As campañas electorais galegas vólvense xogar tamén en América

Instante dun pleno recente do Parlamento sobre unha imaxe de arquivo da cidade de Bos Aires CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal | Foto Arxentina: Andrea Leopardi / Unsplash | Foto pleno: © Parlamento

Na noite electoral do 19 de xuño de 2005 as principais forzas da esquerda galega contiveron a respiración. As urnas ditaminaran que o PP de Manuel Fraga perdera a maioría absoluta e con ela, o Goberno galego. Pero a marxe era estreita, un único escano por Pontevedra, e faltaba por recontar o mal chamado voto emigrante. No cuartel xeral dos populares houbo dirixentes con gañas de litigar para tentar reverter o resultado. Outros, Fraga incluído, asumiron que non había moito que facer. Manexaban datos de que o apoio no exterior non ía ser dabondo para reter o poder e ademais, engadían unha certeza: o sufraxio do estranxeiro sempre favorecía ao partido que gobernaba en España ou, cando menos, non o prexudicaba. 

O voto rogado foi introducido en 2011 para frear o "descontrol descomunal" do voto exterior, pero aquela reforma tratou de xeito idéntico situacións moi dispares e provocou unha enorme caída da participación, que dende aquela nunca chegou ao 4% en Galicia

Naquela ocasión o voto das persoas anotadas no Censo de Residentes Ausentes (CERA) non moveu escanos en Galicia, como sucedera en 2001, como pasara antes e volveu acontecer noutros comicios. Pero podía facelo, de aí que as maquinarias dos partidos -especialmente de PP e PSOE, por contaren con maior capacidade que calquera outro- se esforzasen en lograr papeletas dunha colectividade cada vez máis ampla cuxo método de participación electoral estaba marcado pola opacidade e "un descontrol descomunal", como resumiu o xornalista Anxo Lugilde, un dos máis profundos estudosos deste sistema de voto e as súas zonas escuras. Con mitins e demais eventos de campaña, pero tamén por outras vías, como foi ficando demostrado en diversas ocasións.

Acabar con esa porta aberta á fraude foi a intención da reforma do voto exterior aprobada en 2011, que tivera como principal novidade a introdución do sufraxio rogado, isto é, da obriga de solicitar participar en cada convocatoria electoral. A introdución de garantías como a identificación persoal obrigatoria, pero tamén os prazos axustados e o tratamento idéntico para situacións moi diferentes -Estados con diversos sistemas postais e emigrantes recentes con descendentes da emigración de hai décadas- fixeron caer a participación electoral exterior ao mínimo -dende aquela, en Galicia nunca chegou ao 4%-

Este é o contexto no que chega a reforma do voto exterior aprobada definitivamente este 21 de setembro tras o "si" por unanimidade do pleno do Senado. O ratificado é o texto proveniente do Congreso a partir dunha proposición de lei do PSOE e Unidas Podemos que ten a fin do voto rogado como principal pero non única novidade.

Coa nova lei o electorado do exterior recibirá os sobres de votación sen solicitude previa, poderá descargar de internet as papeletas e votar en urna ou remitir por correo papeletas que xa non viaxarán en sacas, senón en valixa diplomática. A norma tamén implica unha depuración do censo

Nas vindeiras convocatorias electorais -no caso galego, nas próximas eleccións xerais, xa que o CERA segue excluído das municipais- as persoas inscritas neste censo dos chamados residentes ausentes recibirán os sobres de votación sen solicitude previa "con sistemas de seguridade axeitados", segundo a nova lei. Xunto a eles terán os certificados de inscrición no censo e un enderezo web no que descargar as papeletas de todas as candidaturas -todas dunha vez, para "garantir o segredo do voto"- cando estean aprobadas.

Para votar, este electorado terá dúas vías. Unha será en urna ata 3 días antes das eleccións nas correspondentes embaixadas, oficinas ou seccións consulares, onde atoparán papeletas e sobres como en calquera colexio electoral. Outra será o correo cun envío á embaixada ou consulado que deberá incluír, alén do voto, o certificado de inscrición no censo en unha copia do carné de identidade, do certificado de nacionalidade ou da inscrición consular. Antes de que todo isto suceda, a lei contempla unha depuración do censo para "comprobar a fe de vida" do electorado e unha nova revisión cada cinco anos. [Máis información e texto completo da nova lei]

O senador socialista lucense César Mogo defendeu no debate final da lei que a reforma non fai máis que "restituír a plenitude dun dereito que, non deliberadamente, fora cercenado" en 2011. O novo modelo, mantén, facilita a participación pero tamén "gaña en seguridade para evitar a fraude" xa que, por exemplo, as antigas sacas de votos son substituídas por envíos en valixa diplomática. "Os emigrantes galegos saben moi ben que, dende hoxe e por iniciativa do PSOE, hai unha ampliación dos seus dereitos eleccións", resaltou.

