O complexo apoiado polo PP foi iniciado de xeito ilegal e a sociedade anónima deportiva da familia Mouriño vén de recortar a ampliación prevista para evitar novos pronunciamentos xudiciais
O Consello da Xunta aprobou este luns de xeito definitivo a declaración como Proxecto de Interese Autonómico (PIA) da ampliación da cidade deportiva que o Celta comezou a construír de xeito ilegal nun monte comunal de Mos. Legalizada xa a primeira fase das actuacións, a decisión do Goberno galego permitirá acelerar os permisos necesarios para completar o complexo, que viu reducidas notablemente as súas dimensións a respecto das primeiras intencións da familia Mouriño, propietaria da sociedade anónima deportiva.

Segundo salientou este luns o presidente Rueda, a decisión do seu Goberno, que vén apoiando activamente o proxecto do empresario vigués, permitirá "axilizar os trámites e a execución das actuacións que sexan necesarias" para converter o complexo "nun referente internacional da formación, investigación e industria do deporte".
En xaneiro o Celta chegou a un acordo cos comuneiros contrarios ao proxecto para evitar novas denuncias a cambio de reducir as súas dimensións
O proxecto inicial de cidade deportiva lanzado hai sete anos polo Celta tras o enfrontamento do seu propietario, Carlos Mouriño, co alcalde de Vigo, Abel Caballero, pasaba por construír, co apoio do PP tanto na Xunta como no Concello de Mos, un complexo de ocio nun ámbito de 864.000 metros cadrados de montes comunais dese municipio lindeiros co concello de Vigo. Alí quería instalar un centro comercial, un estadio de entre 6.000 e 11.000 espectadores e un pavillón cuberto, ademais de varios campos de fútbol de adestramento. Pero os plans iniciais foron reducíndose e executándose de forma fragmentaria, o que ao tempo permitiu eludir unha avaliación ambiental completa do conxunto do complexo.

Ante o rexeitamento ao proxecto dunha das comunidades de montes afectadas, a de Tameiga, e a aceptación da comunidade veciña, a de Pereiras, foi nesta segunda zona onde en 2019 comezaron a construírse os primeiros campos de fútbol de adestramento con instalacións asociadas que se levantaron ao amparo dunha licenza municipal outorgada de xeito ilegal polo Concello de Mos. Cando a xustiza acabou confirmando en 2023 que a licenza fora ilegal, a obra estaba xa en servizo, inaugurada por Feijóo en 2020.
Mentres a xustiza resolvía sobre as primeiras construcións levantadas, o Concello de Mos impulsou un plan urbanístico máis amplo para legalizar o xa construído e mesmo amplialo. E ao tempo a Xunta facía seu un plan aínda máis ambicioso para completar o complexo de ocio coa súa declaración agora culminada como proxecto de interese autonómico.

Deste proxecto, cun desenvolvemento en varias fases ao longo dunha década, xa caera o centro comercial inicialmente previsto. Pero ata comezos deste ano seguía contemplando a expropiación de terreos da comunidade de montes de Tameiga, que se opuña ao proxecto cualificándoo de "pelotazo urbanístico" persoal da familia Mouriño baixo a marca do Real Club Celta de Vigo. Con esa comunidade de montes chegou o Celta a un acordo en xaneiro para non ocuparlle os terreos a cambio de que os comuneiros renuncien á vía xudicial contra o proxecto. Unha redución de espazo que implicou renunciar tamén ao pavillón deportivo e recolocar o resto de instalacións nos terreos dispoñibles en Pereiras.