Se no seu discurso de investidura Feijóo só citou nunha ocasión a palabra Galicia e se nas réplicas ao resto de grupos apenas se referiu ao país para criticar o uso do galego no Congreso, o líder do PP decidiu virar a ollada cara a comunidade que gobernou durante trece anos na segunda das sesións do debate da súa investidura.
Feijóo cargou contra o "nacionalismo irrelevante" do BNG e contra un PSdeG "testemuñal na Cámara galega"
Fíxoo na réplica á intervención do deputado do BNG, Néstor Rego, que aproveitou para atacar con dureza a formación nacionalista, pero tamén o PSdeG e, máis concretamente, o deputado lucense e ex-delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, a quen todas as quinielas apuntan como aspirante a presidir a Xunta nunhas vindeiras eleccións autonómicas que el di estar "plenamente convencido" de que se adiantarán.
O líder do PP puxo o traxe da precampaña galega para sinalar o BNG por ser "o único nacionalismo irrelevante para o PSOE", ridiculizar o acordo de investidura da pasada lexislatura "que ía cambiar Galicia" e advertir ao Bloque de que "Sánchez non lles fai caso".
O líder do PP advertiu ao PSdeG sobre a posibilidade de que Rueda adiante eleccións: "Vaia enredo tería, con 'overbooking' de candidatos en Madrid e ninguén en Galicia"
A continuación, virou o discurso para lanzar os seus dardos ao PSdeG e recoñecerlle un mérito ao BNG: "Ter conseguido que o PSOE sexa un partido testemuñal na Cámara galega". "Espero que ao presidente da Xunta non se lle ocorra convocar eleccións porque vaia enredo van ter vostedes; mandan os candidatos aquí a Madrid, onde teñen overbooking, e ninguén en Galicia", dixo para logo advertir dos sorrisos do "señor Besteiro" no seu escano.
"Hai máis, non está vostede só", díxolle en referencia á posible candidatura de Besteiro á Xunta, a quen acusou de ter "un récord": "O de ser delegado do Goberno durante semanas". "Ese é o que vostedes respectan Galicia", insistiu, para logo criticar tamén que fose Besteiro, precisamente, quen defendese a reforma do regulamento do Congreso que permite o uso do galego, o catalán e o éuscaro na Cámara.
"Se o señor Besteiro chegase catro meses antes, defendería coa mesma contundencia que non se puidese falar galego no Congreso; sen despeitearse", dixo Feijóo, que dixo que lle era "difícil discernir" entre PSdeG e BNG en Galicia porque "gobernan todos xuntos" e que acusou o Bloque de "ser duros" cos populares e "mansos" cos socialistas.
Feijóo chegou a acusar a PSOE e BNG de "pechar" Alcoa e ENCE (sic) e de "intentar pechar os estaleiros galegos". Foi na resposta que deu á intervención de Néstor Rego, que fixo un repaso polos trece anos que o líder do PP botou na presidencia da Xunta para, dixo, "deixar en 2022 un país pero que o que atopou". "Máis empobrecido, máis envellecido e con menos emprego", exemplificou.
Así, lembroulle o "pelotazo fiscal aos máis ricos", o "aparello de propaganda" no que converteu a CRTVG, os "recortes" en sanidade ou ensino ou que non citase nin se comprometese cunha soa reivindicación de Galicia no seu discurso de investidura. "Foi unha intervención para sobrevivir no PP e para que non sexa o seu funeral político", advertiulle.
Feijóo negoulle calquera crítica, culpou da maioría dos problemas aos gobernos socialistas e detívose, de novo, no uso das linguas oficiais no Congreso para dicir que en Galicia non hai "problema ningún" cos idiomas e mesmo presumir da "conexión coa lusofonía e con 250 millóns de persoas" que permite o galego. No entanto, teimou en amosar o seu desacordo con que se poida falar no Congreso.
"Ata que Junts e ERC o decidiron, non se utilizaban máis linguas porque aquí utilizamos unha para entendernos", dixo, tras cualificar de "razoable" que tan só se empregue o castelán na Cámara Baixa.

Besteiro prevé un adianto electoral en Galicia
Logo da votación da investidura de Feijóo, o socialista Gómez Besteiro dixo estar "plenamente convencido" de que o "pánico se vai apodear do Partido Popular en Galicia" o que, insistiu, "lévanos previsiblemente a un adianto electoral, o cal será etnendido pola cidadanía galega como unha mostra de debilidade".
"As figuras de Feijóo e Rueda están indisolublemente unidas e polo tanto, nese sentido, o fracaso de Feijóo é tamén o fracaso dun proxecto político que en Galicia dura máis de catorce anos”, dixo Besteiro, que di que estamos “ante un fin de ciclo" e que cre que o país "merece moito máis”.