O galego, no Congreso dos Deputados 46 anos despois

Vista do hemiciclo do Congreso na sesión constitutiva da XV Lexislatura, este 17 de agosto © Congreso dos Deputados

En xuño de 2022, o pleno do Congreso rexeitou por ampla maioría absoluta (PSOE, PP, Vox e C's) a iniciativa que formularan ERC, PNV, JxCat, PDeCat e BNG para permitir que nos debates e tramitacións da Cámara Baixa puidesen ser empregados os idiomas oficiais diferentes do castelán. Apenas un ano despois, o xogo de maiorías emanado das eleccións xerais do pasado xullo vén de abrir a porta a que, corenta e seis anos despois da constitución do primeiro Congreso elixido en eleccións libres tras a ditadura e ás portas do cuadraxésimo quinto aniversario da Constitución, esa petición poida virar en realidade.

"Esta Presidencia permitirá a utilización de todos estes idiomas no Congreso dende esta sesión constitutiva", ratifica Francina Armengol

Durante as negociacións para a conformación da Mesa do Congreso, que consolidaron este 17 de agosto na elección da socialista Francina Armengol como nova presidenta por maioría absoluta, a cuestión de ampliar as marxes para o uso parlamentario normal do galego, o éuscaro e o catalán estivo sobre a mesa do PSOE por parte das formacións soberanistas. Ao tempo, Sumar formulaba especificamente a proposta como vía para impulsar os posibles acordos mentres forzas coma o Bloque lembraban a importancia que para elas tiña a proposta tombada en 2022.

As conversas, acompañadas por unha inusual discreción -cando menos, en comparación coas vividas nos últimos anos-, derivaron en acordo. E apenas vinte e catro horas despois de que Pedro Sánchez se comprometese a impulsar o uso nas institucións da Unión Europea de todas as linguas oficiais do Estado e non só do castelán, Armengol ratificaba tras a súa toma de posesión que ese dereito chegará tamén ao Congreso.

Cómpre, defende quen é xa terceira autoridade do Estado, "aceptar sen reparos a pluralidade de pensamentos e identidades", a cal "está obrigada a reflectir" o Congreso "para achegarse moito máis á España real" que, afirma, "é diversa" e está "chea de cores e cargada de matices". "Para avanzar neste camiño", engadiu, manifesta o seu "compromiso co castelán, co catalán, co éuscaro e co galego" e a "riqueza lingüística que supoñen". Por iso "esta Presidencia permitirá a utilización de todos estes idiomas no Congreso dende esta sesión constitutiva".

Francina Armengol pronuncia o seu primeiro discurso como presidenta do Congreso © Congreso dos Deputados

O BNG aplaude unha medida "de sentido común"

Á espera da concreción deste anuncio nunha eventual reforma regulamentaria -e de coñecer se, alén das intervencións orais, as linguas oficiais diferentes do castelán tamén poderán empregarse no rexistro de iniciativas-, no propio pleno constitutivo xa foi escoitado o galego por boca do deputado do BNG, Néstor Rego. Na súa promesa do cargo como parlamentario, Rego acatou a Constitución "por imperativo legal" e "no Día da Galiza Mártir e en memoria de Alexandre Bóveda, comprométome a traballar para defender o pobo galego e a soberanía da Galiza", expresou.

Rego asumiu o cargo de deputado en galego e cunha lembranza a Alexandre Bóveda no Día da Galiza Mártir. Sumar lembra que Díaz lanzou a proposta durante as negociacións para a Mesa

Xa fóra do hemiciclo, en declaracións aos medios, Rego lembrou que esta "é unha das cuestións que o BNG leva moito tempo pelexando" e subliñou que tamén lanzou esta reclamación nas negociacións co PSOE para a votación da Mesa. "Moitas veces faise da necesidade virtude e alegrámonos de constatar que estamos nunha lexislatura" na que as forzas soberanistas son "determinantes" para "recoñecer na práctica o feito de que o Estado español" é  "plurinacional, pluricultural e plurilingüe" e, daquela, medidas coma esta son "de sentido común".

Dende Sumar, pola súa banda, a deputada por Pontevedra Verónica Martínez Barbero coida que o anuncio de Armengol é a mellor mostra de que "a proposta realizada por Yolanda Díaz" se "transformou nun acordo que permite construír a maioría progresista e plurinacional da Mesa". A mudanza, subliña, debe concretarse nunha reforma do Regulamento que "tamén inclúa a interpretación simultánea" nos debates.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.