Rueda anuncia buses gratis para maiores de 65 anos e tira de Catalunya cando BNG e PSdeG afean a súa xestión na Xunta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control ao seu goberno no Parlamento este mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Ana Pontón e Luis Álvarez critican os Orzamentos para 2024 e a falta de novas competencias para Galicia e presentan a un Rueda nos seus últimos días como presidente

Lanzado xa tras o verán á precampaña das próximas elección galegas, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, vén anunciando nas súas intervencións públicas sucesivas axudas directas a diversos colectivos, especialmente para as persoas de máis idade, como fixo hai dúas semanas no debate de política xeral. Daquela, ademais de bonos para dependentes coidados na casa e para residencias de maiores, avanzou que a Xunta creará un Carné +65 con descontos similares aos do Carné Xove. E este xoves foi un paso máis alá e concretou que permitirá viaxar gratis en todos os autobuses interurbanos competencia da Xunta a partir do 1 de xaneiro.

O anuncio lanzouno Rueda na súa última intervención na sesión de control á Xunta deste mércores no Parlamento de Galicia. Un pleno no que BNG e PSdeG lle pedían explicacións pola súa xestión á fronte do Goberno galego e no que o presidente respondeu criticando supostos privilexios do Goberno de España a Catalunya, ao xeito en que o seu antecesor, Alberto Núñez Feijóo, recorría a Venezuela ou ETA como resposta ás críticas da oposición.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, durante unha sesión de control no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, centrou a súa pregunta na ausencia de novas transferencias a Galicia durante os 14 anos de goberno do PP. Pola súa banda, o socialista Luis Álvarez lamentou que os Orzamentos para 2024 que a Xunta vén de remitir ao Parlamento contemplen "medidas puramente electoralistas" pero non unha mellora dos servizos públicos como máis prazas de residencias ou un maior compromiso coas políticas de emprego.

A resposta de Rueda nos dous casos consistiu en referirse ás negociacións de Pedro Sánchez para ser investido presidente do Goberno de España a cambio de supostas concesións a Catalunya aínda non concretadas que ao seu ver prexudicarían a Galicia. Cuestión da que non só fixo responsable ao PSOE senón tamén ao BNG, malia que asegurou que "Sánchez non lles fai caso".

Luis Álvarez, portavoz parlamentario do PSdeG, durante unha sesión de control CC-BY-SA PSdeG

Pontón e Álvarez, pola contra, aseguraron que Rueda está nos seus últimos días como presidente da Xunta. "Boicotean o futuro de Galicia", dixo Pontón ao PP, mentres que o socialista asegurou que o seu partido vai "devolverlle a Galicia a ilusión que vostede lle ten quitado no seu ano e medio de presidencia". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.