actualidade. O Instituto de Estudos do Territorio cre que “pode provocar efectos paisaxísticos significativos” e pide estudar “localizacións alternativas que xeren unha incidencia visual menor e a necesidade de implantar un centro comercial”. E a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo di que “dado que o obxectivo da modificación é a implantación de usos e dotacións privadas, cómpre xustificar axeitadamente a elección da expropiación como sistema de actuación” e pide aclaracións sobre as previsións de abastecemento de auga e xustificar que os espazos libres propostos cumpren coas dimensións mínimas.

Consideracións dos departamentos de Urbanismo e Territorio da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta sinala también erros formais do proxecto como “incoherencias respecto á superficie do ámbito afectado” ou “lendas ilexibles que non reflicten a conexión cos sistemas xerais existentes"

Pola súa banda, o Ministerio de Fomento advirte de que o complexo debe estar condicionado ao trazado da nova autovía entre O Porriño e Vigo alternativa á perigosa A-55 cuxo desbloqueo vén de prometer o propio presidente Rajoy e pide estudos de tráfico específicos sobre o efecto do tráfico da cidade deportiva sobre as vías estatais máis próximas.

Xunto con estas e outras esixencias das diversas administracións públicas implicadas que agora formula de xeito conxunto a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, o departamento autonómico tamén sinala a existencia no proxecto de “incoherencias respecto á superficie do ámbito afectado” ou “lendas ilexibles que non reflicten a conexión cos sistemas xerais existentes”.

Agora os promotores do proxecto deberán ter en conta estas esixencias para elaborar o estudo ambiental estratéxico do complexo, documento que despois deberá ser exposto ao público durante dous meses ao tempo que se obteñan os informes sectoriais definitivos sobre o complexo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.