O PP lanzou de vez a súa precampaña das eleccións galegas o pasado sábado cun mitin en Vigo a xeito de "proclamación" da candidatura de Alberto Núñez Feijóo. Alí, sen cargo ningún da dirección estatal da formación, o aspirante á reelección dixo ser "libre" con relación ao seu propio partido no medio dunha escenografía na que, como noutras ocasións, resultaba difícil achar un logotipo do PP. Vinte e catro horas despois, e mentres o partido lanzaba ás redes un vídeo volvendo identificar o seu candidato con Galicia, Feijóo teimou: el non é o candidato "dun partido". No entanto, referentes do PP de Madrid lanzaron advertencias que apuntan a todo o contrario.
Vinte e catro horas despois da súa proclamación como candidato, Feijóo acudiu en Lalín a un evento de reminiscencias fraguistas
Este domingo, o primeiro dende a convocatoria electoral, Feijóo acudiu a unha das vilas que na noite electoral das eleccións de maio aliviou a agre sensación que os resultados deixaron na sede do PP. Recuperar Lalín amorteceu, en certo xeito, simbólicas derrotas como a de Vilalba e a imposibilidade de alcanzaren a alcaldía nalgunha das sete cidades.

Alí, en Lalín, o actual presidente participou nun acto de arrecendo fraguista, a entrega de distincións da 'Encomenda do Cocido' que o anterior goberno, encabezado por Rafael Cuíña (Compromiso) xunto a PSdeG e BNG, suprimira por consideralo un evento "propagandístico". Entre as persoas galardoadas polo goberno de José Crespo, que fora director de campaña do PP nas derradeiras eleccións de Fraga, figuraba a actriz Benedicta Sánchez, o músico Yosi, de Los Suaves, e tamén o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida.
Cuestionado pola posibilidade da confluencia do PP con Ciudadanos, Feijóo volveu proclamar que non é "candidato dun partido" nin "dun conxunto de partidos", senón o que define como "candidato de goberno"
Nos prolegómenos do acto, Feijóo foi cuestionado pola posibilidade da confluencia con Ciudadanos que o partido agora liderado -en funcións- por Inés Arrimadas reclama dende hai semanas. E o líder do PPdeG reiterou que el aspira a continuar sendo "presidente de Galicia", cargo para o que hai que "deberse aos galegos", "non ser un candidato dun partido, nin sequera dun conxunto de partidos", senón ser o que define como "candidato de goberno". Isto, sinalou en declaracións que recolle a TVG, "en Galicia todo o mundo o entendeu".
No entanto, o galardoado Martínez-Almeida si identifica a Feijóo como candidato do PP. Máis aínda: como "referente das mellores políticas do Partido Popular" e por iso "referendará a vitoria" o 5A, dixo.
Díaz Ayuso insta a "aglutinar o voto" da dereita "en torno a Núñez Feijóo porque, "por un escano, pódese perder Galicia" e que sexa "presa do nacionalismo"
Con maior vehemencia a prol da candidatura de Feijóo se expresaba este mesmo domingo outra alto cargo do PP madrileño, a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Preguntada polo panorama electoral galego, Ayuso instou a "aglutinar o voto" da dereita "en torno a Núñez Feijóo". "Por un escano, pódese perder Galicia", alertou a dirixente popular, que considera tal circunstancia sinónimo de que Galicia "caia nas zarpas do nacionalismo".
En declaracións que recolle eldiario.es, Ayuso considerou que o "importante" é que Feijóo reteña a absoluta. Se isto non sucede, resaltou, "por un escano pódese perder Galicia e meter España nun sarillo de proporcións inesperadas" por mor "doutra comunidade presa do nacionalismo", o cal xa non "sostería" a "unidade do país", proclamou.