Rueda xustifica coa igualdade de xénero que a Xunta impulse a ampliación da cidade deportiva do Celta iniciada de xeito ilegal

Rueda e o empresario que controla o Celta, Carlos Mouriño, nunha imaxe de arquivo nun acto contra a violencia de xénero CC-BY-SA Xunta de Galicia

O proxecto, argumenta o presidente, permitirá trasladar os equipos masculinos ás novas instalacións propiedade do club en Mos e empregar os vellos campos municipais da Madroa para as seccións femininas

O Consello da Xunta acordou este xoves iniciar os trámites para declarar “de interese autonómico” a ampliación da cidade deportiva do Celta en Mos que impulsa a sociedade controlada polo empresario Carlos Mouriño. Iso facilitará os permisos e mesmo a expropiación dos terreos necesarios para a actuación, o que o propio presidente Rueda xustificou polo alcance económico e social do proxecto do empresario e mesmo pola “igualdade de xénero”. Un argumento que o presidente sustentou en que a ampliación da cidade deportiva permitirá trasladar os equipos masculinos do Celta ás novas instalacións propiedade do club en Mos e empregar os vellos campos da Madroa propiedade co Concello de Vigo para impulsar as seccións femininas.

Recreación do complexo de ocio co que Carlos Mouriño quere ampliar a cidade deportiva do Celta © Real Club Celta SAD

A cidade deportiva do Celta nun monte comunal de Mos, tras o enfrontamento de Mouriño co alcalde vigués polo uso do estadio de Balaídos e dos campos de adestramentos de titularidade municipal da Madroa, comezou a levantarse nese concello limítrofe ao amparo de licenzas directas outorgadas polo goberno local do PP pola suposta pouca envergadura dos traballos a realizar. Esas licenzas foron anuladas pola xustiza porque as obras foran moi superiores ao que se podía executar con aqueles permisos directos municipais, o que levou ao Concello de Mos a impulsar un plan urbanístico específico que amparase o xa construído que foi aprobado este pasado verán.

A legalización do xa executado chegou dous anos despois da inauguración desa primeira fase do complexo coa presenza Feijóo como presidente da Xunta, quen apoiara expresamente o proxecto. Pero ao tempo a sociedade anónima deportiva xa impulsaba unha ampliación do complexo para a que reclamou a axuda do Goberno galego que agora vén de obter e que mesmo permitirá obter terreos que unha comunidade de montes da zona se nega a ceder.

Recreacións do novo proxecto do Celta en Mos © Real Club Celta SAD

O trámite agora iniciado pola Xunta aínda debe culminarse dentro duns meses, pero o pasado xuño o empresario Carlos Mouriño xa deu por feito que as obras comezarán o próximo ano

Este xoves Rueda xustificou que a Xunta declare o proxecto de Carlos Mouriño como de interese autonómico non só polo alcance territorial e económico do proxecto senón porque “ademais permitirá impulsar a creación do equipo de fútbol feminino do Celta”, xa que o club desprazará ás súas novas instalacións as seccións masculinas e “reservará para as mulleres as actuais instalacións da Madroa”, propiedade do Concello de Vigo e con peores características que as da nova cidade deportiva. 

Malia que a Xunta aínda inicia agora o proceso para declarar a ampliación da cidade deportiva como "de interese autonómico", Mouriño xa deu por feito que as obras comezarán o próximo ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.