A empresa negara que a vertedura fora súa cando a denunciou en maio Ecoloxistas en Acción, pero agora a entidade hidrográfica atribúe a orixe ao recinto deportivo iniciado ilegalmente en Mos co apoio da Xunta
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil vén de abrir un expediente sancionador contra Real Club Celta de Vigo Sociedade Anónima Deportiva por vertedura de augas residuais procedentes da cidade deportiva que está a construír nun monte comunal de Mos. Un recinto que a empresa propiedade da familia Mouriño comezou a levantar ilegalmente, como confirmou en firme a xustiza, pero que tras ser legalizado na súa primeira fase agora quere ser ampliado a máis montes comunais para crear un complexo de ocio e turístico co apoio político expreso do Goberno galego.
Foi Ecoloxistas en Acción quen denunciou o pasado maio a existencia dunha vertedura de augas contaminadas procedentes da cidade deportiva do Celta. Daquela a sociedade deportiva negara que a tubaxe da que saía a vertedura fose súa, pero agora a resolución da confederación hidrográfica que dá conta da apertura do expediente sancionador confirma que este vai dirixido "contra Real Club Celta de Vigo SAD por vertido directo sen autorización administrativa previa" de "augas residuais procedentes das instalacións de depuración que recolle as augas pluviais e de escorrentía das instalacións de depuración do Real Club Celta de Vigo".
Unha análise encargada por Ecoloxistas en Acción detectou fecais e químicos asociados a pesticidas e fertilizantes empregados nos campos de fútbol
Ecoloxistas en Acción lembra que a súa denuncia "levaba aparellada, como proba da contaminación" os resultados dunha analítica da vertedura "que reflicten unha altísima concentración de fecais e tamén a presenza de varios compostos químicos asociados aos pesticidas e fertilizantes orgánicos habitualmente utilizados no coidado e mantemento dos campos de fútbol".
A organización ecoloxista salienta que tamén presentou denuncia ante a xustiza e que o xulgado de instrución número 2 de Vigo xa lle notificou a apertura de dilixencias previas por posible delito contra os recursos naturais e o medio ambiente.
Ecoloxistas en Acción advirte tamén de que "a poucos metros, ladeira abaixo, do vertido atópanse varios mananciais das traídas de auga que corren un grave risco de contaminarse" afectando ás familias usuarias.
A Confederación Miño-Sil xa emitira outros informes contrarios á cidade deportiva por carecer dos recursos hídricos necesarios para o seu funcionamento
Antes da apertura deste expediente a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil xa emitira en varias ocasións ditames contrarios á cidade deportiva do Celta. Por unha banda, a primeira fase do complexo, iniciada cunha licenza municipal ilegal, foi inaugurada sen que o Concello de Mos garantise auga suficiente para o seu funcionamento. Despois, na tramitación da ampliación do complexo que impulsa a Xunta, a mesma confederación hidrográfica emitiu un informe "desfavorable" por carecer "dos recursos hídricos necesarios".