O goberno local de Mos, do PP, aprobou o luns o plan urbanístico co que pretende regularizar o xa construído, e o martes o TSXG fixo pública a sentenza que ratifica que foi ilegal, pero o paso municipal debe ser avalado pola Xunta e a sentenza pode ser aínda recorrida
Hai un ano un xulgado de primeira instancia anulou as licenzas que o Concello de Mos outorgou ao Real Club Celta Sociedade Anónima Deportiva, propiedade do empresario Carlos Mouriño, para construír a primeira fase da cidade deportiva e complexo comercial que está a levantar nun monte comunal dese municipio. O concello, gobernado polo PP, recorreu, pero mentres seguiu tramitando un plan urbanístico para legalizar o xa construído, documento que este luns aprobou para a súa remisión á Xunta, que terá a última palabra sobre el.
Un día despois, este martes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixo pública a súa decisión sobre o recurso contra a sentenza de hai un ano, que ratifica. O tribunal coincide co xulgado anterior en que o xa construído excede o que se podía facer coas licenzas municipais outorgadas polo concello, pensadas para actuacións de menor envergadura. A sentenza chega polo tanto antes de que se completase a legalización do xa executado, que aínda debe validar a Xunta. Pero a propia sentenza aínda non é firme, xa que pode ser recorrida en casación ante o Tribunal Supremo.
A sentenza feita pública este martes, pero con data do 12 de maio, isto é, dez días antes de que o Concello aprobase o seu trámite da legalización, indica que o obxecto do debate céntrase “en determinar se o obxecto das licenzas era unha actividade deportiva coas obras imprescindibles para o seu uso, como entendeu o Concello [e a Xunta]” ou se polo contrario as actuacións excedían o autorizable con licenzas municipais e debían contar cun plan urbanístico como o que agora quere legalizar o xa construído.
O TSXG conclúe que “non se pode considerar que estas obras teñan o carácter de instalacións mínimas imprescindibles para o uso a desenvolver”
A conclusión do TSXG é que “non se pode considerar que estas obras teñan o carácter de instalacións mínimas imprescindibles para o uso a desenvolver”. Os maxistrados destacan que as actuacións executadas exceden “das instalacións mínimas a que se refire a lei” e que “se debe compartir a consideración de que, cunha marxe temporal de non máis dun ano entre un e outro acordo [as dúas licenzas municipais que autorizaron os campos de fútbol e a edificación que acolle os vestiarios] se autorizaron unhas obras que conformarán un conxunto completo que constitúe unha unidade”, polo que conclúen que “precisa dun plan especial”.
A propia sentenza incide en que isto “resulta ademais avalado pola circunstancia de que se está tramitando un plan especial cuxo obxecto” é o de amparar legalmente o xa construído.
Ademais do xa construído que agora se ratifica como ilegal e que Concello e Xunta queren legalizar, a sociedade anónima deportiva quere axuda do Goberno galego para que declare como de interese autonómico unha seguinte fase para construír un complexo comercial e de ocio. Esa declaración facilitaría a expropiación dos terreos necesarios antes a negativa dunha das dúas comunidades de montes da zona a facilitar os plans de Carlos Mouriño.