Cando para votar hai que pagar 40 euros

Factura do envío certificado do voto dende Ecuador: 45 dólares Dominio Público Praza Pública

A Iván Villarmea e Belén Puñal as eleccións xerais do pasado 20 de decembro pilláronos traballando nunha universidade en Ecuador, un destino que nos últimos anos acolleu a moitos investigadores galegos e de todo o Estado. Despois de realizar o trámite do rogo do voto no consulado español, procederon a votar por correo, remitindo a documentación e o sufraxio a través dun envío certificado, como esixe a lei, cun custe de 45 dólares por persoa (uns 40 euros). 

A normativa electoral garante que o exercicio do voto por correspondencia é gratuíto, independentemente de que se faga dende España ou dende o estranxeiro. O Real Decreto 605/1999 explica no seu artigo 11 os "procedementos para posibilitar a gratuidade do voto por correo dos electores residentes ausentes". Aquelas persoas que voten dende países cos que España non teña acordos específicos que garantan o envío gratuíto (son 16 permiten isto, entre os que non está Ecuador, pero tampoco o Reino Unido ou os Estados Unidos), deben cumplimentar un impreso "destinado a posibilitar o reintegro ao elector dos gastos de franqueo satisfeitos pola remisión do seu voto por correo". O Decreto sinala (artigo 11.8) que "Correos remitirá (...) o importe do franqueo, redondeado, no seu caso, por exceso (...) e notificaralle ao elector por correo certificado o procedemento e a contía do envío".

Ata aquí a letra da lei. O pasado xoves 2 de xuño Belén e Iván recibiron en Ecuador dúas cartas nas que Correos lles notificaba que podían cobrar un xiro postal de 3,4 dólares en compensación polo envío electoral que realizaran en decembro. A carta, con data de 5 de maio, indicaba que o xiro era unicamente válido ata o 31 de maio (xa non podían cobralo). E, o que é máis grave, a cantidade ofrecida era irrisoria e só cubría unha pequena parte do gasto realizado. A mensaxe de Correos lembraba, a pesar de todo, que "a normativa electoral xeral garántelles a todos os cidadáns a gratuidade do voto por correo, independentemente do lugar de residencia".

"A situación parécenos moi grave, porque o Estado está a retirarlle o dereito ao voto a aqueles electores residentes no estranxeiro que non estean dispostos a pagar do seu peto as cantidades que custa enviar o voto dende o exterior"

"A situación parécenos moi grave, porque o Estado está a retirarlle o dereito ao voto a aqueles electores residentes no estranxeiro que non estean dispostos a pagar do seu peto as cantidades que custa enviar o voto dende o exterior. O sistema que ofrecen de reembolso non funciona (porque os localizadores dos xiros postais están chegando máis tarde do tempo que os xiros están dispoñíbeis) e, ademais, a cantidade ofrecida non cobre nin a décima parte do custe real destes envíos, polo que na práctica o cidadán paga por votar", denuncian.

Este martes Iván Villarmea presentou un escrito de protesta ante o Ministerio do Interior no que explica a situación e incorpora documentación que xustifica a súa queixa (a factura de 45 dólares do envío certificado, e a comunicación do xiro postal de 3,4 dólares). No escrito solicita "que poñan á miña disposición (e á de todas as persoas que se atopen nesta situación) un novo xiro postal polo importe real e completo do envío do noso voto desde o estranxeiro (é dicir, no meu caso, 45 dólares) que poidamos solicitar en calquera oficina de correos, dándonos un prazo de tempo suficientemente amplo (por exemplo, até finais do mes de xullo) para que poidamos realizar a súa solicitude".

A mensaxe de Correos lembraba, a pesar de todo, que "a normativa electoral xeral garántelles a todos os cidadáns a gratuidade do voto por correo, independentemente do lugar de residencia"

Ademais do malestar que lles crea a situación vivida, o gasto (non pequeno), o incumprimento da lei e, sobre todo, a constatación de que se viron obrigados a realizar un desembolso económico para poder exercer un dereito fundamental, amósanse preocupados pola posibilidade de que todo isto se repita na presente convocatoria electoral. Non tanto no caso de Iván, que se atopa nestes momentos en Zaragoza, dende onde votará por correo de forma convencional, senón sobre todo no de Belén, que segue a vivir en Ecuador.

 

Un problema engadido aos obstáculos do voto rogado

O que lles sucedeu a Belén e Iván é un problema que, afortunadamente, non atoparon outras persoas residentes temporalmente no exterior, pois España mantén con algúns países convenios que permiten realizar o envío do voto por correspondencia de forma gratuíta. Cando estes convenios non existen, a situación que viviron estes dous galegos parece repetirse en moitos casos, á vista das denuncias que se están a producir. Porén, independentemente disto, as persoas que están no exterior e que non puideron inscribirse no censo CERA (que facilita o proceso) teñen que atravesar unha verdadeira carreira de obstáculos para exercer o seu dereito ao sufraxio, que comeza pola inscrición no consulado e co rogo do voto, trámites para os que hai un prazo moi curto e que deben ser realizados na oficina consular, en ocasións situada moi lonxe e con horarios que non facilitan o proceso. Foi tamén o caso de Belén e Iván.

"As dificultades no noso caso foron as habituais para o proceso de voto rogado: desprazarnos de Milagro a Guayaquil en bus e taxi (uns 50 quilómetros), empregando para iso a metade dun día de traballo"

"As dificultades no noso caso foron as habituais para o proceso de voto rogado: desprazarnos de Milagro a Guayaquil en bus e taxi (uns 50 quilómetros), empregando para iso a metade dun día de traballo. Facer cola no exterior do consulado para entrar, facer cola no interior do consulado para que nos atendan, ser informados dos trámites necesarios (que incluían, no meu caso, entregar unha foto que eu non tiña daquela para inscribirme no censo ERTA, polo que tiven que saír do consulado e volver entrar) e logo agardar ansiosos á chegada das papeletas na casa durante un mes", explica Iván, que conclúe que "o proceso foi farragoso e tivemos que botarlle tempo e vontade para conseguir o noso obxectivo: votar".

"O proceso foi farragoso e tivemos que botarlle tempo e vontade para conseguir o noso obxectivo: votar"

En canto ás posibles solucións que poderían facilitar o exercicio do voto para as persoas que viven no exterior, Iván valora algunhas das opcións postas sobre a mesa nos últimos meses, coma o sufraxio directo en urna, aínda que sinala que "o voto en urna tería o problema de que só favorecería a participación daquelas persoas que vivisen en lugares con grandes concentracións de españois, polo que os cidadáns que vivan máis arredados seguirían dependendo do voto por correo". "Iso si, concordo que o voto en urna é preferíbel ao voto rogado, porque xa de ir ao consulado, cando menos, vas no día propio para votar", engade. Tamén a posibilidade de implantar o voto electrónico, do que se poderían "explorar as súas posibilidades, nun programa piloto", para "tentar ofrecer ao maior número de electores ausentes a posibilidade de exercer o seu dereito ao voto sen tantos atrancos".

 

Carta de Correos na que informa do reembolso de 3,4 dólares Dominio Público Praza Pública
Factura do envío certificado do voto dende Ecuador: 45 dólares Dominio Público Praza Pública
Oficina de correos ecuatoriana © Correos del Ecuador

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.