O PSOE ten asumido que vai perder un escano por Madrid logo do reconto dos votos do CERA (Censo de Residentes Ausentes). Así o confirmaron na noite deste venres fontes socialistas, polo que agora o partido precisaría non a abstención senón o si de Junts para que Pedro Sánchez sexa investido presidente do Goberno de España.
A confirmación oficial dos datos será este sábado, ao asinarse as actas do escrutinio, pero o PSOE xa dá por descontado ese cambio e a perda dun escano en Madrid, aínda que advirten de que "non modifica" a situación para formar maiorías, segundo informaba infoLibre.
Deste xeito, o PP subiría un escano -ata 16- en Madrid, mentres que o PSOE baixaría a 10 nesta circunscrición. En total, os socialistas quedarían con 121 no Congreso fronte a un PP con 137, polo que precisaría dun voto máis dos previstos ata agora de confirmarse a decisión por bloques de cara á investidura.
PP, Vox, CC e UPN sumarían 172 escanos fronte aos 171 de PSOE, Sumar, ERC, PNV, EH Bildu e BNG
Así, na Cámara Baixa a suma de bloques deixaría 172 escanos para PP e Vox, contando a incorporación dos deputados de Coalición Canaria (CC) e UPN, e de 171 para a suma de PSOE, Sumar, ERC, PNV, EH Bildu e BNG. Xa que logo, aos socialistas non lles abondaría coa abstención dos sete deputados de Junts para a investidura, senón que precisarían un si. Todo a non ser que CC decidise finalmente apoiar o bloque progresista, cuestión que rexeitou aínda este sábado.
Neste contexto, muda tamén a situación do Bloque, cuxo voto perde relevancia á hora de decantar a balanza cara a un dos dous bloques.
O resto de circunscricións logo do reconto do CERA non modificou a repartición de novos deputados. En Galicia, a vitoria do PP no voto exterior foi contundente ao imporse con claridade nas catro provincias e alcanzar os 13.245 votos, fronte aos 7.281 que logrou o PSdeG.
O terceiro posto nas provincias da Coruña e Pontevedra foi para Sumar, mentres que en Ourense e Lugo esta posición ocupouna Vox. O BNG, pola súa banda, foi quinta forza en todas as circunscricións.
O PP impúxose con claridade no voto exterior en Galicia, gañando nas catro provincias
Na Coruña, o PP logrou un total de 4.246 votos CERA por diante do PSOE, con 2.713, fronte aos 1.233 de Sumar, os 829 de Vox e os 662 do BNG. En Pontevedra, pola súa banda, o PP sumou 4.319 votos, case o dobre que o PSdeG, que quedou en 2.345. Sumar alcanzou os 1.019 sufraxios, Vox 865 e o BNG, 603.
No caso de Lugo, os populares alcanzaron os 1.633 votos, cun PSdeG máis achegado ao lograr 1.047 sufraxios. Aquí foi terceira forza Vox, con 316 votos, mentres que Sumar chegou aos 235 e o BNG quedou en 174.
Por último, en Ourense, o PP gañou con 3.017 apoios, case o triplo dos que obtivo o PSdeG, segunda forza con 1.176. Vox apañou nesta provincia 669 votos, por diante de Sumar (382) e o BNG (208).