A Confederación Hidrográfica emitiu tres días antes un informe no que sinala que non recibira contestación municipal aos seus requirimentos ao respecto
O 28 de novembro o empresario Carlos Mouriño, principal propietario da Sociedade Anónima Deportiva Real Club Celta, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, inauguraron a primeira fase da cidade deportiva a partir da que en seguintes momentos se quere levantar un centro comercial nun monte comunal de Mos que aínda carece dos permisos necesarios. Tres días antes, o 25 de novembro, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, emitiu un informe desfavorable, agora revelado por Ecoloxistas en Acción, no que salienta que o Concello de Mos non contestara aos seus requirimentos para poder pronunciarse sobre o impacto hídrico do complexo.
O Celta comezou hai dous anos as obras da súa cidade deportiva ao amparo dunha licenza municipal polo suposto reducido alcance dos primeiros traballos, sobre un terreo cedido voluntariamente por unha comunidade de montes. Mentres continúa a tramitación da modificación urbanística necesaria para todo o complexo co centro comercial, iniciouse a xestión dunha fase intermedia a través dun denominado Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para Instalacións Deportivas que contempla tres campos de fútbol, un edificio para vestiarios e oficinas e un aparcamento.
Para esas instalacións, que Ecoloxistas en Acción denuncia que se corresponden coas inauguradas o 28 de novembro e descritas en similares termos polo propio Celta, o Concello de Mos solicitou informe da Confederación Hidrográfica o pasado 24 de xullo. Dous meses despois, o 1 de outubro, a Confederación Hidrográfica requiriu ao Concello “documentación relativa á existencia dos recursos hídricos suficientes para o desenvolvemento do PEID e á capacidade para acoller os caudais de augas residuais que se xerarían, ao obxecto de dispoñer da información necesaria para realizar os pronunciamentos oportunos”.
O Celta chegou a argumentar que deixar como estaba o monte implicaría “certos riscos desde o punto de vista ambiental, principalmente os de incendio”
Porén, case dous meses despois, o 25 de novembro a Confederación Hidrográfica emitiu o informe no que sinala que “transcorrido o prazo outorgado ao solicitante ao obxecto de adxuntar a documentación requirida, comprobouse que este non a remitiu”. “Para que o pronunciamento poida ser en sentido favorable é necesaria a xustificación dunha serie de aspectos que só pode facerse a través da documentación que se requiriu ao concello e este non achegou”, engade o documento, que conclúe que a Confederación Hidrográfica “non dispón da documentación suficiente para pronunciarse” e emite “o presente informe en sentido desfavorable”.
A Xunta xa se pronunciara favorablemente sobre o impacto ambiental dese Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) co que amparar urbanísticamente a cidade deportiva do Celta malia admitir que suporá un “importante consumo de recursos -especialmente de auga e enerxía-”. Na xustificación desa fase do seu proxecto o Celta chegou a argumentar que deixar como estaba o monte implicaría “certos riscos desde o punto de vista ambiental, principalmente os de incendio”.
Feijóo e o PP apoian un proxecto sobre o que varias administracións e departamentos da Xunta teñen dúbidas do seu impacto
O proxecto de cidade deportiva que o Celta está a desenvolver en mos conta co apoio do PP tanto no Goberno local como na Xunta, con implicación do propio Feijóo, e tras o desencontro da sociedade anónima deportiva co Concello de Vigo. Tamén conta co apoio dunha das dúas comunidades de montes afectadas polo proxecto, a de Pereiras, onde están as instalacións xa rematadas, mentres que a outra, a de Tameiga, na que se seguiría a ampliar o complexo, é contraria ao mesmo.
Malia o apoio expreso do presidente Feijóo, varias administracións e departamentos da Xunta veñen amosando as súas dúbidas sobre o impacto ambiental do proxecto. Para a totalidade do complexo, que abarca algo máis de 86 hectáreas, o Concello de Mos está a tramitar unha modificación do seu plan de urbanismo que a Xunta considerou que debía someterse a unha avaliación ambiental completa despois de que varios departamentos tanto autonómicos como estatais cuestionasen o seu impacto.
A totalidade do complexo, que foi mudando de características nos distintos documentos tramitados tanto polo Concello como polo club, tería segundo a modificación do plan de urbanismo de Mos aínda en tramitación os seguintes elementos:
- Catro campos de fútbol de herba natural das mesmas dimensións que o terreo de xogo do estadio do primeiro equipo (108 x 68 m). Polo menos dous destes campos estarán agrupados en forma de campo dobre.
- Tres campos de fútbol de herba artificial das mesmas dimensións que o terreo de xogo do estadio do primeiro equipo, dous deles agrupados en forma de campo dobre.
- Dous campos de fútbol sete de herba artificial agrupados como campo dobre de tamaño total igual ao do terreo de xogo do estadio do primeiro equipo.
- Campo de preparación de porteiros e área de tecnificación.
- Zonas para a práctica doutros deportes; tenis, pádel...
- Un Miniestadio para as competicións oficiais do segundo equipo,do equipo xuvenil e no seu momento do equipo feminino, coas mesmas dimensións de terreo de xogo que o do estadio do primeiro equipo e un aforo de entre 6.000 e 11.000 espectadores.
- Pavillón cuberto de deportes con aforo para 800 espectadores, ampliable ata 4.000.
- Zonas de aparcadoiro para 1.000 vehículos.
- Edificio docente destinado ao ensino deportivo e fomento da canteira, escolas de adestradores, preparación física, de fisioterapia, recuperación...(Universidade do Deporte).
- Edificio administrativo e de servizos con instalacións para o primeiro equipo e a canteira, incluirá tamén servizos comúns da Cidade Deportiva, comedores, salón de actos, etc.
- Hotel / Residencia para os xogadores, persoal, equipos visitantes ou clientes.
- Centro de Medicina Deportiva.
- Piscina SPA con instalacións de adestramento deportivo e Hidroterapia.
O documento deixa para o final da descrición o que a sociedade anónima deportiva controlada por Carlos Mouriño considera elemento clave da actuación:
“Para garantir a viabilidade económica dos investimentos necesarios, en especial dos derivados da execución das infraestruturas públicas que leva de seu unha actuación desta natureza, e xerar as sinerxías necesarias arredor deste gran equipamento deportivo que permitan optimizar o seu funcionamento e aproveitamento, o proxecto da Cidade Deportiva inclúe ademais a previsión de superficie para o desenvolvemento dunha área de ocio e comercial”.