"Ou nós ou o caos", advertía aquel cadriño do semanario Hermano Lobo nos anos 70. Alberto Núñez Feijóo volverá tirar dese argumento para as eleccións galegas do próximo 5 de abril. O actual presidente da Xunta adoita advertir que a única alternativa ao poder do PPdeG é un "tripartito ou cuadripartito" do PSdeG co BNG e o espazo de Podemos e as mareas. Fronte a todo iso, a súa "estabilidade".
Agás sorpresa maiúscula, este martes Feijóo ratificará que opta a un cuarto mandato como presidente da Xunta. Farao nunha xunta directiva do PP galego convocada de forma extraordinaria no mesmo hotel compostelán onde, en xullo de 2018, anunciou que renunciaba a dar a batalla para suceder a Mariano Rajoy.
Feijóo volverá tirar da "estabilidade" como 'leit motiv' da súa campaña, chamando a unir todo o voto do centrodereita na súa figura
Feijóo chega á nova contenda electoral en Galicia poucos días despois de que os catro presidentes provinciais do partido volvesen erixilo en figura única e indiscutible. O único que pode aspirar a repetir o catro maiorías absolutas consecutivas de Manuel Fraga. E tamén o único que podería frear ás forzas progresistas e ao mesmo tempo, pararlle os pés a Vox. A entrada no Parlamento da extrema dereita é considerada como improbable. Pero precisamente tamén por iso é un risco para os populares: o límite do 5% imposto por Fraga nos anos 90 podería deixar a Vox fóra da Cámara, pero restar deputados chave aos de Feijóo.
Para xustificar o adianto electoral escasas semanas despois de que o propio PP galego afirmase a súa intención de esgotar a lexislatura, Feijóo tamén bota man da dogma da estabilidade. "Nin os galegos nin a Xunta somos responsables desta situación de inestabilidade", proclamou. Aí xogará as súas cartas, chamando ao voto útil, á concentración de apoios de todo o centrodereita. E tamén xogando á confrontación co Goberno central do PSOE e Unidas Podemos. A estratexia que tan bos resultados lle dera en tempos de Zapatero. Todo, marcando perfil propio e sen excesiva presenza dos referentes estatais do partido que, paradoxalmente, xogarán gran parte da súa supervivencia política en Galicia.
O PSdeG confía en ampliar o 'efecto Sánchez'
Para o PSdeG, a presenza de Pedro Sánchez na Moncloa é un impulso. Na dirección que encabeza Gonzalo Caballero, apoio en Galicia do actual presidente do Goberno de España nos seus momentos máis duros dentro do partido, ven claro que desde a madrileña rúa de Ferraz hai un aparello á disposición do seu candidato. Como aquela vez, hai década e media, en que Zapatero dixo a Emilio Pérez Touriño aquilo de "esta vez vai en serio".
Caballero apela aos resultados dos sucesivos comicios celebrados en 2019, cando o PSdeG logrou por primeira vez adiantar ao PP nas urnas, para afirmar que os socialistas están "preparados para darlle a Galicia o cambio de goberno que necesita". Tras coñecer o adianto, o aspirante socialista á Presidencia da Xunta asegurou que a decisión de Feijóo non é máis que outra evidencia de "que a súa palabra non vale nada".
"Estamos preparados para darlle a Galicia o cambio de goberno que necesita", di Gonzalo Caballero (PSdeG)
Liberado da habitual conflitividade interna -agás nalgúns puntos a nivel local- e asentado como líder do PSdeG, o secretario xeral dos socialistas non dubida en tirar de Pedro Sánchez. Tampouco en fiar un discurso homoxéneo coas forzas que terían que ser as súas socias nun eventual Goberno progresista en temas clave como a sanidade ou a educación. Saben, todos, que non hai alternativa. E aprenderon dunha dura negociación para o Goberno do Estado que rematou cun Executivo de coalición e, polo momento, cunha voz única.
Ten a experiencia o PSOE do acontecido no Estado e do ocorrido tamén co goberno bipartito de hai máis dunha década. Dentro e fóra. Cunha diferenza en ambos casos: agora son tres patas. Como mínimo.
