A alcaldesa de Mos usa a cidade do Celta para pedir que Feijóo goberne España

O presidente da Xunta e a alcaldesa de Mos, recibidos pola presidenta do Celta antes da presentación das obras da segunda fase da cidade deportiva, este 10 de xullo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

"Que dentro de dous anos, cando rematemos todo isto, o presidente Feijóo veña inaugurar estas instalacións como presidente do Goberno de España", desexou Nidia Arévalo ao intervir na presentación da segunda fase do complexo do club vigués no seu municipio

O proxecto da cidade deportiva do Celta de Vigo no concello de Mos vén estando acompañado de controversia dende o seu nacemento. A idea inicial foi lanzada hai máis de media década polo propietario da sociedade anónima deportiva e na altura tamén presidente, Carlos Mouriño, e foi emblema do seu enfrontamento co alcalde vigués, Abel Caballero. Supuña construír, con aberto apoio dos gobernos do PP en Mos e na Xunta, un complexo de ocio nun ámbito de 864.000 metros cadrados de montes comunais.

O rexeitamento dunha das comunidades de montes afectadas, unha licenza municipal ilegal ou unha reforma urbanística para legalizar o antes irregular foron modelando co paso do tempo un proxecto do que foron caendo elementos como un centro comercial. Con este pano de fondo chegou a configuración definitiva da cidade do Celta, cuxos permisos a Xunta contribuíu a acelerar dende o pasado abril declarándoa Proxecto de Interese Autonómico.

A forte implicación de gobernos do PP nesta obra vén sendo aberta e explícita. Pero a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quixo evidenciala aínda máis este pasado xoves, no acto organizado polo Celta para simbolizar a colocación da "primeira pedra da segunda fase" do proxecto agora denominado Celta360.

Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, pide que Feijóo goberne España durante o seu discurso na cidade deportiva do Celta

O proxecto da cidade do Celta foi mudando entre rexeitamentos dunha comunidade de montes afectada, unha licenza ilegal, unha reforma para legalizala ou a recente declaración como Proxecto de Interese Autonómico

A tamén senadora popular, que interveu no acto pola súa condición de rexedora, expresou o seu desexo de "acordarme do presidente Feijóo", con quen, dixo, tivo "a sorte" de falar "en persoa e por teléfono" nos últimos días. "Fixo todo o posible para poder estar" pero non foi posible, "envíavos unha forte aperta" e "seguro que nalgún momento estará", sinalou antes de "dicir o que penso e o que me gustaría", isto é, "que dentro de dous anos, cando rematemos todo isto, o presidente Feijóo veña inaugurar estas instalacións como presidente do Goberno de España".

O desexo de Arévalo, respondido con mornos aplausos entre a concorrencia, foi amplamente criticado por siareiros do Celta nas redes sociais. A xuízo dalgúns deles, alén dos obvios vencellos de Carlos Mouriño co PP e do impulso dos populares a estas obras, que a alcaldesa use este acto para pedir un cambio de Goberno en España prexudica o club e, especialmente, a súa aposta por identificarse como unha entidade para todo o país, tamén explicitada no acto deste xoves.

Retransmisión íntegra da presentación da nova fase da cidade deportiva do Celta

Alén da rexedora, ao evento tamén acudiu o presidente da Xunta, quen quixo lembrar que esta "aventura" principiou "cando un día [Carlos] Mouriño me veu ver" sendo aínda Alfonso Rueda vicepresidente de Feijóo, hai uns oito anos. O daquela presidente do Celta, agrega, foi acompañado por José González, actual conselleiro de Emprego -hai oito anos era deputado do PP, despois foi conselleiro do Medio Rural e antes, como inspector de Facenda, administrador concursal do Celta-. "Ao principio -di Rueda- quedabamos en sitios máis ou menos discretos e díxome que tiña este soño".

O discurso da presidenta do club, Marián Mouriño, tivo un ton ben diferente. En clave de emoción, a actual máxima responsable da entidade centrouse na importancia que a cidade deportiva terá para o crecemento do Celta e agradeceu as persoas que deron forma ao proxecto, ás que chamaron "románticos, visionarios, idealistas" ou "tolos", dixo. "Agora chámannos tolos, dentro duns anos pareceralles pouco", sintetizou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.