Case medio millón de votos en xogo en Galicia

Esta reforma ten en Galicia unha innegable importancia política. O CERA das provincias galegas sumaba nas últimas eleccións ao Parlamento (2020) 463.182 inscricións. O pasado agosto, último dato dispoñible na Oficina do Censo Electoral, a cifra xa aumentara a 469.917 sobre un total de 2,69 millóns de persoas, polo que o censo exterior supón xa un 17,5% do total.

O CERA xa supón máis do 17% do censo galego e, coas taxas de participación previas á reforma de 2011, cabe agardar a chegada a Galicia duns cen mil votos en cada convocatoria

A modificación da normativa pon en xogo, daquela, case medio millón de votos. Coas cifras de participación dos últimos procesos previos á modificación da reforma e cando xa se introducira a obriga de anexar o DNI xunto coa documentación para votar (arredor do 30%) cabería esperar a chegada de entre 100.000 e 140.000 votos. Unha mostra da relevancia que esa cantidade de papeletas á hora de compoñer, por exemplo, o Parlamento de Galicia, pode ser a cantidade de apoios que recibiron (contado o CERA) as forzas políticas que compoñen o actual lexislativo galego: 627.762 o PP, 311.340 o BNG e 253.750 o PSdeG.

Rueda, visitando Buenos Aires como vicepresidente (2014); Pontón, ante o Centro Gallego de Buenos Aires en 2018 e mitin do ex-presidente Touriño na capital arxentina na campaña de 2009, a última antes da reforma do CERA en 2011 CC-BY-NC-SA Xunta | BNG | PSdeG

Esas case 470.000 persoas que compoñen o actual CERA, previo á depuración, non se distribúen de maneira uniforme polo mundo, como amosa o mapa que acompaña esta información. Máis do 35% (algo máis de 165.000 nas últimas eleccións galegas) están na Arxentina. O peso de América ascende ata case o 70% contando as máis de 43.000 inscricións no Brasil, case 42.000 en Cuba, practicamente 37.000 no Uruguai e preto de 29.000 en Venezuela. En total, case 320.000 potenciais votantes que ascenden por riba dos 350.000 incluíndo na conta aos Estados Unidos, México ou Chile. En Europa, os Estados con máis inscricións no CERA galego son Suíza (máis de 33.000, o 7% do total), Francia (17.000) e Alemaña (case 15.000).

Case tres cuartas partes do censo exterior galego están en América, a metade na Arxentina, que volverá ser clave na cartografía electoral dos partidos. O vindeiro outubro Rueda inicia a súa primeira viaxe oficial como presidente con destinos arxentinos e uruguaios

A outra variable que entra en xogo cada vez con máis forza é que estas cifras de inscricións no CERA non son sinónimo de emigrantes na súa totalidade. Non en van, atendendo aos datos máis recentes do padrón de residentes no estranxeiro (PERE), un rexistro diferente ao CERA pero con variables moi semellantes, case o 75% da poboación residente no estranxeiro e considerada galega dende o punto de vista administrativo non naceu en Galicia e, polo tanto, non emigrou do país a outro lugar. A razón é a extensión, a través de diferentes habilitacións legais, da nacionalidade española a fillos e netos de persoas emigradas dende Galicia, o que lles permite inscribírense no censo exterior da provincia galega que corresponda.

Con todos estes elementos sobre a mesa cabe agardar que as forzas políticas volvan incluír na súa cartografía electoral o estranxeiro en xeral e os devanditos países sudamericanos en particular e que tamén o faga o Goberno galego. Nesta liña, hai escasos días a Xunta anunciaba que a primeira viaxe internacional de Alfonso Rueda como presidente será á Arxentina e ao Uruguai do 13 ao 17 de outubro cunha "axenda marcada por encontros con representantes diplomáticos españois e con autoridades do máis alto nivel de ambos os dous países"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.