A Xunta inicia a tramitación ambiental do proxecto, que insiste en que deixar o monte comunal de Mos como está en lugar de facer o complexo deportivo supón riscos de incendio
A Xunta vén de iniciar a tramitación ambiental da ampliación da cidade deportiva do Celta en Mos, proxecto co que o seu propietario, Carlos Mouriño, quere construír un complexo de ocio e turístico. A iniciativa conta co apoio do Goberno galego, que a declarou proxecto de interese autonómico, o que facilitará a expropiación dos terreos necesarios, principalmente de dúas comunidades de montes, unha favorable e outra contraria ao proxecto.
Na documentación que está a piques de rematar a súa exposición pública solicítase da Xunta unha avaliación ambiental simplificada do proxecto, en lugar da ordinaria que levaría máis tempo, trámites e controis. Ao tempo, a documentación revela que o proxecto desenvolveríase por fases de xeito que a última, a que incluiría un pequeno estadio de fútbol e un pavillón deportivo denominado Espazo Arena para diversos tipos de eventos, tardaría unha década en ser unha realidade.
A cidade deportiva do Celta nun monte comunal de Mos, tras o enfrontamento de Mouriño co alcalde de Vigo polo uso do estadio municipal de Balaídos e dos campos de adestramentos da Madroa, tamén de titularidade municipal, comezou a levantarse nese concello limítrofe ao amparo de licenzas directas outorgadas polo goberno local do PP pola suposta pouca envergadura dos traballos a realizar. En terreos da comunidade de montes de Pereiras, favorable ao proxecto, fíxose un edificio e varios campos de adestramento destinados ao primeiro equipo que foron inaugurados polo daquela presidente Feijóo en novembro de 2020.
Posteriormente as licenzas que amparaban esas primeiras actuacións foron anuladas pola xustiza porque as obras foran moi superiores ao que se podía executar con aqueles permisos directos municipais, o que levou ao Concello de Mos a impulsar un plan urbanístico específico que amparase o xa construído e mesmo o ampliase lixeiramente, legalización rematada definitivamente o pasado verán. Pero mentres a sociedade anónima deportiva controlada por Mouriño comezou a impulsar unha terceira fase de ampliación, a que agora inicia a súa tramitación ambiental.
A documentación a exposición pública di que non ampliar a cidade deportiva suporía "poñer en risco a viabilidade das instalacións" xa construídas, levantadas no seu momento con licenzas municipais que a xustiza anulou e posteriormente legalizadas por Xunta e Concello de Mos
Na xustificación da segunda fase ou legalización do xa construído o Celta xa empregara o argumento de que deixar os terreos como estaban, como un monte con aproveitamentos forestais, implicaba manter un xenérico risco de incendios sobre os mesmos. E ese mesmo argumento emprega novamente, entre outros, para xustificar a nova ampliación.
A lei obriga a estudar varias alternativas cando se formulan este tipo de proxectos, e a documentación agora exposta estuda dúas, a de deixar o terreo como está e a de facer o complexo que quere o Celta. E sobre a primeira alternativa dise que implicaría risco de incendio, un “uso minoritario” dese espazo e manter “o carácter de propiedade privada (aínda que en parte de carácter comunal)”. A documentación tamén di que manter o espazo como está suporía facer inviable o proxecto futuro do Celta e mesmo “poñer en risco a viabilidade das instalacións e equipamentos deportivos recentemente construídos”.
Pola contra, a documentación xustifica como máis beneficiosa para o conxunto da sociedade a segunda alternativa, a de construír o complexo de iniciativa privada a través de expropiacións que realizaría a Xunta. Un complexo que se formula en catro etapas sucesivas, cada unha das cales non se iniciaría ata completarse a anterior.
A primeira corresponderíase coa mellora do xa construído e duraría dous anos. A segunda suporía a construción dun denominado Centro Integral para a Capacitación da Industria do Deporte (Cicid), unha residencia e completar a cidade deportiva propiamente dita, e tamén tería unha duración doutros dous anos. A terceira etapa, que tardaría outros dous anos en executarse, serían as instalacións “para turismo deportivo (hotel e centro de auga), que suporía expropiar terreos da comunidade de montes de Tameiga, en parte dos cales actualmente hai instalado un viveiro.
Finalmente a cuarta etapa, que se iniciaría tras as tres anteriores, isto é, seis anos despois da aprobación do plan urbanístico agora en tramitación, tería unha duración estimada doutros tres anos. Esa etapa sería a que incluiría o denominado Espazo Arena así como as principais conexións exteriores do complexo, cun enlace coa Autoestrada AG-57 Vigo-Val Miñor e co desdobramento de dúas estradas convencionais da contorna.
Malia que a tramitación ambiental aínda se inicia agora, Mouriño xa deu por feito que as obras comezarán este 2023
Malia que a Xunta aínda ten que decidir se o proxecto cumpre ou non os requisitos para que a súa tramitación ambiental sexa simplificada e non ordinaria, o que en todo caso requirirá de varios meses de trámites, o pasado xuño Carlos Mouriño xa deu por feito que as obras comezarían este mesmo 2023.
Pola súa banda, entre os argumentos esgrimidos pola Xunta e o propio presidente, Alfonso Rueda, para considerar o proxecto como de interese autonómico e facilitar a súa tramitación están non só o alcance territorial e económico do proxecto senón que “ademais permitirá impulsar a creación do equipo de fútbol feminino do Celta”. Segundo di o Goberno galego, iso será así xa que o club desprazará ás súas novas instalacións en Mos as seccións masculinas e “reservará para as mulleres as actuais instalacións da Madroa”, propiedade do Concello de Vigo e con peores características que as da nova cidade deportiva. Esa "promoción e desenvolvemento do fútbol feminino" é esgrimida tamén na documentación agora empregada para o inicio da tramitación ambiental.