Tras iniciar as obras en 2019 cun licenza ilegal, a Consellería de Medio Ambiente autorizou en 2020 a primeira ampliación a 15 hectáreas e agora a segunda a 30 co mesmo argumento de que boa parte da zona xa está transformada
“Suporá a ocupación dunha importante superficie de terreos rústicos no municipio de Mos (30,5 hectáreas). Porén, un 49% desta superficie corresponde a unha parcela na que está xa construída parte do proxecto de cidade deportiva do RC Celta”. Ese é un dos argumentos cos que a Consellería de Medio Ambiente validou recentemente o conxunto da cidade deportiva que o Real Club Celta de Vigo Sociedade Anónima Deportiva, propiedade do empresario Carlos Mouriño, xa vén construíndo desde hai catro anos en montes comunais de Mos.
O proxecto non terá que someterse a unha avaliación ambiental ordinaria senón só a unha simplificada, decisión para a que o Goberno galego, que apoia politicamente a Mouriño, vén de empregar un argumento similar ao que xa utilizou en 2020 para validar outra fase previa de construción: que “o relevo natural destes terreos xa foi alterado por actuacións realizadas no pasado”. Actuacións que o Celta iniciou en 2019 ao amparo dunha licenza municipal que non tivo avaliación ambiental e que foi despois anulada pola xustiza por exceder o executado o que podía facerse a través desa vía.
O proxecto de Mouriño dunha cidade deportiva en Mos que fose máis alá do deporte e dese á súa empresa outro tipo de ingresos comerciais naceu en 2018 co apoio persoal de Alberto Núñez Feijóo en pleno enfrontamento de empresario e político popular co alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero.
Tras un frustrado primeiro proxecto con centro comercial, o Celta comezou a construír en 2019 en terreos alugados a unha comunidade de montes, a de Pereiras, tres campos de fútbol e o que presentou como pequenas instalacións para vestiarios e servizos ligados. Fíxoo ao amparo de dúas licenzas municipais, unha para cada tipo de actuación, que o goberno local de Mos, do PP, argumentou que podía conceder directamente pola escasa envergadura das obras. Esa primeira fase foi inaugurada polo propio Feijóo en novembro de 2020.
En abril o TSXG fixo firme que o complexo comezou a levantarse con licenzas outorgadas ilegalmente polo Concello de Mos, pero este xa tramitou un plan para amparar o xa construído e agora a Xunta apoia políticamente a ampliación ata 30 hectáreas
Medio ano despois de comezar a funcionar esa primeira fase un xulgado de Pontevedra sentenciou en xuño de 2021 que as licenzas foran ilegais xa que non podían amparar actuacións de tal magnitude. E así o ratificou e fixo firme o pasado abril o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Pero mentres a xustiza resolvía o Concello de Mos impulsou un plan urbanístico máis amplo para amparar legalmente o xa construído e mesmo aumentalo lixeiramente. Ese plan, aprobado definitivamente hai un ano, foi eximido en 2020 pola Consellería de Medio Ambiente de ter que someterse a unha avaliación ambiental ordinaria porque a Xunta non prevé que teña efectos significativos sobre o medio ambiente. Para iso empregou entre outros argumentos o de que “o relevo natural destes terreos xa foi alterado por actuacións realizadas no pasado”. Entre elas as inauguradas polo propio Feijóo que despois se confirmaría que se fixeran con licenzas ilegais.
Pero a empresa de Mouriño aspira non só a esas instalacións deportivas senón a un complexo comercial máis amplo. Para iso impulsa un denominado proxecto de interese autonómico que, co apoio xa declarado da Xunta, facilitará a expropiación de terreos doutra comunidade de montes veciña, a de Tameiga, que se opón á iniciativa e acusa a Mouriño de "facer negocio persoal cun pelotazo urbanístico". O Celta pediu hai uns meses á Xunta unha avaliación de impacto ambiental simplificada dese proxecto, e agora a Xunta vén de facer pública a súa decisión favorable, o que no pasado lle supuxo condenas xudiciais por autorizar do mesmo xeito todo tipo de plans urbanísticos. Agora, no caso do Celta faino empregando entre outros o antedito argumento de que na metade das 30,5 hectáreas que ocupará o proxecto “xa está construída parte da cidade deportiva”.
A Xunta non considera que o complexo vaia ter impactos significativos malia que varios dos seus departamentos advirten de "importantes movementos de terras", "elevada incidencia visual", "importante incremento do tráfico" ou "alto valor científico" de xacementos arqueolóxicos
No informe ambiental estratéxico co que a Consellería de Medio Ambiente avalía os previsibles impactos que terá o proxecto detállanse estes, apuntados por diversos departamentos da Xunta, como que a zona ten “pendentes pronunciadas”, o que “fai prever importantes movementos de terras”. Tamén que “as diversas edificacións e instalacións deportivas proxectadas terán unha elevada incidencia visual na contorna máis próxima”. Ou que “nos xacementos situados no interior do ámbito realizáronse intervencións arqueolóxicas que evidenciaron o seu precario estado de conservación pero tamén un alto valor científico, polo que é necesario levar a cabo actividades e estudos previos”.
A Xunta tamén admite que o complexo provocará un “importante incremento dos fluxos de tráfico” e “requirirá nalgunhas situacións unha participación destacada dos medios de transporte colectivo”.
Todos estes e outros efectos que a Xunta admite que terá o complexo xa non serán sometidos a unha avaliación ambiental ordinaria “xa que non se prevén efectos ambientais adversos significativos”. O Goberno galego limítase a ditar unha serie de corrección ou determinacións a ter en conta “para garantir a integración dos aspectos ambientais” dun proxecto global que o Celta prevé executar en catro novas etapas sucesivas, cada unha das cales non se iniciaría ata completarse a anterior.
Tras esta validación ambiental e a próxima autorización definitiva da Xunta o complexo será executado en catro novas fases que se prolongarán outros dez anos
A primeira das novas fases a executar corresponderíase coa mellora do xa construído e duraría dous anos. A segunda suporía a construción dun denominado Centro Integral para a Capacitación da Industria do Deporte (Cicid), unha residencia e completar a cidade deportiva propiamente dita, e tamén tería unha duración doutros dous anos. A terceira etapa, que tardaría outros dous anos en executarse, serían as instalacións “para turismo deportivo (hotel e centro de auga), que suporía expropiar terreos da comunidade de montes de Tameiga, en parte dos cales actualmente hai instalado un viveiro.
Finalmente a cuarta etapa, que se iniciaría tras as tres anteriores, isto é, seis anos despois da aprobación definitiva do plan agora en tramitación, tería unha duración estimada doutros tres anos. Esa etapa sería a que incluiría o denominado Espazo Arena -un pavillón deportivo para todo tipo de eventos- así como as principais conexións exteriores do complexo, cun enlace coa Autoestrada AG-57 Vigo-Val Miñor e co desdobramento de dúas estradas convencionais da contorna. Isto é, o conxunto do complexo deportivo e comercial tardaría unha década en estar en funcionamento unha vez a Xunta o autorice definitivamente tras agora darlle o visto bo ambiental.