O comisario europeo de Medio Ambiente di, en resposta a unha pregunta do BNG, que é competencia estatal ou galega avaliar o proxecto da familia Mouriño pero lembra as precaucións que se deben adoptar
A cidade deportiva que está a impulsar en montes comunais de Mos a empresa Real Club Celta Sociedade Anónima Deportiva, da familia Mouriño, comezou a construírse de xeito ilegal, segundo sentenciou a xustiza de xeito firme. As súas sucesivas ampliacións pretenderon legalizar o xa executado e, ao tempo, supuxeron unha fragmentación administrativa que permitiu que a globalidade do proxecto eludise unha avaliación ambiental completa. Así o xustificou a Xunta, que apoia politicamente o proxecto e argumentou que non era precisa unha avaliación máis exhaustiva porque boa parte da zona xa estaba transformada polas fases previas do complexo.
Neste contexto a eurodeputada do BNG Ana Miranda formulou unha pregunta parlamentaria á Comisión Europea sobre a súa visión do proxecto á luz da normativa comunitaria en materia ambiental. A resposta, emitida polo comisario de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevičius, evita unha valoración expresa co argumento de que a avaliación ambiental de proxectos concretos é competencia estatal ou galega. Pero si lembra varias precaucións a adoptar.
A resposta do comisario Sinkevičius encadra o procedemento de avaliación ambiental ao que se debera someter a cidade deportiva como o correspondente a "proxectos de complexos hoteleiros". E sinala que para ese tipo de proxectos as autoridades competentes deben determinar o grao de fondura da avaliación ambiental, cuestión na que non entra.
O comisario sinala que o proxecto non está en Rede Natura pero salienta que "hai varios destes lugares nun radio de entre nove e quince quilómetros ao seu redor"
Pero a resposta do comisario si achega algunha consideración máis non transmitida na pregunta do BNG, o que revela que o seu departamento fixo unha mínima labor de análise do caso concreto. Así, a resposta oficial sinala que os montes afectados "non están situados nun lugar da Rede Natura 2000, pero hai varios destes lugares nun radio de entre nove e quince quilómetros ao seu redor". E engade que "en virtude da Directiva sobre os hábitats, todo plan ou proxecto que poda afectar de forma apreciable a un lugar da Rede Natura 2000 debe someterse a unha avaliación adecuada para determinar as repercusións que poida ter e só pode autorizarse se non causará prexuízo á integridade do lugar en cuestión".
Tamén lembra o comisario que á marxe do efecto directo sobre lugares da Rede Natura 2000, hai que tomar "medidas para a velar polo cumprimento do réxime de protección das especies" tamén fóra deses espazos.