Igual que Altri elixiu para abastecerse un río dependente da Xunta e non do Estado, tamén o proxecto urbanístico da familia Mouriño quere captar o groso da auga que precisa dun encoro de competencia autonómica
A comunidade de montes de Tameiga, oposta ao proxecto urbanístico que quere desenvolver sobre os seus terreos a familia Mouriño, propietaria do Real Club Celta de Vigo Sociedade Anónima Deportiva, fixo público este xoves un novo informe negativo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Estado. O documento non pode descartar efectos negativos do proxecto sobre as augas dos terreos nos que se asenta, pero ao tempo matiza que sobre o groso das augas que abastecerán ao proxecto non se pode pronunciar porque 527.000 litros ao día procederían dunha conca distinta, a de Galicia-Costa, dependente da Xunta.
O proxecto do Celta en Mos, segundo confirma o informe da estatal Confederación Miño-Sil, está en terreos desa conca, pero quere obter a auga que precisa do encoro de Eiras, o que abastece a Vigo, na conca Galicia-Costa, dependente da Xunta. Hai uns meses a documentación feita pública por Altri para o proxecto industrial que quere instalar en Palas de Rei evidenciou que un dos motivos para elixir o seu emprazamento a carón do río Ulla, dependente da Xunta, foi o convencemento da empresa de as "concesións de aproveitamento e vertido ían ser máis difíciles" se dependesen da Confederación Miño-Sil. Nos dous casos, o Goberno galego do PP apoia politicamente os dous proxectos empresariais.
Neste contexto, agora o informe da Confederación Miño-Sil é "desfavorable" no que ten que ver cos efectos do proxecto urbanístico sobre as captacións de auga xa existentes na zona na que se quere implantar "xa que non se presentou un estudo hidrolóxico coa amplitude suficiente". Pola contra, sobre o volume de auga que precisa o proxecto, a Confederación Miño-Sil salienta que non require do seu pronunciamento.
Segundo o informe agora feito público, o proxecto precisa uns 650 metros cúbicos de auga ao día, dos que a gran maioría, 527 (527.000 litros) tiraríanse do encoro de Eiras, situado na demarcación hidrográfica Galicia-Costa e polo tanto dependente de Augas de Galicia, da Xunta, "que é quen deberá pronunciarse ao respecto".
A Confederación Miño-Sil tampouco pode pronunciarse sobre "os novos caudais de augas residuais" que produza a cidade deportiva, "toda vez que estes irán á Estación Depuradora de Augas Residuais de Guillarei", en Tui, que non verte dentro do territorio da conca Miño-Sil senón xa en dominio público marítimo terrestre.
En todo caso, nese eido o informe da Confederación Miño-Sil tamén fai "fincapé na necesidade de control de verteduras como a que deu lugar á apertura" hai unhas semanas dun expediente sancionador contra o Celta por augas residuais que saían sen control das súas instalacións.
Ante este informe, a comunidade de montes de Tameiga "amosa unha vez máis a súa oposición a este proxecto, exclusivamente comercial e ideado para ampliar o negocio dunha entidade privada, que nada ten que ver co interese global dos galegos e galegas nin coa actividade futbolística do RC Celta".
A comunidade de montes de Tameiga amosa a súa oposición a un proxecto "exclusivamente comercial e ideado para ampliar o negocio dunha entidade privada"
Antes do novo informe e do recente expediente sancionador a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil xa emitira en varias ocasións ditames contrarios á cidade deportiva do Celta. Por unha banda, a primeira fase do complexo, iniciada cunha licenza municipal ilegal, foi inaugurada sen que o Concello de Mos garantise auga suficiente para o seu funcionamento. Despois, na tramitación da ampliación do complexo que impulsa a Xunta, a mesma confederación hidrográfica emitiu un informe "desfavorable" por carecer "dos recursos hídricos necesarios".