A Xunta xustificou a "idoneidade" dun monte comunal de Mos para as instalacións xa executadas co argumento de que "nacen con vocación de integrarse" no complexo comercial máis amplo que aínda está "en tramitación"
A cidade deportiva do Celta nun monte comunal de Mos comezou a construírse en 2019 de xeito ilegal, cunha licenza outorgada polo Concello, gobernado polo PP, que non podía amparar esa actuación, que precisaba dun plan urbanístico máis complexo. Así o determinou en firme a xustiza hai un ano, pero mentres o Concello tramitou e aprobou, co visto bo da Xunta, o plan urbanístico que se requiría.
Ese plan vén de ser avalado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha sentenza con data do 20 de maio que fai ver que se legaliza o xa construído é porque antes era ilegal. Unha sentenza que tamén permite coñecer que a Xunta xustificou a "idoneidade" do emprazamento das instalacións deportivas nun monte de Mos sen urbanizar co argumento de que "nacen con vocación de integrarse" no complexo comercial máis amplo que impulsa na zona a sociedade anónima deportiva controlada pola familia Mouriño, proxecto aínda "en tramitación".
O proxecto de Carlos Mouriño -agora herdado pola súa filla, actual presidenta do Celta SAD- dunha cidade deportiva en Mos que fose máis alá do deporte e dese á súa empresa outro tipo de ingresos comerciais naceu en 2018 co apoio persoal de Alberto Núñez Feijóo en pleno enfrontamento de empresario e político popular co alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero.
Tras un frustrado primeiro proxecto con centro comercial, o Celta comezou a construír en 2019 en terreos alugados a unha comunidade de montes, a de Pereiras, tres campos de fútbol e o que presentou como pequenas instalacións para vestiarios e servizos ligados. Fíxoo ao amparo de dúas licenzas municipais, unha para cada tipo de actuación, que o goberno local de Mos, do PP, argumentou que podía conceder directamente pola escasa envergadura das obras. Esa primeira fase foi inaugurada polo propio Feijóo en novembro de 2020.
Medio ano despois de comezar a funcionar esa primeira fase un xulgado de Pontevedra sentenciou en xuño de 2021 que as licenzas foran ilegais xa que non podían amparar actuacións de tal magnitude. E así o ratificou e fixo firme o en abril do pasado ano o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Pero mentres a xustiza resolvía o Concello de Mos impulsou un plan urbanístico máis amplo para amparar legalmente o xa construído e mesmo aumentalo lixeiramente. Ese plan, aprobado definitivamente hai dous anos, fora eximido en 2020 pola Consellería de Medio Ambiente de ter que someterse a unha avaliación ambiental ordinaria porque a Xunta non prevía que tivese efectos significativos sobre o medio ambiente. Para iso empregou entre outros argumentos o de que “o relevo natural destes terreos xa foi alterado por actuacións realizadas no pasado”. Entre elas as inauguradas polo propio Feijóo que despois se confirmaría que se fixeran con licenzas ilegais.
Ese plan legalizador do xa construído foi recorrido ante o TSXG pola Comunidade de Montes de Tameiga, veciña da zona e cara á que se pretende expandir o proxecto. Ese recurso é o que agora vén de rexeitar o tribunal, que sinala que "sendo o motivo de anulación das licenzas [anteriores] a ausencia dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións", ao seu ver "estase dando cumprimento á sentenza aprobando o correspondente Plan Especial".
O complexo hoteleiro e comercial ao que aspira a empresa dos Mouriño conta co apoio expreso da Xunta, o que facilitará expropiar os terreos necesarios para o proxecto privado
Pero a empresa dos Mouriño aspira non só a esas instalacións deportivas senón a un complexo hoteleiro e comercial máis amplo. Para iso impulsa un denominado proxecto de interese autonómico que, co apoio xa declarado da Xunta, facilitará a expropiación de terreos da comunidade de montes de Tameiga, que vén acusando a Mouriño de "facer negocio persoal cun pelotazo urbanístico". Ese futuro proxecto comercial de interese autonómico aínda sen autorización foi tamén esgrimido pola Xunta no proceso xudicial que agora vén de rematar para xustificar a "idoneidade" do emprazamento nun monte comunal aínda non urbanizado das instalacións deportivas xa executadas.
Segundo revela agora a sentenza do TSXG, a Xunta argumentou que "estas instalacións nacen con vocación de integrarse no conxunto de equipamento previsto da Cidade Deportiva do R. C. Celta, a ordenar mediante un proxecto de interese autonómico, actualmente en tramitación". O tribunal validou o plan urbanístico sometido á súa avaliación para legalizar o xa construído sen entrar a valorar o seguinte proxecto. "Non se pode anticipar a súa análise", sinala a sentenza.
Por outra banda, este sábado veciñanza e grupos ecoloxistas concentráronse fronte a sede da sociedade anónima deportiva no centro de Vigo en protesta por verteduras contaminantes que atribúen as súas instalacións.