O ente estatal emite un pronunciamento "desfavorable" ao plan co que a Xunta quere impulsar o proxecto urbanístico da familia Mouriño
A Confederación Hidrográfica Miño-Sil emitiu hai un mes un informe, desvelado este mércores por Ecoloxistas en Acción, "desfavorable" ao plan co que a Xunta quere impulsar o proxecto urbanístico do Real Club Celta de Vigo Sociedade Anónima Deportiva. O proxecto da empresa controlada pola familia Mouriño -Marián, filla de Carlos Mouriño, vén de sucedelo á fronte- non dispón, di o ente estatal, "dos recursos hídricos necesarios".
Tras iniciar a construción da cidade deportiva nun monte comunal de Mos de xeito ilegal, o Celta impulsou a súa legalización e ampliación a través dun plan urbanístico que conta co apoio da Xunta e que permitirá expropiar os terreos necesarios incluso coa oposición dunha das dúas comunidades de montes afectadas. Ese plan urbanístico foi sometido a consultas de diversas administracións implicadas e agora coñécese o pronunciamento negativo da Confederación Miño-Sil.
O documento valida o proxecto do Celta no que ten que ver coa súa non afección a cursos fluviais ou verteduras, establecendo que estas deberán ser tratadas na depuradora de Guillarei, en Tui. Pero amosa dúbidas co posible impacto da obra sobre os núcleos veciños e pide un estudo hidroxeolóxico e "extremar as medidas correctoras e preventivas a fin de que captacións de abastecemento de auga destinadas a consumo humano incluídas no rexistro de zonas protexidas non se vexan afectadas". E, fundamentalmente, considera que o proxecto presentado carece dunha concreción clara "dos recursos hídricos necesarios".
Ecoloxistas en Acción esixe á Xunta "que anule a declaración de proxecto de interese autonómico"
O documento sinala que "se pretende conectar o ámbito, polo menos canto a uso doméstico se refire, ao sistema xeral do Louro que se abastece dunha captación na presa de Eiras, na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa", dependente da Xunta. Así que sobre a dispoñibilidade desa auga o ente estatal remite ao que decida o departamento competente, Augas de Galicia. Pero o proxecto pretende usar outra concesión de augas situada xa na Demarcación Hidrográfica Miño-Sil, competencia desa confederación, "para outros usos". Ese caudal de auga "pasaría a destinarse na súa totalidade a rego e baldeo" e "sería insuficiente e en ningún caso podería destinarse a campos ou terreos situados fora da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil".
En xeral a Confederación Miño-Sil di que "non se definen claramente os caudais de auga que se tomarían" de cada demarcación hidrográfica e "tampouco os caudais consumidos en cada unha".
Por iso, o documento emite un "pronunciamento desfavorable canto á dispoñibilidade xurídica dos recursos hídricos necesarios" para o plan impulsado pola Xunta "ao non atoparse, na documentación achegada, claramente avaliados estes nin a súa procedencia, nin o futuro das concesións que se poden ver afectadas".
Ante este informe Ecoloxistas en Acción considera que "a insuficiencia hídrica sinalada non é subsanable" e esixe á Xunta "que anule a declaración de proxecto de interese autonómico" coa que está a impulsar a cidade deportiva.