O empresario Carlos Mouriño encarga a dúas empresas de “revitalización de estadios” e “rexeneración urbana” a transformación do monte comunal de Mos nun complexo de ocio
Menos dunha semana despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixese pública unha sentenza que ratifica a ilegalidade das instalacións xa construídas para a cidade deportiva do Celta nun monte comunal de Mos, a sociedade anónima deportiva que controla o empresario Carlos Mouriño vén de dar por feito que o próximo ano ampliará as súas instalacións. Porén, esa seguinte fase do proxecto non ten aínda permiso da Xunta, a quen Mouriño pediu axuda para que facilite a súa execución mesmo con expropiacións, xa que unha das dúas comunidades de montes afectadas rexeita a iniciativa.
Por outra banda, a ampliación da cidade deportiva, que inicialmente ía incluír un gran centro comercial sobre que diversas administracións amosaron as súas dúbidas e que agora Mouriño describe como un complexo de ocio, deportivo e turístico, vai ser encargada a dúas empresas que o Celta describe como especializadas en “revitalización de estadios” e “rexeneración urbana”.
A cidade deportiva do Celta comezou a levantarse nun monte comunal de Mos alugado ao amparo de licenzas municipais outorgadas polo goberno local do PP que foron anuladas hai un ano por un tribunal de primeira instancia, sentenza que vén de ser ratificada polo TSXG. O tribunal reitera que o xa executado excedeu o que se podía realizar con licenzas como as que recibiu o Celta.
A sociedade anónima deportiva require do apoio da Xunta para evitar o rexeitamento ao proxecto dunha comunidade de montes, que acusa a Mouriño de "facer negocio persoal cun pelotazo urbanístico"
Ante os reveses xudiciais, Celta e Concello de Mos comezaron a tramitar un plan urbanístico máis amplo co que queren legalizar o xa construído, pero este aínda non foi avalado pola Xunta. Ademais, para ampliar o xa executado cun novo complexo de ocio, o pasado marzo Mouriño pediu publicamente que o Goberno galego declare o proxecto de interese autonómico. Esa medida ademais de facilitar a súa tramitación permitirá mesmo expropiar os terreos necesarios, xa que unha das dúas comunidades de montes implicadas rexeita a iniciativa do empresario, ao que acusa de “facer negocio persoal cun pelotazo urbanístico”.
Malia que Mouriño aínda carece dos permisos da Xunta tanto para legalizar o xa construído como para amplialo, o pasado luns o Celta anunciou que o seu denominado proxecto Galicia Sports 360 “comezará as súas obras no segundo semestre do próximo ano”. A sociedade anónima deportiva tamén informou de que o proxecto será desenvolvido por Molcaworld, “empresa líder en desenvolvemento conceptual e revitalización de estadios a nivel internacional”, e CBRE, “primeira firma internacional de consultoría e servizos inmobiliarios”, que xunto con Bovis from CBRE, “compañía líder en Project Management” serán os encargados da “rexeneración urbana e transformación da nova cidade deportiva”.
O Celta pon o foco en que os diversos proxectos que vén desenvolvendo multiplicaron o “valor patrimonial” da sociedade anónima deportiva da que Mouriño é o principal accionista
O Celta insiste en que o seu proxecto suporá un investimento de 70 millóns de euros e creará 250 postos de traballo directos. O comunicado do Celta pon o foco en que os diversos proxectos que vén desenvolvendo multiplicaron o “valor patrimonial” da sociedade anónima deportiva da que Mouriño é o principal accionista. Sobre o novo proxecto di que é “comparable a outros tres complexos similares en Europa, situados en París, Londres e Berlín”, que non identifica, mentres que do xa construído da cidade deportiva asegura que é un “exemplo de xestión sostible e integración co medio ambiente”.