Un xulgado anula por vulnerar a liberdade de expresión a multa municipal á comunidade de Tameiga por unha pancarta crítica coa alcaldesa do PP, Nidia Arévalo
O apoio do goberno local de Mos, encabezado pola popular Nidia Arévalo, á cidade deportiva que o Celta esta a construír nun monte comunal lindeiro con Vigo vén de supoñerlle ao Concello unha nova condena xudicial, desta volta por atacar a liberdade de expresión dunha das dúas comunidades de montes implicadas e oposta ao proxecto. Un xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra vén de anular, nunha sentenza con data do 7 de outubro, a multa de 750 euros que o Concello impuxo á Comunidade de Montes de Tameiga por unha pancarta co lema “Non deixes que Nidia arrase o noso monte, defende o monte, defende a vida”.
Hai catro meses outro xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra anulou a licenza municipal outorgada polo Concello de Mos que habilitou ao Real Club Celta Sociedade Anónima Deportiva para acometer a primeira fase do seu proxecto, que en seguintes fases quere seguir estendéndose por máis montes comunais da zona cun gran centro comercial. A comunidade de montes de Tameiga oponse ao proxecto e instalou unha pancarta crítica coa alcaldesa popular que foi sancionada polo Concello por supostamente ser instalada sen autorización municipal.
A pancarta crítica coa alcaldesa, di o xulgado, "entra dentro da liberdade de expresión que todo cidadán ten recoñecida na nosa Constitución”
A sentenza xudicial dá agora a razón á comunidade de montes e lembra que as ordenanzas municipais consideran sancionable “a colocación de elementos publicitarios sen licenza”, pero salienta que neste caso “o colocado é unha pancarta reivindicativa da situación vivida polos veciños ante un conflito social” e que “non se recolle na pancarta elemento publicitario algún”. “O contido da mensaxe da pancarta non fai alusión, nin publicita o exercicio dunha actividade mercantil, nin industrial ou profesional, unicamente recolle unha protesta social, que entra dentro da liberdade de expresión que todo cidadán ten recoñecida na nosa Constitución”, incide a sentenza.
A multa do Concello pola suposta colocación dun elemento publicitario é polo tanto nula xa que non houbo publicidade comercial senón liberdade de expresión, co que o xulgado deixa sen efecto a sanción imposta, condena ao Concello “á devolución das cantidades ingresadas” máis “os xuros legais” desde o momento do pagamento e imponlle á administración as costas xudiciais ata un máximo de 200 euros máis IVE.
A cidade deportiva do Celta en Mos que está a impulsar o empresario Carlos Mouriño vén sendo apoiada polo PP a través do Concello e a Xunta, e persoalmente polo propio Feijóo, malia que varios departamentos da administración galega dubidan do seu impacto.