Tras anular a xustiza as licenzas coas que a sociedade anónima deportiva levantou unha primeira fase, os populares acusan a diversas administracións e colectivos de “criminalizar” o empresario Carlos Mouriño e facilitan que continúe o seu proxecto
Este martes o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a aprobación por parte do Pleno do Concello de Mos, grazas á maioría absoluta do PP, dun plan urbanístico que permite legalizar a primeira fase xa construída da cidade deportiva do Real Club Celta nun monte comunal dese municipio. Foi levantada con licenzas municipais que hai un ano anulou un xulgado de Pontevedra, sentenza ratificada en maio polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. E tamén este martes, culminado o proceso para a legalización do xa construído, a sociedade anónima deportiva controlada polo empresario Carlos Mouriño informou de que a Xunta vén de iniciar o proceso para declarar de interese autonómico a ampliación do complexo, o que facilitará expropiar o monte comunal veciño cuxos comuneiros veñen rexeitando o proxecto.
A decisión da Xunta foi divulgada polo propio Celta cinco meses despois de que Carlos Mouriño pedise publicamente axuda ao Goberno galego para poder executar o seu proxecto, que os comuneiros afectados cualifican de “negocio persoal” que impulsa o empresario a través dun “pelotazo urbanístico”.
Tras executar as primeiras instalacións da cidade deportiva ao amparo de licenzas municipais directas, e antes de que a xustiza as ilegalizase por considerar que o construído as excedía e debía contar cun plan urbanístico especial, o Celta comezou a tramitar ante o Concello de Mos dito plan. Se as licenzas municipais son un trámite regulado que a administración debe validar se a solicitude cumpre os requisitos, os plans urbanísticos, pola contra, dependen da vontade política.
A sociedade anónima deportiva di que a Xunta valora do seu proxecto “a idea do deporte como unha actividade de interese público que conxunta o crecemento e a cohesión social e a igualdade de xénero”
Cando chegaron as sentenzas negativas, o plan xa estaba avanzado e hai dúas semanas a maioría absoluta do PP en Mos permitiu a súa aprobación. Foi nun Pleno no que os populares chegaron a dicir que a oposición municipal, Ecoloxistas en Acción, o Goberno de España, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Vigo e a comunidade de montes que se opón ao proxecto “son todos o mesmo”, e acusáronos de “criminalizar” a Carlos Mouriño.
Esa aprobación plenaria foi publicada este martes no DOG e poucas horas despois o Celta divulgaba un comunicado no que facía público que a Xunta vén de iniciar o proceso para declarar a ampliación do xa construído como proxecto de interese autonómico. Ese paso permitirá que a propia Xunta expropie o monte comunal necesario para a expansión do complexo, levantado agora en terreos alugados a unha comunidade de montes favorable ao mesmo, a de Pereiras, pero que se estendería tamén á de Tameiga, contraria.
A sociedade anónima deportiva controlada por Mouriño asegura que a Xunta valora do seu proxecto “a idea do deporte como unha actividade de interese público que conxunta o crecemento e a cohesión social e a igualdade de xénero”. Un proxecto que previamente fora presentado cun gran centro comercial e que despois foi reconducido a complexo deportivo, turístico e de ocio.
O Consello da Xunta aínda debe dar a aprobación definitiva, pero a sociedade anónima deportiva xa deu por feito hai dous meses que en 2023 ampliará as instalacións
A aceptación do proxecto por parte da Xunta chega cinco meses despois de que o propio empresario pedise publicamente axuda ao Goberno galego para superar atrancos como a negativa dos comuneiros a cederlle os terreos. Agora recolleranse alegacións e terá que ser o Consello da Xunta, co seu presidente á cabeza, quen finalmente aprobe a declaración de interese autonómico que facilitará as expropiacións e o resto de trámites. Pero malia os pasos pendentes, hai dous meses a sociedade anónima deportiva xa deu por feito que en 2023 ampliará as instalacións.