Rueda inicia a precampaña electoral: o PPdeG anuncia que o presidente da Xunta percorrerá o país "para atender as preocupacións reais" da poboación

Paula Prado na presentación da campaña 'Galicia non para!' CC-BY-SA PPdeG

O presidente da Xunta comeza un percorrido polo país "co obxectivo de manter un contacto máis directo cos galegos e as galegas e, dese xeito, atender as súas preocupacións reais". Así o vén de anunciar a secretaria xeral do PPdeG Paula Prado.

Alfonso Rueda inicia a precampaña das eleccións galegas este domingo e pasará "varias semanas" visitando as catro provincias co obxectivo de "intensificar a interlocución directa cos galegos a pé de rúa". Galicia non para! é o lema da campaña dos populares, na que prometen "encontros directos e espontáneos cos cidadáns, sen intermediarios".

Alfonso Rueda co rei Felipe VI no Foro A Toxa CC-BY-SA @AlfonsoRuedaGal

O PPdeG presenta a iniciativa 'Galicia non para!', que levará a Rueda a manter "encontros directos e espontáneos cos cidadáns" polas catro provincias desde este domingo

Paula Prado asegura que esta iniciativa, que comeza sen data anunciada para un adianto electoral en Galicia e tras o fracaso da investidura de Feijóo como presidente do Goberno do Estado, contrasta "coa situación de bloqueo que vive España", "coa parálise e o retroceso que provoca o nacionalismo e o independentismo" e "co socialismo só obsesionado en lograr os seus obxectivos partidistas". 

O propio Feijóo aproveitou unha das súas intervencións esta semana no Congreso durante a sesión de investidura para meterse na precampaña galega ao cargar contra o "nacionalismo irrelevante" do BNG e contra un PSdeG "testemuñal na Cámara galega". 

O pasado luns 18 o presidente da Xunta escenificou nun acto cos membros do seu Goberno a "normalidade extraordinaria" de Galicia que agora o PPdeG emprega para lanzar o seu candidato á precampaña electoral a menos dun ano dos comicios galegos que só pode convocar o propio Rueda. 

"O noso presidente ten un estilo propio de facer política", destacou Prado na presentación de Galicia non para!, para afirmar que "seguirá facendo esa política que pon de bo humor aos cidadáns, en contraposición coa que crispa". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.