Nas eleccións xerais de 2011 introduciuse a necesidade de rogar o voto para os electores que se atopasen no estranxeiro e formasen parte do Censo de Residentes Ausentes (CERA), é dicir, a obriga de solicitar previamente participar en cada convocatoria electoral. O obxectivo desta medida era incrementar as garantías de limpeza no proceso e evitar posibles fraudes. Porén, o voto rogado tamén supuxo un prexuízo para moitas persoas que desexaban exercer o seu voto e quedaron sen poder facelo ou fixérono despois dun gran esforzo administrativo e mesmo económico.
A principal consecuencia da aplicación do voto rogado é que a porcentaxe de participación do voto emigrante pasou de moverse entre o 25% e o 35% a caer ata niveis entre o 1% e o 4%
A principal consecuencia da aplicación do voto rogado é que a porcentaxe de participación do voto emigrante pasou de moverse entre o 25% e o 35% a caer ata niveis entre o 1% e o 4%. O pasado ano as cámaras aprobaron unha reforma da lei electoral que implica a eliminación do voto rogado -unha vella demanda dos colectivos de emigrantes novos no estranxeiro- aínda que introduce algúns elementos que buscan asegurar a limpeza no proceso, como unha depuración do censo e o traslado dos votos en valixa diplomática. Porén, a reforma tamén fai agromar os vellos interrogantes sobre o voto exterior.
As eleccións do 23 de xullo serán as primeiras nas que se apliquen as novas normas para o voto do censo CERA e a principal incógnita é o nivel de participación ao que se chegará. Un nivel de participación do 25% implicaría a introdución nas urnas de preto de 120 mil votos
As eleccións xerais do 23 de xullo serán as primeiras nas que se apliquen as novas normas para o voto do censo CERA (nas municipais non teñen dereito ao sufraxio) e a principal incógnita é o nivel de participación ao que se chegará.
A súa importancia non é pequena: o censo de residentes ausentes para as catro circunscricións galegas ascende a case medio millón de electores e electoras (472.000, un máximo histórico) e un nivel de participación do 25% (nas Xerais de 2008 foi moi superior, ao redor do 35%) implicaría a introdución nas urnas de preto de 120 mil votos, que poderían ser determinantes para decidir o destino do derradeiro deputado ou deputada nalgunha das provincias galegas.
Galicia é o territorio no que o CERA representa unha proporción máis importante do censo total, un 17,6%. O dato máis elevado rexístrase en Ourense, onde o 29% reside no estranxeiro, moi por riba do 20,5% de Lugo ou o 15% da Coruña e Pontevedra
Galicia é, con gran diferenza, o territorio do Estado no que o censo CERA representa unha proporción máis importante do censo total, un 17,6%. O dato, moi por riba da media española (7,6%) só é comparable ao de Asturias (12,9%). Castela e León, Canarias e Cantabria móvense entre o 8% e o 9%.
O dato máis elevado rexístrase en Ourense, onde o 29% do censo reside no estranxeiro, moi por riba do 20,5% de Lugo ou o 15% da Coruña e Pontevedra.
No resto do Estado tan só as provincias de Asturias, León, Salamanca e Zamora superan o 10%.
As inscricións no CERA non son sinónimo de emigrantes na súa totalidade. Case o 75% da poboación residente no estranxeiro e considerada galega dende o punto de vista administrativo non naceu en Galicia
As inscricións no CERA non son sinónimo de emigrantes na súa totalidade. Case o 75% da poboación residente no estranxeiro e considerada galega dende o punto de vista administrativo non naceu en Galicia e, polo tanto, non emigrou do país a outro lugar. A razón é a extensión, a través de diferentes habilitacións legais, da nacionalidade española a fillos e netos de persoas emigradas dende Galicia, o que lles permite inscribírense no censo exterior da provincia galega que corresponda.
Dese case medio millón de electores e electoras con dereito a voto nas eleccións do 23 de xullo, ao redor dun terzo reside na Arxentina (166 mil), o país con máis presenza no censo CERA
Dese case medio millón de electores e electoras con dereito a voto nas eleccións do 23 de xullo, ao redor dun terzo reside na Arxentina (166 mil), o país con máis presenza no censo CERA, por diante de Cuba, Brasil, Uruguai, Suíza, Venezuela, Estados Unidos, Francia, Alemaña e Reino Unido. Latinoamérica e Europa supoñen o groso dos países con máis peso no CERA, pero tamén figuran con máis de mil posibles electores Canadá ou Australia.