A ex-alcaldesa, á que o presidente encargou hai un mes reconstruír o PP na cidade, farao desde ese cargo público no que substitúe a Ignacio López-Chaves, que agora vai a Competencia. O Consello tamén aproba cambios en Portos e Promoción Laboral.
Como vén sucedendo desde hai unha década despois de eleccións de todo tipo, o Goberno galego segue a servir para recolocar en postos públicos dependentes da Xunta a cargos do PP en función das necesidades do partido. Tras a derrota sufrida polos populares nas municipais en Vigo, o Consello da Xunta decidiu este xoves nomear a Corina Porro, ata agora presidenta do Consello Económico e Social, nova delegada do Goberno galego en Vigo, onde hai un mes foi posta por Feijóo á fronte do PP local para tentar reconstruílo. Na delegación substitúe a Ignacio López-Chaves, agora nomeado presidente da Comisión Galega da Competencia. O Consello tamén aprobou cambios en Portos de Galicia e na Dirección Xeral de Promoción Laboral.
Tras as municipais de 2015 Feijóo xa recolocara na Xunta a cargos do PP que perderan os seus postos públicos locais, como José Manuel Rey Varela ou Diego Calvo. O mesmo ocorreu o pasado ano con populares que perderon os seus postos tras a caída do Goberno central de Mariano Rajoy. E á inversa, o propio Feijóo recoñeceu que debilitou o Goberno galego co obxectivo de que o PP puidese recuperar cidades que controlaba a esquerda, algo que non conseguiu
Feijóo salientou este xoves a longa traxectoria de Porro e como polo feito de ser ex-alcaldesa da cidade é "coñecedora das súas necesidades"
Agora, tras o afundimento do PP en Vigo ante Abel Caballero e a dimisión da candidata e presidenta local da formación, Elena Muñoz, Feijóo dálle á ex-alcaldesa Corina Porro a delegación da Xunta na cidade para que a compaxine coa reconstrución do partido, tarefa que xa lle encomendara hai un mes e malia que Porro asegurou que non volvería á política local. Feijóo salientou este xoves a longa traxectoria de Porro e como polo feito de ser ex-alcaldesa da cidade é "coñecedora das súas necesidades".
O posto de Porro no CES queda de momento baleiro “o menor tempo posible”, segundo dixo Feijóo este xoves. Preguntado pola posibilidade de que a persoa elixida sexa a ex-presidenta do Parlamento de Galicia Pilar Rojo, Feijóo limitouse a dicir que ten “un currículo interesante” pero que “de momento non hai ningunha comunicación ou conversa con ningunha persoa”. “A partir do luns empezamos a falar diso”, dixo. Desde que deixara a Cámara galega, Rojo era deputada no Congreso pero nas últimas eleccións xerais foi recolocada nas listas do PP ao Senado, onde non logrou o escano ao que aspiraba pola provincia de Pontevedra. Tampouco foi Rojo a elección do PP galego para os dous escanos por designación autonómica aos que tiña dereito e que aproveitou para recolocar na Cámara alta aos seus fracasados candidatos en Ourense e Vigo, Jesús Vázquez e Elena Muñoz.
Porro será a cuarta delegada da Xunta en Vigo desde que Feijóo creou o posto en 2009 como contrapoder de Caballero
Pola súa banda, Porro substituirá na delegación de Vigo -será a cuarta delegada desde que Feijóo creou o posto en 2009 como contrapoder de Abel Caballero- a Ignacio López-Chaves, antigo compañeiro de goberno local que a reemplazou á súa vez cando ela deixara en 2011 a presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo. López-Chaves chegou á delegación da Xunta en 2015 e agora é á súa vez o elixido para cubrir o posto de presidente da Comisión Galega da Competencia, que ten carácter temporal e no que o seu antecesor, Francisco Hernández, levaba tempo co mandato caducado.
Pablo Casal será o novo director xeral de Orientación e Promoción Laboral, posto que deixou baleiro o agora portavoz do PP en Vigo, mentres que en Portos de Galicia Susana Lenguas substitúe a José Juan Durán
O Consello da Xunta tamén cubriu este xoves o posto de director xeral de Orientación e Promoción Laboral, que estaba baleiro desde que hai un mes o seu anterior titular, José Alfonso Marnotes, o deixara para facerse cargo da portavocía do PP no Concello de Vigo. A súa elección para ese posto malia ir no número 20 da lista do PP ás municipais obrigou a que 16 compañeiros que o precedían renunciasen a tomar posesión. O novo director xeral será Pablo Casal Espido, ata agora secretario xeral do Igape.
Os cambios este xoves chegaron tamén a Portos de Galicia, cuxo presidente desde 2011, José Juan Durán, é substituído por Susana Lenguas Gil, ata agora no sector privado.