Tras aspirar hai catro anos a un centro comercial e levantar as primeiras instalacións cunha licenza ilegal, agora a sociedade controlada por Carlos Mouriño reformula o proxecto e di que o Goberno galego "ten as medidas suficientes para que non haxa ningún tipo de interferencia"
Carlos Mouriño, presidente da sociedade anónima deportiva Real Club Celta de Vigo, presentou en público este mércores unha reformulación do proxecto de cidade deportiva e de ocio que segue a intentar construír en montes comunais de Mos. Se hai catro anos prevía que o recinto incluíse un centro comercial, agora o proxecto, denominado Galicia Sports 360, Factoría do Deporte Galego, enfócase máis ao deporte e o ocio, cun pavillón ou “Arena Multiusos” de “30.000 metros cadrados de lecer deportivo, con capacidade de 8.000-10.000 persoas”.
A reformulación chega tras os informes administrativos en contra recibidos nos últimos anos e a sentenza que o pasado xuño anulou por ilegais as licenzas coas que xa se levantaron as primeiras instalacións. Agora, para garantir a súa consecución búscase que a Xunta declare o proxecto “de interese autonómico”, o que facilitaría a súa tramitación e mesmo a obtención dos terreos por expropiación en caso de non chegar a acordo cos propietarios, divididos entre dúas comunidades de montes distintas, unha favorable e outra contraria. "A Xunta ten as medidas suficientes para que non haxa ningún tipo de interferencia no proxecto", chegou a dicir este mércores Mouriño.
Tras o seu enfrontamento co alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a súa decisión de apostar por Mos, o proxecto inicial de Mouriño dun complexo que incluíse un centro comercial recibiu diversos informes en contra de varias administracións. Entre eles de varios departamentos da Xunta, o que non impediu que o propio presidente Feijóo lle amosase o seu apoio tanto na súa presentación inicial a finais de 2017 como na inauguración das primeiras instalacións a finais de 2020.
Mentres tramitaba os permisos para o conxunto do seu proxecto inicial, a sociedade anónima deportiva comezou a construción dos primeiros campos de fútbol e dos vestiarios para o primeiro equipo do Celta. Fíxoo tras un acordo coa comunidade de montes de Pereiras, que lle alugou os terreos, e ao amparo de dúas licenzas municipais outorgadas directamente polo Concello de Mos, gobernado polo PP, polo suposto pouco alcance das obras a realizar.
Tras a frustrada modificación do plan de urbanismo de Mos para facer o centro comercial, agora Mouriño aposta por que a Xunta declare o interese autonómico do novo proxecto, outra vía para facilitarlle a disposición dos terreos
Porén, en xuño do pasado ano, e a instancias doutra comunidade de montes, a de Tameiga, contraria a un proxecto que acabaría afectando tamén aos seus terreos en seguintes fases, un xulgado anulou as dúas licenzas. A sentenza considerou que as actuacións realizadas superaban o que se podía realizar con licenzas directas municipais e requirían dun plan urbanístico mellor estudado. Un plan que o Celta xa comezara a tramitar antes desa sentenza presentándoo como unha segunda fase do seu proxecto.
Pero a terceira fase, a que incluiría o centro comercial a través dunha modificación do plan xeral de urbanismo do Concello de Mos, recibiu informes en contra de calado, especialmente do Goberno de España.
Fronte á frustrada modificación do plan de urbanismo de Mos, que tamén lle permitiría dispoñer dos terreos malia o rexeitamento dos propietarios, agora a opción pola que aposta o Celta é que a propia Xunta declare o seu novo proxecto de interese autonómico, figura que axiliza a obtención dos informes sectoriais necesarios e que permite mesmo a expropiación dos terreos por parte da administración para poñelos a disposición dunha iniciativa privada.
A reformulación presentada este mércores por Mouriño, que abarcaría menos superficie de monte que o proxecto inicial do centro comercial, fala dun investimento de 70 millóns de euros e a creación de 250 postos de traballo. O empresario asegura que é “un proxecto que vai modificar por completo a industria do deporte” en Galicia, “algo dunha importancia extraordinaria para a formación de clubs, atletas ou federacións”.
O complexo incluiría, ademais das primeiras instalacións xa construídas para os adestramentos do primeiro equipo, “universidade do deporte”, “HUB de Innovación”, “turismo deportivo”, “centro de alto rendemento médico”, “residencia” e a antedita “Arena Multiusos”, que aspira a acoller campionatos internacionais de todo tipo de deportes ou concertos. Segundo as recreacións facilitadas polo Celta, ese pavillón levantaríase separado do resto do complexo deportivo, ao outro lado da residencia de maiores e o viveiro de plantas doutras empresas que actualmente xa existen na zona.