A pasada semana entidades veciñais e comunidades de montes afectadas por esta actuación presentaron conxuntamente as súas alegacións á modificación puntual do PXOM de Mos
"A especulación do territorio para o beneficio duns poucos". Así define o conxunto do ecoloxismo galego o proxecto de construción da cidade deportiva do Celta, que prevé expropiar 864.000 metros cadrados de monte en Mos, a metade dos cales corresponden a monte en man común. A pasada semana entidades veciñais e comunidades de montes afectadas por esta actuación presentaron conxuntamente as súas alegacións á modificación puntual do PXOM de Mos que busca legalizar as obras. Agora, máis dunha ducia de entidades ecoloxistas veñen de presentar un manifesto en apoio "á loita da veciñanza comuneira de Tameiga na defensa dos seus montes".
O Concello de Mos, gobernado por Nidia Arévalo (PP), aprobou en setembro esta modificación do PXOM, que recualifica solos rústicos de protección forestal en terreos para “dotacións de carácter privado e usos terciarios comerciais”. Ademais de instalacións deportivas, o Celta de Vigo busca construír neste espazo de monte da parroquia de Tameiga un centro comercial de 120.000 metros cadrados. O centro comercial situaríase a apenas un par de quilómetros da localización proxectada para o polémico Porto Cabral. O proxecto da cidade deportiva, cuxas obras comezaron mesmo antes de contar con permisos, recibiu mesmo as dúbidas de varios departamentos da Xunta de Galicia sobre a idoneidade da súa construción e do propio Concello de Vigo.
O proxecto recibiu informes desfavorables de varios departamentos da Xunta, da Deputación de Pontevedra ou co Concello de Vigo
A Comunidade de Montes de Tameiga, as catro comunidades de traídas de auga afectadas (Casal-Tameiga, Monte Baxiña, Petelos-Tameiga e Sanguiñeda) e a Asociación Veciñal a Portela de Tameiga presentaron a pasada semana unha serie de alegacións conxuntas, apoiadas tamén por forzas políticas, sindicatos (CIG, CGT, CC.OO., CUT e UGT) e ecoloxistas. No texto, as entidades lembran que diversos organismos presentaron informes non favorables ou poñendo reparos á actuación, dende a Deputación de Pontevedra á Dirección Xeral de Aviación Civil, pasando pola Dirección Xeral de Política Enerxética ou á Dirección Xeral de Telecomunicacións.
O informe da Deputación de Pontevedra fai referencia ás afeccións sobre o sistema viario da zona, sinalando a ausencia nos procedementos seguidos polo Concello de Mos das "necesarias concrecións de titularidade dos viais alternativos" e tamén na forma de obtención dos terreos que actualmente ocupa o dominio publico viario da Deputación que se prevé ocupar" e sinalando que o proxecto non garante a seguridade nin a capacidade de acollida dun considerable aumento do tráfico ante o gran número de desprazamento que supoñen grandes eventos deportivos ou áreas comerciais desta natureza.
Dos 864.650 metros cadrados afectados na modificación parcial do PXOM, 230.100 pertencen ao monte comunal de Tameiga (o 28% da superficie) e 153.700 ao CMVMC de Pereiras (19% do total afectado). 393.300 corresponden a fincas de particulares, 46.250 son de dominio público e 41.300 corresponden á superficie afectada polo novo sistema xeral viario.
"Estes beneficios recaerán coma sempre nas mans duns poucos e sempre en detrimento das comunidades locais e do medio ambiente"
Así mesmo, esta fin de semana unha ducia de entidades ecoloxistas de toda Galicia presentaron un manifesto conxunto de apoio ás denuncias presentadas polo movemento veciñal e comuneiro da zona. O documento, asinado por ADEGA, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Verdegaia, Extinction Rebellion, EQUO, Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo, Plataforma Salvemos O Iribio, Fundação Montescola, Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Froxán, Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, A.S.C Vagalume e Marcha Mundial das Mulleres, alerta de que o proxecto persegue "a especulación do territorio para o beneficio duns poucos".
"A través do falso discurso da xeración de emprego, do progreso e da diversificación da economía, tentan xustificar as dotacións deportivas e as áreas comerciais como beneficiosas para a veciñanza, mais estes beneficios recaerán coma sempre nas mans duns poucos e sempre en detrimento das comunidades locais e do medio ambiente", din os ecoloxistas, que subliñan que a actuación é unha "fonte de xeración de emprego precario e temporal, cun modelo de grandes centros comerciais anacrónicos responsables da perda de comercio local e de proximidade nas vilas e cidades".
O manifesto afirma que "unha vez máis estase a pasar por alto desde as administracións o potencial de xeración de emprego e fixación de poboación que constitúe a xestión sostible do monte comunal" e salienta que os montes en man común "teñen un enorme potencial na conservación e na posta en valor dos ecosistemas, da biodiversidade e dos recursos ecosistémicos".
A actuación afecta ao abastecemento e á xestión comunitaria das augas levadas a cabo pola veciñanza
O texto fai fincapé, especialmente, na afección ás captacións de augas e ás comunidade de augas, pois no ámbito de actuación afectado polo proxecto urbanístico localízase o nacente do rego Porteliña e tamén un gran número de especies arbóreas de bosque de ribeira, principalmente salgueiros, ameneiros e outras caducifolias autóctonas, que cumpren "unha valiosa función ecolóxica en canto que dotan ao territorio de conectividade, permitindo ser espazos de acubillo, refuxio e alimento para a fauna".
Así mesmo, no lugar existen sistemas autónomos de captacións de auga subterránea para o consumo que dan servizo principalmente ás parroquias de Tameiga e de Cela. A actuación afecta polo tanto ao abastecemento e á xestión comunitaria das augas levadas a cabo pola propia veciñanza a través de traídas veciñais xestionadas por comunidades de augas.