Un BNG "á alza" e en paz interna
O BNG sería, a priori, socio imprescindible dese eventual Goberno alternativo. A formación que encabeza Ana Pontón chegará ao 5A en o que, posiblemente, é o seu mellor momento na última década. Reforzado polo acordo da investidura co PSOE a pesar de contar cun único deputado no Congreso, no Bloque vense "á alza" despois de anos de división e escisións dan por definitivamente afastados.
"Traballarei, con máis ilusión se cabe, para que a miña filla, e os nenos e nenas deste país vivan nunha Galiza mellor", di Ana Pontón (BNG)
A Pontón, líder e candidata indiscutible, o adianto electoral obrigaraa a reducir a súa baixa maternal, admitiu."Parece que non poderei estar tanto tempo de permiso por maternidade como prevera. Pero traballarei, con máis ilusión se cabe, para que a miña filla, e os nenos e nenas deste país vivan nunha Galiza mellor", dixo a líder do Bloque nas súas redes sociais tras coñecer o adianto electoral.
Nelas, criticou que sexa o lehendakari Urkullu quen "marque a axenda de Galicia", o que amosaría a "irrelevancia de Feijóo". Nos mesmos termos se expresou a vicevoceira nacionalista no Parlamento, Olalla Rodil, que asegura que o 5 de abril "os galegos e galegas poñerán fin á década de desfeita dun Feijóo que deixa unha Galicia peor que a que atopou hai dez anos".
As escasas enquisas dispoñibles aseguran que o Bloque seguirá na súa remontada e que podería recuperar a terceira posición, superando ao espazo de Podemos, EU e as mareas. Ese espazo, que foi segunda forza nas últimas eleccións autonómicas baixo as siglas de En Marea, sufriu todo tipo de avatares durante a lexislatura e chega ás eleccións aínda esfarelado e rodeado de incógnitas.
Un rupturismo sen candidatura e pendente de confluír
Co adianto electoral, Feijóo colle ao espazo rupturista dividido e sen liderado claro para as eleccións de dentro de apenas cincuenta días. Os socios de Unidas Podemos, unidos baixo a marca de Galicia en Común, manteñen nas últimas semanas contactos con Anova, a formación liderada por Xosé Manuel Beiras, e tamén con referentes das mareas municipais como a coruñesa Marea Atlántica ou a santiaguesa Compostela Aberta.
Os socios de Galicia en Común, Anova ou as mareas manteñen contactos a múltiplas bandas; fontes de todas as partes admiten polo momento a dificultade dun acordo
As chamadas á confluencia sucédense, pero fontes de todas as partes admiten polo momento a dificultade dun acordo. Nomes como os dos ex-alcaldes Martiño Noriega e Xulio Ferreiro ou o do secretario xeral de Podemos Galicia e deputado no Congreso, Antón Gómez-Reino, están sobre a mesa dunhas conversas na que tamén soan persoas independentes, alleas ata agora á polític activa. Neses contacto non faltan os receos desde organizativos ata ideolóxicos e onde ninguén, polo menos de momento, se atreve a afirmar que non vaia a haber dúas candidaturas diferentes do que, a priori, é un mesmo espazo político.
No taboleiro hai aínda unha peza máis, a En Marea de Luís Villares, antigo candidato de consenso que terminou con cinco escanos no grupo mixto do Parlamento. Villares amosa disposición a presentarse na que sería unha cuarta opción pola esquerda. Polo momento, celebra que a cidadanía "teña a palabra" e, entre apelacións a chegar a acordos, asegura que a súa decisión chegará "en breve". De como se reorganice o espazo, e da rapidez que teña para facelo e erguer un líder, dependerá moito un eventual cambio n aXunta
Ante unha expectativa apertada, a maioría e o Goberno poden xogarse nun puñado de votos. No PP saben que a irrupción de Vox podería en grave perigo o seu obxectivo. Na esquerda coñecen ben as consecuencias da fragmentación cun sistema electoral, o galego, no que o limiar para conseguir representación sobe ao 5% por unha decisión de Fraga que nunca foi derrogada. "É igual, o caos tamén somos nós", dicía a viñeta de Hermano Lobo.