A partir do martes estarán prohibidas as inauguracións e actos propagandísticos, pero antes este venres o Goberno galego desenvolveu unha ampla axenda de divulgación das súas políticas
A partir da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) o próximo martes do decreto de convocatoria de eleccións para o 18 de febreiro quedarán de xeito automático prohibidas as inauguracións e actos propagandísticos por parte das admnistracións e os seus cargos públicos. Pero ata ese momento non e, como xa viña facendo nas últimas semanas, o Goberno galego seguiu despregando este venres unha ampla axenda pública para divulgar as súas políticas. Comezando polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Rueda elixiu como medida a publicitar na primeira xornada tras o seu anuncio de eleccións a gratuidade a partir do 1 de xaneiro no transporte público dependente da Xunta para as persoas maiores de 65 anos. A medida foi un dos seus principais anuncios de bonos e axudas directas que vén lanzando nas últimas semanas. Porén, xa estaba contemplada no plan de transporte aprobado pola Xunta en 2018, que a condicionaba a un estudo sobre o seu custe. Finalmente será de só 5 millóns ao ano, unha pequena parte dos 77 millóns que xa paga ás concesionarias, pero a súa implantación non se producirá ata mes e medio antes das eleccións.
Rueda elixiu Vigo, a cidade que máis se vén resistindo electoralmente ao PPdeG, e outros conselleiros e altos cargos despregáronse polo resto do territorio
Para publicitar esta medida Rueda elixiu facelo en Vigo, a cidade que máis se lle vén resistindo electoralmente ao PPdeG. E fíxoo cun recorrido en autobús entre o barrio de Navia, onde o Goberno galego vai ampliar o polígono de vivendas, e a nova estación de autobuses construída a carón da do tren, exemplo dos últimos investimentos da Xunta na cidade.
Ademais de Rueda diversos conselleiros e altos cargos da Xunta dedicaron tamén a xornada posterior á convocatoria electoral a publicitar medidas dos seus departamentos antes de que ese tipo de actos estean prohibidos a partir do martes. Así, o conselleiro de Educación e varios delegados territoriais, como nos días previos, visitaron e anunciaron diversas obras de reforma en centros educativos con ata sete actos distintos, outros delegados presentaron investimentos e traídas de auga e mesmo houbo visitas a residencias de persoas con discapacidade.