A sociedade anónima deportiva que controla Carlos Mouriño insiste en “lograr a totalidade do proxecto” que contempla un centro comercial e abarca 86 hectáreas
O proxecto de cidade deportiva privada con centro comercial que está a impulsar a sociedade anónima deportiva Real Club Celta, controlada polo empresario Carlos Mouriño, está a desenvolverse desde hai tres anos grazas ao apoio da administración pública, principalmente do Concello de Mos gobernado polo PP, pero tamén do propio presidente da Xunta e dese partido en Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Este martes, despois de que un xulgado anulase a licenza municipal de obras que amparou a construción da primeira fase do complexo, inaugurada por Feijóo hai medio ano, o Celta emitiu un comunicado no que anunciou que “o Concello de Mos presentará recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.
A sociedade anónima deportiva di estar convencida, malia á sentenza, de que “en todo momento actuouse, e se seguirá actuando ata lograr a totalidade do proxecto en Afouteza [como se denomina o complexo], respectando co máximo rigor a legalidade vixente”. Para acadar esa totalidade que inclúe un centro comercial para o que aínda non hai permiso nun ámbito que abarcaría 86 hectáreas, o proxecto estase a desenvolver en varias fases, a primeira das cales é a que vén de ver anulada agora a súa licenza. A sentenza sinala que a entidade das obras realizadas impedía que fosen autorizadas con licenza directa municipal e facía necesario un plan especial de dotacións e infraestruturas deportivas que comezou a ser tramitado posteriormente.
Agora o Concello argumenta que a tramitación dese plan de dotacións xa en marcha será o que permitirá legalizar as actuacións xa executadas ao amparo da licenza anulada. Un permiso a posteriori para uns feitos consumados que leva ao Celta a dicir que a sentenza “baséase nunha cuestión de forma sobre sobre a vía de concesión dos permisos e non cuestiona que as obras sexan totalmente compatibles e autorizables urbanísticamente”. Malia a esa sucesión de feitos, a sociedade anónima deportiva asegura que a súa cidade deportiva “cumpre de xeito escrupuloso coa normativa urbanística”.
A Confederación do Miño-Sil emitiu un informe desfavorable ao plan de dotacións que agora permitiría legalizar a posteriori as obras xa inauguradas
Porén, na tramitación dos permisos sectoriais necesarios para esas dotacións deportivas a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil emitiu só tres días antes da inauguración do pasado novembro un informe desfavorable no que salientou que o Concello de Mos non contestara aos seus requirimentos para poder pronunciarse sobre o impacto hídrico do complexo, principal crítica da veciñanza e das organizacións ecoloxistas que se opoñen ao proxecto. Aquel informe de novembro, necesario para a aprobación do plan de dotacións que segundo o Concello podería legalizar o xa construído, indicaba de xeito expreso que “co presente documento péchase o expediente aberto” e “se nun futuro ese Concello pretendera un novo informe, deberá solicitar a súa emisión, xunto coa documentación necesaria”.