Medio Ambiente exime ao club dunha análise en profundidade da segunda fase da súa cidade deportiva despois de que xa iniciase as obras da primeira fase e á espera do permiso para o centro comercial
A Consellería de Medio Ambiente vén de autorizar, como pedía a sociedade anónima deportiva, que a segunda fase do proxecto de cidade deportiva que o Celta xa está a construír nun monte comunal de Mos non teña que someterse a unha avaliación completa do seu impacto ambiental. O Goberno galego considera, na súa resolución feita pública este venres, que os tres campos de adestramento e instalacións ligadas a eles terán un “importante consumo de recursos -especialmente de auga e enerxía-” e pode afectar a un xacemento arqueolóxico, pero autorízao con condicións sen elaborar unha análise máis fonda como a que si lle esixiu para o proxecto completo de cidade deportiva con centro comercial que aínda está a tramitar.
O Celta, que conta co apoio expreso do presidente Feijóo e o rexeitamento do Concello de Vigo, xa comezou hai un ano as obras de construción no monte comunal de Pereiras, en Mos, dos primeiros campos de adestramento do que quere que sexa a súa gran cidade deportiva, cunha ducia de campos e un centro comercial que garanta a viabilidade económica do complexo e que quere desenvolver en varias fases que acabarían afectando ao veciño monte de Tameiga, cuxos comuneiros rexeitan o proxecto. A obra inicial, xa en marcha desde hai un ano pero cuxa primeira pedra non foi posta ata hai dous meses, comezouse ao amparo dunha licenza municipal directa.
Para o proxecto completo, que abarca algo máis de 86 hectáreas, o Concello de Mos está a tramitar unha modificación do seu plan de urbanismo que a Xunta considerou que debía someterse a unha avaliación ambiental completa despois de que varios departamentos tanto autonómicos como estatais cuestionasen o seu impacto. Pero tras as actuacións que xa ten en marcha e á espera do permiso para a totalidade da cidade deportiva o Celta comezou a tramitar unha segunda fase (que ocuparía 15 hectáreas e chegaría ata a construción de tres campos, as instalacións asociadas a eles e un aparcamento) que é a que agora a Xunta valida ambientalmente.
Na xustificación desta segunda fase do seu proxecto o Celta chegou a argumentar que deixar como está o monte implicaría “certos riscos desde o punto de vista ambiental, principalmente os de incendio”
Na xustificación desta segunda fase do seu proxecto o Celta chegou a argumentar que deixar como está o monte implicaría “certos riscos desde o punto de vista ambiental, principalmente os de incendio”, cuestión sobre a que nada di a Xunta na súa resolución. Pola contra, a Xunta si dita ao Celta diversas modificacións e cuestións a ter en conta, como a necesidade de que concrete “unha estimación do consumo de auga necesaria” para que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil poida posteriormente pronunciarse sobre “a viabilidade da solución proposta”.
O propio Goberno galego admite que “as instalacións deportivas propostas requiren dun importante consumo de recursos -especialmente de auga e enerxía- e xerarán novas emisións ao medio asociadas ao funcionamento das instalacións”. A sociedade anónima deportiva di que obterá a auga “de acuíferos profundos” e que o sistema de drenaxe evitará que posibles residuos cheguen a outros acuíferos, pero os veciños da zona que utilizan esas outras traídas dubidan de que vaia ser así.
Medio Ambiente pide que se concreten os movementos de terra previstos no proxecto, pero acéptaos argumentando que “o relevo natural destes terreos xa foi alterado por actuacións realizadas no pasado”
Na resolución agora feita pública pola Xunta tamén se lle sinalan á sociedade anónima deportiva controlada por Carlos Mouriño outras cuestións a ter en conta, como a posible afección das obras a un xacemento arqueolóxico ou que mellore a integración no proxecto dun sendeiro de longo percorrido que pasa por el. Medio Ambiente tamén pide que se concreten os movementos de terra previstos no proxecto, pero acéptaos argumentando que “o relevo natural destes terreos xa foi alterado por actuacións realizadas no pasado”. Porén, o Goberno galego non concreta se con esas actuacións xa realizadas se está a referir ás obras iniciadas hai un ano cunha licenza municipal que non requiriron nin sequera a avaliación ambiental superficial que agora valida.