Mouriño destaca que o Celta sitúase con esta obra "á altura da cidade e non debaixo dela, vai moito máis alo do seu lugar de nacemento"
Un ano despois de que o 1 de decembro de 2019 a Sociedade Anónima Deportiva Real Club Celta, controlada polo empresario Carlos Mouriño, colocase a primeira pedra da súa cidade deportiva nun monte comunal de Mos, este sábado 28 de novembro inaugurouse a primeira fase desas instalacións. Os dous primeiros campos de fútbol nos que desde o xoves xa adestra o primeiro equipo logo de deixar as instalacións municipais viguesas da Madroa tras o enfrontamento entre Concello e sociedade anónima queren converterse nuns anos nun complexo con centro comercial que aínda non conta cos permisos necesarios por parte de varias administracións que dubidan do impacto do proxecto.
Este sábado, na inauguración da agora bautizada como Cidade Deportiva Afouteza, á que asistiu o presidente da Real Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales, ou o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijó, entre outras autoridades, Mouriño asegurou que o Celta sitúase con esta obra "á altura da cidade e non debaixo dela, vai moito máis alo do seu lugar de nacemento". "Seguimos erguéndonos cada vez que intentabantirarnos. O ruído de fondo non puido coa valentía, a palabra e o honor propios dun proxecto en beneficio de todos", engadiu quen asegurou que ese ruído de fondo permitiu "dividir un sentimento pola súa localización no mapa".
Feijóo gaba "unhas instalacións de última xeración, á altura da súa relevancia, e abertas aos veciños da área”
Ademais, Mouriño gabou a colaboración do Concello de Mos porque "non se deixa someter, non busca o aplauso fácil e o sorriso falso, busca o crecemento colectivo sen necesidade de derrubar o outro". "Hai quen busca o contrario: cumprir caprichos e impedir o crecemento do club", engadiu o presidente do Celta, que destacou o respecto co medio dunhas instalacións que "decoran a contorna con árbores autóctonas".
Por parte da Xunta, o seu presidente, Núñez Feijóo, destacou "unhas instalacións propias, de última xeración, á altura da súa relevancia, e abertas aos veciños da área”, e lembrou que a súa posta en marcha fai realidade o desexo expresado polo club como unha “necesidade imperiosa”.
Feijóo e o PP apoian un proxecto sobre o que varias administracións e departamentos da Xunta teñen dúbidas do seu impacto
O proxecto de cidade deportiva que o Celta está a desenvolver en mos conta co apoio do PP tanto no Goberno local como na Xunta, con implicación do propio Feijóo, e tras o desencontro da sociedade anónima deportiva co Concello de Vigo. Tamén conta co apoio dunha das dúas comunidades de montes afectadas polo proxecto, a de Pereiras, onde están as instalacións xa rematadas, mentres que a outra, a de Tameiga, na que se seguiría a ampliar o complexo, é contraria ao mesmo.
Malia o apoio expreso do presidente Feijóo, varias administracións e departamentos da Xunta veñen amosando as súas dúbidas sobre o impacto ambiental do proxecto. Para a totalidade do complexo, que abarca algo máis de 86 hectáreas, o Concello de Mos está a tramitar unha modificación do seu plan de urbanismo que a Xunta considerou que debía someterse a unha avaliación ambiental completa despois de que varios departamentos tanto autonómicos como estatais cuestionasen o seu impacto.
O Celta chegou a argumentar que deixar como estaba o monte implicaría “certos riscos desde o punto de vista ambiental, principalmente os de incendio”
Ademais, tras as primeiras actuacións iniciadas ao amparo dunha licenza municipal e á espera do permiso para a totalidade da cidade deportiva, a Xunta tamén autorizou ambientalmente unha segunda fase (de 15 hectáreas que abarca ata a construción de tres campos, as instalacións asociadas a eles e un aparcamento) malia admitir que suporá un “importante consumo de recursos -especialmente de auga e enerxía-”. Na xustificación desa segunda fase do seu proxecto o Celta chegou a argumentar que deixar como estaba o monte implicaría “certos riscos desde o punto de vista ambiental, principalmente os de incendio”.
A totalidade do complexo, que foi mudando de características nos distintos documentos tramitados tanto polo Concello como polo club, tería segundo a modificación do plan de urbanismo de Mos aínda en tramitación os seguintes elementos:
- Catro campos de fútbol de herba natural das mesmas dimensións que o terreo de xogo do estadio do primeiro equipo (108 x 68 m). Polo menos dous destes campos estarán agrupados en forma de campo dobre.
- Tres campos de fútbol de herba artificial das mesmas dimensións que o terreo de xogo do estadio do primeiro equipo, dous deles agrupados en forma de campo dobre.
- Dous campos de fútbol sete de herba artificial agrupados como campo dobre de tamaño total igual ao do terreo de xogo do estadio do primeiro equipo.
- Campo de preparación de porteiros e área de tecnificación.
- Zonas para a práctica doutros deportes; tenis, pádel...
- Un Miniestadio para as competicións oficiais do segundo equipo,do equipo xuvenil e no seu momento do equipo feminino, coas mesmas dimensións de terreo de xogo que o do estadio do primeiro equipo e un aforo de entre 6.000 e 11.000 espectadores.
- Pavillón cuberto de deportes con aforo para 800 espectadores, ampliable ata 4.000.
- Zonas de aparcadoiro para 1.000 vehículos.
- Edificio docente destinado ao ensino deportivo e fomento da canteira, escolas de adestradores, preparación física, de fisioterapia, recuperación...(Universidade do Deporte).
- Edificio administrativo e de servizos con instalacións para o primeiro equipo e a canteira, incluirá tamén servizos comúns da Cidade Deportiva, comedores, salón de actos, etc.
- Hotel / Residencia para os xogadores, persoal, equipos visitantes ou clientes.
- Centro de Medicina Deportiva.
- Piscina SPA con instalacións de adestramento deportivo e Hidroterapia.
O documento deixa para o final da descrición o que a sociedade anónima deportiva controlada por Carlos Mouriño considera elemento clave da actuación:
“Para garantir a viabilidade económica dos investimentos necesarios, en especial dos derivados da execución das infraestruturas públicas que leva de seu unha actuación desta natureza, e xerar as sinerxías necesarias arredor deste gran equipamento deportivo que permitan optimizar o seu funcionamento e aproveitamento, o proxecto da Cidade Deportiva inclúe ademais a previsión de superficie para o desenvolvemento dunha área de ocio e comercial”.