Nin centro comercial nin pavillón: o Celta tenta esquivar a xustiza cun novo recorte da súa cidade deportiva

Recreación da cidade deportiva do Celta co pavillón que xa non se construirá e o estadio que será recolocado © Real Club Celta SAD

A sociedade anónima deportiva controlada pola familia Mouriño di que "a paz social acada a plenitude" tras un acordo cos comuneiros opostos a un proxecto que aínda ten frontes abertas no ecoloxismo e na xestión da auga 

Dúas décadas despois de facerse co control do Celta a familia Mouriño vén de ver como outra protesta cidadá entorpece os seus proxectos urbanísticos. Se en 2006 quedou paralizado o plan de urbanismo de Nigrán que ía recualificar terreos dese concello nos que Carlos Mouriño participaba xunto con outros directivos da sociedade anónima deportiva, agora é a súa filla e herdeira, Marián Mouriño, a que recorta as dimensións inicialmente previstas da cidade deportiva que está a levantar en terreos comunais de Mos ante o rexeitamento veciñal e a ameaza de xudicialización do proxecto. 

O complexo de ocio xa prescindira do centro comercial previsto inicialmente e agora, tras un acordo coa comunidade de montes de Tameiga, que se opuña á ocupación das súas terras, tamén renuncia ao pavillón deportivo, reorganizando o resto de instalacións previstas (hoteleiras, de restauración, deportivas, educativas ou sanitarias) nos terreos que si lle facilitou a comunidade de montes de Pereiras, favorable ao proxecto.

Reunión en 2022 de Carlos Mouriño e os comuneiros de Tameiga, que veñen de chegar a un acordo co Celta © Comunidade de Montes de Tameiga

O proxecto inicial do Celta tras o enfrontamento de Carlos Mouriño co alcalde de Vigo, Abel Caballero, pasaba por construír, co apoio do PP tanto na Xunta como no Concello de Mos, un complexo de ocio nun ámbito de 864.000 metros cadrados de montes comunais dese municipio lindeiros co concello de Vigo. Alí quería instalar un centro comercial, un estadio de entre 6.000 e 11.000 espectadores e un pavillón cuberto, ademais de varios campos de fútbol de adestramento. Pero os plans iniciais foron reducíndose e executándose de forma fragmentaria, o que ao tempo permitiu eludir unha avaliación ambiental completa do conxunto do complexo.

O complexo, iniciado en 2019 de xeito ilegal, está pendente do permiso da Xunta, que apoia aos Mouriño, para desenvolver as seguintes fases

Ante o rexeitamento da comunidade de montes de Tameiga ao proxecto e a aceptación da comunidade veciña, a de Pereiras, foi nesta segunda zona onde en 2019 comezaron a construírse os primeiros campos de fútbol de adestramento con instalacións asociadas que se levantaron ao amparo dunha licenza municipal outorgada polo Concello de Mos. Cando a xustiza acabou confirmando en 2023 que a licenza fora ilegal, a obra estaba xa en servizo, inaugurada por Feijóo en 2020.

Recreacións do proxecto do Celta en Mos © Real Club Celta SAD

Mentres a xustiza resolvía sobre as primeiras construcións levantadas, o Concello de Mos impulsou un plan urbanístico máis amplo para legalizar o xa construído e mesmo amplialo. E ao tempo a Xunta facía seu un plan aínda máis ambicioso para completar o complexo de ocio.

Dese plan apoiado pola Xunta pero aínda pendente de aprobación definitiva, cun desenvolvemento en varias fases ao longo dunha década, xa caera o centro comercial inicialmente previsto. Pero seguía contemplando a expropiación de terreos da comunidade de montes de Tameiga, que se opuña ao proxecto cualificándoo de "pelotazo urbanístico" persoal da familia Mouriño baixo a marca do Real Club Celta de Vigo.

Con esa comunidade de montes é coa que agora vén de chegar a un acordo a sociedade anónima deportiva para non ocuparlle os terreos a cambio de que os comuneiros renuncien á vía xudicial contra o proxecto. A redución de espazo implica renunciar ao pavillón deportivo e recolocar o resto de instalacións nos terreos dispoñibles en Pereiras. 

Feijóo e Carlos Mouriño na inauguración en 2020 da primeira fase da cidade deportiva, iniciada ilegalmente e despois legalizada CC-BY-SA Xunta

O Celta asegura que o acordo supón que "a paz social acada a plenitude". Pero desactivados os comuneiros o proxecto aínda segue tendo en contra o movemento ecoloxista, coa xestión da auga como principal eiva pendente sinalada tamén pola Confederación Hidrográfica do Miño Sil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.