O Concello de Mos vén de iniciar a exposición ao público da modificación do plan de urbanismo necesaria para o centro comercial que segundo a sociedade anónima deportiva precisa para “garantir a viabilidade” do recinto
O xoves desta semana o Diario Oficial de Galicia publicou aínda o inicio da exposición ao público por parte do Concello de Mos da modificación do seu plan de urbanismo necesaria para permitir a construción nun monte do municipio da Cidade Deportiva do Real Club Celta, un complexo no que a sociedade anónima deportiva quere incluír un centro comercial para “garantir a viabilidade económica” do proxecto. Pero antes de obter os permisos da Xunta para todo o complexo, e con amparo nunha licenza municipal de Mos que así o permite para obras de menor entidade, o Celta comezou hai preto dun ano as obras de construción dos dous primeiros campos de fútbol do recinto, uns traballos cuxa primeira pedra simbólica colocou este sábado.
Ao acto deste sábado, nunha gran carpa instalada sobre as obras xa en marcha, asistiu o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete, a alcaldesa de Mos, a popular Nidia Arévalo, e numerosos nenos da canteira do club. O presidente da entidade, o empresario Carlos Mouriño, salientou que “sobre esta primeira pedra aséntase o futuro do club”, deitando así a responsabilidade do devir da sociedade anónima deportiva que el controla sobre as administracións que deben autorizar ou non a recualificación urbanística necesaria para amparar a totalidade do complexo.
A comunidade de montes de Tameiga denunciou esta semana ante a Fiscalía á alcaldesa de Mos e o presidente do Celta por prevaricación e suborno
Un proxecto o do Celta que está a desenvolver en Mos co apoio do PP tanto no Goberno local como na Xunta, con implicación do propio Feijóo, e tras o desencontro da sociedade anónima deportiva co Concello de Vigo. Tamén conta co apoio dunha das dúas comunidades de montes afectadas polo proxecto, a de Pereiras, mentres que a outra, a de Tameiga, contraria ao mesmo, vén de denunciar ante a Fiscalía á alcaldesa de Mos e a Carlos Mouriño por prevaricación e suborno polo convenio asinado entre o Concello e a sociedade anónima deportiva, do que salientan que facilita a implantación do Celta neses terreos en detrimento doutros posibles adxudicatarios e sen ter en conta nin sequera á metade dos propietarios actuais.
De aprobarse definitivamente o proxecto completo, o Concello de Mos expropiaría os terreos para entregarllos ao Celta en concesión
Para a totalidade do proxecto de cidade deportiva con centro comercial, que afectaría a un ámbito de 864.000 metros cadrados, o Concello de Mos recorreu a unha figura urbanística que de aprobarse definitivamente implicará a expropiación dos terreos por parte da administración para a súa entrega en concesión ao Celta. A modificación que iso require do plan de urbanismo municipal, elaborado hai menos de dous anos, está agora a exposición pública tras a súa aprobación inicial, proceso que permite a suspensión de licenzas e polo tanto o bloqueo de calquera outro proxecto nese ámbito durante os próximos dous anos, á espera da aprobación definitiva.
Mentres agarda polos permisos definitivos para a totalidade do complexo, o club chegou a un acordo coa comunidade de montes de Pereiras para alugarlle parte do terreo, no que a comezos deste ano comezou xa as obras cuxa primeira pedra simbólica foi colocada aínda este sábado.
Tras a primeira fase xa en obras e á espera dos permisos para todo o complexo, o Celta tramita tamén unha segunda fase intermedia na que xustifica que deixar como está o monte implicaría risco de incendio
Pero nun punto intermedio entre as obras xa en execución e o proxecto de gran complexo con centro comercial, tamén se están a tramitar os permisos ambientais para unha segunda fase coa que reordenar o que xa está en marcha e executar neses terreos, nun espazo de 150.000 metros cadrados, tres campos de fútbol (o documento sinala que o que xa está en obras ao amparo da licenza municipal sería só un, malia que tanto este sábado como cando comezaron os traballos o propio club fala de dous), unha área de preparación de porteiros, un aparcamento de 80 prazas e un edificio de instalacións para vestiarios, ximnasio ou sala de prensa. Na documentación coa que intenta xustificar esa segunda fase o club argumenta que deixar como está o monte de Mos implicaría risco de incendio.
Para a transformación final dos 864.000 metros cadrados que abarcaría todo o complexo que desexa o Celta é precisa unha autorización autonómica en cuxa tramitación varios departamentos da Xunta, o Goberno central e o Concello de Vigo sinalaron diversos impactos ambientais e eivas que aínda deben ser xustificados ou mellorados polo club. Ademais, os veciños da contorna, moitos dos cales son propietarios dos montes comunais que poderían ser expropiados para o proxecto se eles mesmos non aceptan a súa cesión, temen que o complexo afecte ás traídas veciñais de augas das que se abastecen.
No último ano as características do complexo foron mudando
A totalidade do complexo, que no último ano foi mudando de características nos distintos documentos tramitados tanto polo Concello como polo club, tería segundo a súa última versión, a da modificación do plan de urbanismo agora exposta ao público, os seguintes elementos:
- Catro campos de fútbol de herba natural das mesmas dimensións que o terreo de xogo do estadio do primeiro equipo (108 x 68 m). Polo menos dous destes campos estarán agrupados en forma de campo dobre.
- Tres campos de fútbol de herba artificial das mesmas dimensións que o terreo de xogo do estadio do primeiro equipo, dous deles agrupados en forma de campo dobre.
- Dous campos de fútbol sete de herba artificial agrupados como campo dobre de tamaño total igual ao do terreo de xogo do estadio do primeiro equipo.
- Campo de preparación de porteiros e área de tecnificación.
- Zonas para a práctica doutros deportes; tenis, pádel...
- Un Miniestadio para as competicións oficiais do segundo equipo,do equipo xuvenil e no seu momento do equipo feminino, coas mesmas dimensións de terreo de xogo que o do estadio do primeiro equipo e un aforo de entre 6.000 e 11.000 espectadores.
- Pavillón cuberto de deportes con aforo para 800 espectadores, ampliable ata 4.000.
- Zonas de aparcadoiro para 1.000 vehículos.
- Edificio docente destinado ao ensino deportivo e fomento da canteira, escolas de adestradores, preparación física, de fisioterapia, recuperación...(Universidade do Deporte).
- Edificio administrativo e de servizos con instalacións para o primeiro equipo e a canteira, incluirá tamén servizos comúns da Cidade Deportiva, comedores, salón de actos, etc.
- Hotel / Residencia para os xogadores, persoal, equipos visitantes ou clientes.
- Centro de Medicina Deportiva.
- Piscina SPA con instalacións de adestramento deportivo e Hidroterapia.
O documento deixa para o final da descrición o que a sociedade anónima deportiva controlada por Carlos Mouriño considera elemento clave da actuación:
“Para garantir a viabilidade económica dos investimentos necesarios, en especial dos derivados da execución das infraestruturas públicas que leva de seu unha actuación desta natureza, e xerar as sinerxías necesarias arredor deste gran equipamento deportivo que permitan optimizar o seu funcionamento e aproveitamento, o proxecto da Cidade Deportiva inclúe ademais a previsión de superficie para o desenvolvemento dunha área de ocio e comercial”.