O empresario reúnese coas dúas comunidades afectadas pero só divulga o encontro coa favorable mentres a crítica di que o novo proxecto “continúa sendo un despropósito ambiental” que tenta legalizar “pola porta de atrás” o xa feito
Tras presentar o pasado 16 de marzo unha reformulación do proxecto de cidade deportiva en montes comunais de Mos que vén defendendo desde hai cinco anos, primeiro cun centro comercial e agora con instalacións de ocio ligadas ao deporte, o presidente da sociedade anónima deportiva Real Club Celta, o empresario Carlos Mouriño, reuniuse nas últimas xornadas coas dúas comunidades de montes afectadas. O Celta só divulgou na súa web a reunión coa de Pereiras, favorable ao proxecto, pero non o encontro coa de Tameiga, contraria, que vén de emitir un comunicado no que reitera o seu rexeitamento.
Segundo a Comunidade de Montes de Tameiga, o proxecto agora reformulado polo Celta é “máis do mesmo”, un “novo intento” de Mouriño “de facer negocio persoal mediante un pelotazo urbanístico coa recualificación de solo rústico de especial protección para facelo urbanizable”. Os comuneiros e as comuneiras consideran que aínda que o novo proxecto elimina o centro comercial previsto anteriormente, “continúa sendo un despropósito ambiental asfaltar e cubrir de formigón terreo forestal, e ademais as traídas de augas comunais seguirían estando afectadas”.
Un xulgado anulou as licenzas do Concello de Mos, do PP, coas que xa se construíu a primeira fase do proxecto e os comuneiros cren que a nova "manobra mediática" pretende lograr unha legalización antes de que se ratifique aquela anulación
A Comunidade de Montes de Tameiga lembra que o xa construído da cidade deportiva, os primeiros campos de fútbol e instalacións de adestramento para o primeiro equipo do Celta, recibiu o pasado verán unha sentenza dun xulgado do contencioso-administrativo que anulou as licenzas municipais do Concello de Mos, gobernado pola popular Nidia Arévalo, que autorizaran as obras. Esa sentenza está recorrida e pendente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), polo que a comunidade de montes cre que a nova “manobra mediática” de Mouriño se debe a que está próxima a resolución xudicial do tribunal.
“Semella que agora buscan que a Xunta de Galicia legalice pola porta de atrás todo este despropósito urbanístico antes de que o Tribunal Superior dictamine”, di o comunicado, que cita palabras do presidente da comunidade, César Lago: "Na Comunidade de Montes de Tameiga mandan así veciñas e veciños da parroquia. Foron moi rotundos cando votaron en asemblea, dixeron alto e claro que o monte é o primeiro, que o monte non se vende".
Ademais das reunións coas comunidades de montes, Mouriño tamén mantivo un encontro hai uns días coa delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, que esta non divulgou na axenda oficial da Xunta. Na súa presentación do proxecto hai medio mes o empresario xa apelara á axuda do Goberno galego para sacar adiante o seu novo proxecto, tras amosar o propio Feijóo o seu respaldo ao anterior con centro comercial. Agora, segundo o Celta, a delegada da Xunta considera que a súa reformulación “vai revolucionar o deporte” e é “un proxecto que é absolutamente estratéxico”.