“O Celta coñece de sobra a existencia dos mananciais e captacións de auga das traídas nesta zona e aínda así está facendo un vertido continuado con alta carga de fecais", alerta Elena Álvarez Antelo, enxeñeira forestal e voceira de Ecoloxistas en Acción
Ecoloxistas en Acción vén de denunciar ante a Confederación Hidrográfica Miño - Sil o que, segundo indican, semella un vertido de fecais ilegal procedente da cidade deportiva do Celta que “está poñendo en perigo á saude das familias que se abastecen de auga dos pozos que se atopan ladeira abaixo do vertido”, explican. Tamén puxeron en coñecemento da situación á plataforma A auga é vida que agrupa ás traídas afectadas e á propia Comunidade de Montes de Tameiga.
“O Celta coñece de sobra a existencia dos mananciais e captacións de auga das traídas nesta zona e aínda así está facendo un vertido continuado con alta carga de fecais que é unha ameaza para a saúde pública da veciñanza de varias parroquias de Mos. Isto é un delito ambiental, pero tamén un atentado contra a saúde pública que levaremos ante a xustiza”, declara Elena Álvarez Antelo, enxeñeira forestal e voceira de Ecoloxistas en Acción.
Consultados por Praza.gal desde o Celta aseguran que non teñen ningunha responsabilidade sobre esa vertedura, xa que non sae das súas instalacións. “Esa tubaxe non é nosa, pertence a unha propiedade privada allea ao Celta”, defenden. “A nosa rede de saneamento está conectada á rede xeral tal e como obriga o Consorcio do Louro, coas súas pertinentes inspeccións e aprobacións”, engaden desde o Club.
“Esa tubaxe non é nosa, pertence a unha propiedade privada allea ao Celta”, aseguran desde o Club
A asociación ecoloxista relata que tras o aviso dun veciño da zona, membros de Ecoloxistas en Acción inspeccionaron o perimetro nordeste que limita co monte de Tameiga, atopándose cunha tubería de gran diámetro que sae soterrada da cidade deportiva, a altura da cuba de refugallos, e verte a uns metros ladeira abaixo, coa boca da tubaxe ben agochada entre arbustos. A zona de vertido desta tubería é xusto na ladeira do monte de Tameiga onde a poucos metros se atopan varios pozos de extracción das traídas de auga veciñais de Mos, que abastecen a gran parte dos fogares das varias parroquias de Tameiga, Petelos e Sanguiñeda.
Ante a alarma xerada por esta vertedura, Ecoloxistas en Acción solicitou a un laboratorio autorizado polo Ministerio a recollida de mostras e posterior análise. Os resultados do laboratorio reflicten que o vertido da cidade deportiva do Celta contén unha concentración de 3600 ufc/100 ml de Coliformes totales cando o máximo permitido é 100, contén 1700 ufc/100 ml de Enterococos e tamén de Estreptococos cando o máximo permitido é 100, e tamén superan a concentración de coliformes fecais e Escherichia coli en varias magnitudes el máximo permitido.