O Tribunal Superior rexeita o derradeiro recurso presentado polo Concello de Mos, que xunto con Carlos Mouriño puxo en marcha un proceso de legalización e ampliación do xa construído
Sentenciouno a mediados de 2021 un xulgado de Pontevedra, ratificouno hai agora un ano o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Agora, o mesmo tribunal, tras un derradeiro recurso de casación autonómico, faino firme: o Celta comezou a construír a súa cidade deportiva en Mos ao amparo de licenzas municipais outorgadas polo goberno local do PP que foron ilegais.
Porén, o concello xa aprobou un plan urbanístico especial co que legalizar o xa construído. E a Xunta está a dar o seu apoio a unha futura ampliación impulsada pola sociedade anónima deportiva que controla o empresario Carlos Mouriño.
A cidade deportiva do Celta nun monte comunal de Mos, tras o enfrontamento de Mouriño co alcalde de Vigo polo uso do estadio municipal de Balaídos e dos campos de adestramentos da Madroa, tamén de titularidade municipal, comezou a levantarse nese concello limítrofe ao amparo de licenzas directas outorgadas polo goberno local do PP pola suposta pouca envergadura dos traballos a realizar. En terreos da comunidade de montes de Pereiras, favorable ao proxecto, fíxose un edificio e varios campos de adestramento destinados ao primeiro equipo que foron inaugurados polo daquela presidente Feijóo en novembro de 2020.
Pero outra comunidade de montes veciña, a de Tameiga, que rexeita un proxecto global que acabará expropiando tamén os seus terreos, recorreu, e a xustiza deulle a razón en que o construído excedía o que podía ser executado ao amparo de licenzas municipais. E agora o TSXG vén de rexeitar sequera a admisión a trámite do derradeiro recurso que podía presentar o Concello. Di que a xurisprudencia é clara e que non hai nada que matizar nas resolucións xudiciais previas.
Porén, neste tempo o Concello de Mos aprobou un plan urbanístico específico para amparar legalmente o xa construído e mesmo amplialo lixeiramente. E pola súa banda o Celta comezou a impulsar unha terceira fase de ampliación, a que acabará afectando a Tameiga, que conta co apoio expreso da Xunta. Un proxecto que a sociedade anónima deportiva prevé executar por fases ao longo de toda unha década pero para o que pide do Goberno galego unha avaliación de impacto ambiental acelerada.
A Comunidade de Montes de Tameiga, que rexeita o proxecto, ten tamén recorrido o plan urbanístico co que o Concello quixo legalizar o xa construído e espera que prospere unha denuncia por prevaricación contra a alcaldesa
Tras a sentenza agora ratificada a Comunidade de Montes de Tameiga declárase “satisfeita” e lembra que ten recorrido tamén ante a xustiza o plan especial aprobado polo Concello para legalizar o xa construído e espera que “unha vez clara a ilegalidade das licenzas concedidas, prospere a denuncia por prevaricación cursada contra Nidia Arévalo pola concesión destas licenzas”.
Pola súa banda, malia as sentenzas previas que anularan as licenzas do xa construído e a que a Xunta aínda non deu a autorización definitiva ao seu proxecto de ampliación, hai un ano Mouriño xa deu por feito que neste 2023 comezarán esas seguintes fases de crecemento da cidade deportiva para convertela en espazo comercial e de ocio.