"España tamén fala en catalán, en euskera e en galego", di o líder socialista, necesitado de apoios nacionalistas para repetir el mesmo como presidente e para que este mesmo xoves, na constitución do novo Congreso, o PSOE reteña o control da súa Mesa
"A promoción das linguas cooficiais debe ser tarefa de todas as institucións, tamén do poder executivo, e por iso quero facer o anuncio de que imos impulsar o seu uso nas institucións comunitarias como un compromiso que vou despregar ao longo da Presidencia española da Unión Europea". Esa foi a promesa que fixo este mércores o presidente en funcións do Goberno de España e aspirante á reelección Pedro Sánchez, en plenas negociacións para a conformación dun novo executivo e só un día antes de que se constitúa o novo Congreso dos Deputados.
A promesa de potenciar todas as linguas oficiais do Estado e non só o castelán lanzouna un Sánchez necesitado do apoio de formacións nacionalistas, incluído o BNG, e aínda pendente de que Junts per Catalunya desvele se apoiará primeiro a candidata socialista para presidir a Mesa do Congreso, a ex-presidenta balear Francina Armengol, e despois ao propio líder socialista para manterse como presidente.
"A aposta do PP con Vox fracasou", incidiu Sánchez, para afirmar que "o primeiro é aceptar que en España goberna quen ten máis apoio"
Durante unha reunión co grupo parlamentario socialista Sánchez informou de que manterá como portavoces no Congreso e o Senado a Patxi López e Eva Granados. Na súa intervención, retransmitida, o líder socialista salientou que "España fala en castelán, pero España tamén fala en catalán, en euskera e en galego e, por tanto, o noso deber é consolidar espazos de representación, de uso e de coñecemento das linguas de España".
"Non hai propósito máis nobre en política que construír convivencia", sostivo Pedro Sánchez, quen avanzou que os vindeiros catro anos os socialistas estarán centrados en que o país estea "máis unido" na súa diversidade. "Iniciamos unha lexislatura que traerá máis xustiza fronte á desigualdade, máis unión fronte aos intentos de división, máis convivencia fronte á discordia, máis avances e ningún retroceso", agregou.
Por outra banda, Sánchez certificou este mércores o fracaso "rotundo" dos que "só teñen como proxecto a involución". "A aposta do PP con Vox fracasou", incidiu, para instar o Partido Popular a "decidir a que dereita europea quere parecer". Nesta liña, Sánchez afirmou que "o primeiro é aceptar que en España goberna quen ten máis apoio". "Non é hora de presións o xefe do Estado nin de cábalas máxicas. É hora da democracia parlamentaria", aseverou o líder socialista.