Durante a intervención inicial deste martes na sesión de investidura, para a que carece de apoios, Alberto Núñez Feijóo apenas se referiu a Galicia. No espazo que dedicou a enumerar e verbalizar as principais reclamacións de cada comunidade autónoma, que dixo coñecer e comprometerse a atender, obviou detallar as do país. Dixo que polo seu pasado xa se daría por feito que coñecía as súas reclamacións e compromisos —"dounos por reiterados", advertiu—, logo de referirse ás políticas da auga en Andalucía, ao envellecemento de Asturias ou ás comunicacións en Cantabria.
Pouco máis apuntou o que fora presidente da Xunta durante trece anos sobre Galicia, máis aló de tirar do seu pasado no Goberno galego para presumir do seu autonomismo e do do seu partido. "Non será sinxelo atopar outro presidente tan sensible coa España autonómica", asegurou Feijóo, o primeiro presidente da historia da autonomía galega en deixar o cargo sen sumar competencia ningunha.
Feijóo dixo ser "sensible coa importancia das linguas cooficiais" e presumiu do galego para logo criticar as "imposicións lingüísticas" e criticar o uso de todos os idiomas no Congreso
Sensible, dixo tamén, "coa importancia das linguas cooficiais e coas particularidades territoriais". Só uns días despois de que o seu partido votase en contra do uso do galego —e mais do catalán e do vasco— no Congreso, tanto no Congreso como no Parlamento autonómico. O propio Feijóo advertiu que xa estudaba se recorrer ante o Tribunal Constitucional unha medida que permite a utilización da lingua galega na Cámara Baixa por primeira vez.
Núñez Feijóo, sinalado pola súa política lingüística na Xunta, pola diminución do galego no ensino e polo desprestixio á lingua que entidades como a RAG lle atribúen ás súas decisións como presidente autonómico, non dubidou na sesión de investidura en declararse "farto de imposicións de todo tipo", incluídas as "lingüísticas".
"Non estou de acordo con utilizar as linguas cooficiais para a incomunicación entre os españois. Non son máis galego por poñer un 'pinganillo' ou ver as cámaras do karaoke"
"A igualdade lingüística é unha etiqueta se se discriminan uns idiomas sobre outros ou se proscribe unha lingua común ante calquera outra; iso si que son inxustizas", dixo Feijóo, que presumiu de ter sido "presidente autonómico durante moitos anos falando un dos idiomas de Galicia, o galego". "Defendo que os matices de cada autonomía son unha riqueza, non un problema", engadiu, para logo insistir en que non lle parece lóxico que o galego se poida empregar na Cámara Baixa.
"Non estou de acordo con utilizar as linguas cooficiais para a incomunicación entre os españois. Non creo que sexa máis galego, máis vasco ou máis catalán por poñer un pinganillo ou ver as cámaras do karaoke", dixo Feijóo, cargando de novo contra a reforma do regulamento que abre ao plurilingüismo o Congreso. Días despois de que o seu sucesor á fronte da Xunta, Alfonso Rueda, abrise a porta a que os deputados do PPdeG empregasen a lingua galega na Cámara Baixa. Despois, tamén, de votar en contra desa posibilidade.
Máis tarde, na réplica ao portavoz de Vox, Santiago Abascal, Feijóo ergueuse en "defensor das linguas cooficiais" e gabou a "cordialidade e liberdade lingüística" de Galicia. "Non estamos de acordo na política lingüística, pero si en que podemos falar aquí o mesmo idioma que empregamos no corredor. No Congreso un vén entenderse, non traducirse", dixo, para a continuación defender que si se falen todas as linguas oficiais no Senado.
Precisamente, Feijóo comprometeuse a abordar xa unha reforma do Senado para convertelo de vez nunha "cámara de representación territorial". O líder do PP pechou hai pouco o seu ano na Cámara Alta, tras ser elixido senador en representación do Parlamento de Galicia, con cinco iniciativas: ningunha delas sobre Galicia.
Ademais, Feijóo tamén pediu aos partidos nacionalistas "que non se arroguen en exclusiva a representación dos territorios que representan". "Eu tampouco o fago", asegurou, tras máis dun ano de mudanza no seu argumentario: do "Galicia, Galicia, Galicia" na Xunta a outro ben distinto en Madrid.
Tras o discurso do líder do PP, a portavoz de Sumar, Marta Lois, advertiu de que "non é crible". "Os galegos, que o coñecemos moi ben, sabemos moi ben que alí onde goberna fai xusto o contrario do que aquí pronunciou" dixo. Logo, na súa réplica, cualificou de "vergonza" que "quen foi presidente da Xunta" durante anos "votase en contra de que poidamos aquí falar galego". "Asistimos aquí á súa viaxe a ningunha parte", espetoulle, en galego, ao final, ao que Feijóo respondeu con duros ataques a Sumar e á desaparecida En Marea. "Compadrean con Chávez e Putin", dixo.
Foi das poucas veces que o ex-presidente da Xunta fixo referencia a Galicia e á súa traxectoria política no país, censurando a oposición que daquela tiña no Parlamento, cualificando de "testemuñal" o PSdeG ou cargando contra "o nacionalismo".
Marta Lois (Sumar) cualificou de "vergonza" que Feijóo votase contra o uso do galego; Rego (BNG) cre "indigno" que se referise á utilización do idioma como "karaoke"
Pola súa banda, o deputado do BNG, Néstor Rego, alertou dunha intervención “cargada de mentiras e falsidades” e, sobre todo, con moi pouca credibilidade. Así, criticou a Feijóo por non asumir ningún compromiso con Galicia como si fixo co resto de comunidades, e denunciou por “indigna” a "infame declaración" que fixo a respecto do uso do galego no Congreso, "referíndose a iso como karaoke".
"O resultado dos trece anos na Xunta demostraron que non é nin é un bo xestor nin fai políticas para as maiorías sociais”, dixo Rego, que asegurou que o discurso de Feijóo é "o dunha investidura abocada o fracaso e, por tanto, que sabe que non vai ter que cumprir aquilo o que se comprometeu”, sinalou o deputado do BNG. Neste sentido, exemplificou no feito durante a presidencia da Xunta coa Atención Primaria: “Non é críbel que fale agora de reforzala cando o que fixo foi deteriorar e precarizar a sanidade pública galega con vistas á súa privatización”.
Ademais, Néstor Rego, ao igual que Marta Lois, lembrou tamén as mobilizacións do persoal da CRTVG a través dos "venres negros", "contra a manipulación" e contra o uso dos medios públicos "como propaganda do PP".
Formoso ve "o comezo do ocaso" de Feijóo
Pola súa banda, secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou que o discurso de investidura enunciado por Núñez Feijóo marca “o comezo do seu ocaso” na política e “de todo o que el significa”, incluíndo a Alfonso Rueda.
Formoso, que acudiu á tribuna de invitados da Cámara Baixa para seguir a sesión de investidura de Feijóo, remarcou que se puxo en evidencia que o líder popular “segue co shock das eleccións e o seu resultado o 23 de xullo onde cría que as enquisas o ían facer presidente do Goberno”.
O líder do PSdeG —partido ao que Feijóo cualificou de "testemuñal" en Galicia— considera que “esta semana vai quedar reflectido que Feijóo vive na ignominia”, xa que “os números non lle dan e segue pensando que pode ser presidente”, como así expuxo no seu discurso, no que asegurou que non é presidente porque non quere, a pesar de poder dispoñer dos votos suficientes.