O PP continuou coa súa protesta contra a aprobación do uso de galego, éuscaro e catalán no Congreso, subindo o ton e acusando o PSOE de "pór España en venda" por impulsar a reforma do regulamento, aprobada definitivamente este xoves tras rexeitaren os deputados as emendas á totalidade Vox e de populares, que xa anunciaron que non descartan recorrer a mudanza lexislativa ao Tribunal Constitucional.
Foron desbotadas as emendas destes dous grupos, que pretendían manter o emprego exclusivo do español, pero aprobouse a do PNV, que supón que todas as leis adoptadas aparezan nas publicacións oficiais con versións en todos os idiomas e coa mesma validez xurídica que as redactadas en castelán.
O Congreso rexeitou as emendas de PP e Vox e aprobou o uso de todas as linguas oficiais no Congreso, cos votos a favor de PSOE, Sumar, ERC, BNG, Junts, PNV, Bildu e CC
A proposta do PNV contou co apoio de PSOE, Sumar e todos os grupos nacionalistas. Tamén co de Coalición Canaria, ao igual que a aprobación definitiva do uso de todas as linguas oficiais na Cámara Baixa. Apañaron así finalmente os socialistas 180 escanos (PSOE, Sumar, ERC, BNG, Junts, PNV, Bildu e CC) fronte aos 170 de PP e Vox, ao desmarcarse os canarios do PP malia o seu pacto de investidura con Feijóo e acudir o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, ao Congreso para votar o visto e prace final á modificación do regulamento.
Foron 180 sies ao votar unha representante do PP a favor por erro, a ex-conselleira do Mar, Rosa Quintana, segundo se pode comprobar na web do Congreso. "O PP só acerta cando se equivoca", reaccionou o PSdeG nas redes sociais.
Sexa como for, o Congreso aprobou de vez a reforma para dar plena legalidade ao emprego de todos os idiomas oficiais do Estado entre os reproches do PP, que continuou coa súa "folga de pinganillos", e as protestas de Vox, cuxos deputados volveron abandonar o pleno durante a intervención en éuscaro de Joseba Agirretxea (PNV).
Sémper (PP) di que "ninguén" lle vai dicir en que lingua falar e acusa o PSOE de "vender España"
Escoitouse o vasco de novo, pero non desta vez por parte de Borja Sémper, portavoz do PP, que prescindiu —ao contrario que o pasado martes— do éuscaro logo das críticas xurdidas no seu propio partido. Acusou o PSOE de "poñer en venda España" e denunciou que "os que negan o dereito a falar en español ou a que os pais escolaricen os seus fillos en lingua materna" veñan ao Congreso "a dar leccións de plurilingüismo". Ademais, advertiu que "ninguén" lle vai dicir "en que lingua" ten que falar.
"Ao longo da miña vida intentáronme impoñer en que lingua falar, como pensar, como vivir... Nin antes nin hoxe nin despois nin aqueles nin ninguén, nin tampouco vostede me vai dicir en que lingua falar. Porque cremos na liberdade dos individuos", dixo Sémper en resposta ás críticas do deputado socialista Marc Lemuà. "Non lle direi que lingua debe falar, pero parece que Cuca Gamarra si o fixo o martes porque hoxe só falou castelán", matizou Montserrat Bassa, de ERC, que xunto cos deputados de BNG, Bildu, Junts, PNV ou Sumar defenderon a plena legalidade de uso de todos os idiomas na Cámara Baixa.
Néstor Rego (BNG) asegura que "o PP deberá dar explicacións na Galiza" e advirte da "deshonra que sempre levará consigo" Feijóo por votar contra o galego
"Dixo que ninguén lle vai dicir en que lingua falar, pero el el o PP queren dicirnos en que lingua temos que falar no Congreso", retrucoulle a Sémper Néstor Rego, deputado do Bloque, que na súa intervención lembrou que o pasado martes "foi entrar o galego no Congreso e saír Vox pola porta". "Nada mal, xustiza poética", engadiu.
O parlamentario nacionalista volveu reprochar ao PP e a Núñez Feijóo que vote contra o galego no Congreso e cre que o Partido Popular "deberá dar explicacións na Galiza". "É unha deshonra que sempre levará consigo", dixo dirixíndose ao ex-presidente da Xunta tras celebrar que a Cámara Baixa puxese fin a unha "anomalía democrática".
Ademais, Rego gabou o pobo galego que “nunca se rendeu na defensa da súa lingua” e destacou que este paso histórico para o idioma “non é o fin de nada. "Ao contrario, debe actuar como panca que impulse a normalización da nosa lingua", asegurou.
Tampouco obviou críticas ao Goberno de España, en alusión á proposta de priorizar a oficialización do catalán na UE. “A vergoñenta claudicación do Ministro de Exteriores, establecendo unha xerarquización que implica discriminar o galego e o éuscaro, é simplemente inaceptábel e unha afronta”, denunciou, tras advertir que“os galegos e as galegas non somos máis que ninguén, mais tampouco menos". "Non podemos aceptar semellante discriminación”, engadiu, logo de exixir ao Goberno español que “rectifique esa posición e manteña a defensa en igualdade das tres linguas”.
Feijóo non descarta recorrer ante o TC
Nada máis rematar a votación, o presidente do PP e ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o seu partido non descarta recorrer ante o Tribunal Constitucional o uso do galego, o vasco e o catalán no Congreso antes da entrada en vigor da reforma do regulamento que o permite e que estudará se hai un posible incumprimento da Lei de contratos do Estado.
"Non hai ninguén que poida dar por aprobada unha lei antes da súa entrada en vigor", dixo en rolda de prensa tras anunciar que a asesoría xurídica do PP xa avalía a posibilidade dun recurso. En concreto, denunciou que se usasen todas as linguas oficiais antes da aprobación da reforma do regulamento, algo que "nunca se viu en ningún Parlamento democrático". "É o contrario á democracia", insistiu.
Feijóo cre que a decisión racha un consenso sobre as regras de xogo do Congreso e asegura que agora "é moito máis difícil entenderse" na Cámara Baixa.